26 agosto 2009

Mais unha vez : contaminación da Ría

Unha vez mais é noticia a morte da fauna dun río (Verduxo) que ten vertente na Ría de Vigo e que foi causada pola neglixencia e incompetencia dos responsabeis dunha depuradora de augas residuais, neste caso concello de Pontecaldelas e Xunta de Galicia.

Ante estes lamentabeis acontecementos a FAVEC denuncia unha vez mais a presión contaminante a que está sendo sometida a Ría de Vigo e as escasas ou nulas medidas correctoras que se están a tomar desde as administracións responsabeis en materia de medio ambiente a pesar das constantes denuncias efectuadas por parte dos colectivos cidadáns.

Temos no Concello de Vigo o paradigma da situación mais degradante para tan fráxil ecosistema, pois a pesar das constantes agresións de verquidos industriais que conteñen unha carga insoportable de metais pesados, de ter ardido recentemente unha macronave no Gorxal que aniquilou a escasa fauna do río Lagares, dos verquidos directos á Ría de Vigo por parte dos asteleiros, corserveiras, do propio Porto de Vigo, da propia depuradora do Lagares, dos aterramentos, etc. etc. non se están tomando as máis mínimas e simples medidas para cando menos deter a galopante degradación da calidade das augas da Ría de Vigo na que se desenvolve unha importante actividade de cria de molusco e extracción de pesca e marisqueo a pé e en barco.

A FAVEC comprende e apoia o movemento cidadán que se desenvolve en contra das agresións á Ría de Vigo onde queira que se produzan, poren está de acordo en evitar construccións sen consenso encol da lámina de auga da Ría de Vigo como se pretende facer no Salgueirón.

É hora tamén de facer dunha vez por todas unha valoración seria dos usos portuarios e calibrar a riqueza produtiva en parámetros de certeza e de futuro. A Ría é o medio de vida de moitas familias mariñeiras.


Antón Sánchez Fernández
Vogal Medio Ambiente da Federación de Asociacións de Veciños de Vigo