31 agosto 2009

¡Mi Buenos Aires querido...!

Buenos Aires - Argentina (MORRAZO-TRIBUNA).- O Secretario Xeral de Emigración da Xunta, Santiago Camba, e o Director Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, reuníronse este venres con membros do Goberno da Cidade Autónoma de Buenos Aires con quen analizaron os temas de interese conxunto para o futuro convenio de colaboración que asinarán as dúas Administracións.

O encontro tivo lugar no Salón de Acordos da Xefatura de Goberno da Cidade Buenos Aires e nel estiveron presentes o Director Xeral de Relacións Internacionais, Fulvio Pompeo, e o Director Xeral de Relacións Institucionais, Claudio Avruj. Estes altos cargos da Administración porteña manifestaron o seu interese por establecer este marco de relación con Galicia.

Segundo declarou Gamallo trala xuntanza, “coinciden as vontades dos dous Gobernos en ratificar un documento que faga da colaboración entre Galicia e Buenos Aires un feito permanente”. Neste sentido, explicou que as áreas sinaladas como prioritarias e de interese mutuo para as dúas Administracións son o intercambio cultural, a promoción comercial, a formación da xuventude, investigación e, nomeadamente, a promoción do Xacobeo 2010 entre os porteños.

Axenda institucional
Este encontro enmárcase dentro da axenda institucional que Santiago Camba e Jesús Gamallo están a desenvolver na capital arxentina. O venres pola mañá reuníronse co Embaixador do Reino de España, Rafael Estrella Pedrola, a quen presentaron formalmente ao Delegado da Xunta de Galicia en Buenos Aires, Alejandro López Dobarro, e, logo, con responsables da Universidade de Ciencias Empresariais e Sociais (UCES).

O Secretario Xeral de Emigración fixo unha visita á Escola de Náutica, onde se entrevistou co Comandante do Terzo de Galegos, Horacio Vázquez, e coñeceu a sala museo da institución que levará o nome do pontevedrés Pedro Cerviño.

Pola tarde, Camba achegouse ata a sede da Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina, reuniuse co presidente da entidade, Francisco Lores Mascato, visitou o Museo da Emigración Galega (MEGA) e interesouse polos traballos de restauración que se está a facer das preto de 5.000 fichas do arquivo do extinto Centro Republicano español de Buenos Aires. A posta en valor deste material, fundamental para conservar a información dos exiliados españois, estáse a levar a cabo por preto de 20 alumnos da Universidade do Museo Social Arxentino (UMSA).