31 agosto 2009

Medio Ambiente sigue con sus predicaciones sobre la recogida selectiva y se adjudica el éxito

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).Máis de 8.000 persoas participaron nas xornadas lúdico-informativas sobre a recollida de selectiva de residuos promovidas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, o que supón unha media superior a 500 persoas informadas en cada praia. Cómpre recordar que esta actividade iniciouse o pasado 6 de agosto e rematou onte, domingo, día 30, na praia de A Rapadoira. Este proxecto informativo enmárcase dentro dunha campaña máis ampla que Medio Ambiente realizou en colaboración coa empresa Ecoembes en 149 praias distribuídas en 72 concellos, das que 34 son fluviais.

En total repartíronse 4.000 xogos de naipes, 4.000 pelotas de beisol e 7.000 gorros amarelos co lema Separa para reciclar. Os visitantes puideron participar en distintos xogos tradicionais adaptados á temática da xestión dos residuos urbanos, reforzando neles o seu interese pola xestión do lixo e o coidado das costas e do mar.

As xornadas lúdico-informativas consistían en ofrecer información activa sobre a recollida selectiva dos residuos urbanos nos propios areais e zonas de baño. O propósito era ofrecer datos aos nenos e adultos, lembrándolle aos usuarios a existencia de contedores, os residuos que se deben depositar en cada contedor ou a resolución de dúbidas. Os técnicos da campaña tamén pretendían recoller a valoración e receptividade dos usuarios e agasallalos con diverso material promocional.

Resposta do público
Cada xornada lúdico-informativa foi coordinada por un equipo de 3 monitores en horario de 12 a 14 horas e de 16 a 20 horas, aproximadamente. O seu cometido foi informar a un público que maioritariamente eran rapaces de idades comprendidas entre os 5 e 12 anos, e adultos con idades que ían dende os 30 anos, en moitos casos proxenitores ou avós, que acompañaban aos rapaces.

A maioría das persoas informadas eran de Galicia, pero tamén se constatou a participación de persoas procedentes doutras comunidades autónomas limítrofes, como Asturias ou Castela-León, así como doutros países, como Portugal ou Inglaterra.
Cómpre sinalar que a poboación mostrou un amplo coñecemento do residuos que hai que depositar en cada colector e manifestou que colaboraba activamente coa recollida selectiva dende as súas casas.

Preguntas máis frecuentes
No transcurso da actividades, os participantes tiveron oportunidade de aclarar algunhas dúbidas sobre o proceso de reciclaxe. Así, as preguntas máis frecuentes foron consultas relativas ao uso dos distintos colectores, como onde se tiran as lámpadas fundidas, se era necesario romper o cristal e separalo do metal, onde se deposita o aceite doméstico reciclado, onde se tiran os cueiros usados, ou en que colector se tira a bandexa de poliespan dos alimentos.

Principais erros detectados
Os profesionais que atendían aos participantes destas actividades de concienciación medioambiental tamén detectaron unha serie de erros frecuentes, relacionados co descoñecemento e as prácticas incorrectas. Concretamente no caso da xestión do lixo doméstico céntranse en confundir os briks (cartóns de bebidas) co cartón e depositalos incorrectamente, na dificultade para distinguir entre cristal e vidro, no depósito incorrecto de cueiros nos colectores amarelos, no descoñecemento de que os envoltorios de aluminio hai que depositalos nos colectores amarelos, e que moitas persoas manifestan que depositan incorrectamente envases de vidro no colector amarelo, porque o asocia con todo tipo de envases.

Obxectivo último: a concienciación
Os cativos tiveron a oportunidade de participar en xogos para a comprensión básica da recollida selectiva, coa intención de espertar do seu interese pola xestión dos residuos domésticos e o coidado das costas e do mar e conciencialos da necesidade de fomentar a reciclaxe, como medida de coidado do medio ambiente.

As citadas xornadas lúdico-informativas, incluídas no programa de recollida selectiva, tamén buscaban fomentar unha mellor imaxe ambiental dos concellos participantes e, por suposto, da comunidade galega en xeral.