20 agosto 2009

Clausura de curso sobre el Camino de Santiago y la fundación de Occidente

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, clausurará mañá na sede da Universidade Internacional Menéndez Pelayo o curso especializado El Camino de Santiago y la fundación de Occidente: una revisión actualizada del fenómeno jacobeo, cofinanciado pola Consellería de Cultura e Turismo a través da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura co obxectivo de promover a cultura científica xerada a partir do Xacobeo, considerado un feito diferencial. A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, pronunciará asemade a conferencia Las políticas públicas relativas al Camino de Santiago: el enfoque del Gobierno Gallego, na que analizará as liñas estratéxicas de promoción do Xacobeo 2010.

Na axenda de traballo da delegación da Consellería de Cultura e Turismo, que se completa coa presenza do director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López, está prevista a visita á exposición Los Granell de André Breton, no Museo de Bellas Artes, na que se recollen 41 debuxos e 4 óleos de Eugenio Granell, o máximo representante do surrealismo en Galicia. A mostra, organizada pola Consejería de Cultura, Turismo y Deporte de Cantabria e o Museo de Bellas Artes do Ayuntamiento de Santander, xorde da amizade entre André Bretón, epicentro histórico do surrealismo, e Eugenio Granell, considerado o último dos mestres do surrealismo base e supón unha importante recuperación artística, patrimonial e cultural da obra dun dos autores máis destacados da pintura galega.

A exposición conta con debuxos pintados por Granell durante o seu exilio a terras sudamericanas, constituíndo unha boa oportunidade para achegarse á obra deste creador polifacético que desempeñou unha importante labor dentro do movemento surrealista a nivel internacional. A mostra poderá visitarse ata o 20 de setembro.

Fenómeno Xacobeo
O curso El Camino de Santiago y la fundación de Occidente: una revisión actualizada del fenómeno jacobeo, desenvólvese baixo a dirección do profesor de Ciencias Políticas da Universidade de Santiago de Compostela, Xosé Luis Barreiro Rivas. A asistencia ao seminario considérase satisfactoria xa que conta con 43 alumnos matriculados entre estudantes de Historia, Ciencia Política, Socioloxía, Arte e de Ciencias Ambientais, e todos aqueles que por motivos profesionais ou por curiosidade científica, desexan estudar e comprender un fenómeno que terá un dos seus fitos fundamentais no Ano Santo 2010.
Dende o pasado luns, un total de 14 especialistas analizan o fenómeno Xacobeo e a influencia das peregrinacións como feito social que contribuíu á fundación de Occidente e a súa concepción universalista. De igual xeito debátese o papel do Camiño de Santiago como o máis amplo proceso de acción colectiva do Medievo, quedando definitivamente vinculado á historia de Occidente.