Segundo o reitor é a proposta que "menos lesiona á Universidade de Vigo"
O Consello de Goberno aproba un acordo sobre a creación de Cidade Universitaria S.A que substitúe ao anulado por sentenza xudicial
Na sesión ratificouse un programa especial de consolidación de profesorado
VIGO/PONTEVEDRA (Mª del Carmen Echevarría | Diario da Universidade de Vigo)
Por 25 votos a favor, cinco en contra e cinco abstencións, os membros do Consello de Goberno aprobaron hoxe un novo acordo sobre a creación de Cidade Universitaria S.A que substitúe ao anulado pola sentencia do Tribunal Supremo de marzo de 2007. Trala decisión de setembro pasado do Tribunal Constitucional de inadmitir o recurso presentado pola Universidade de Vigo á sentenza do Tribunal Supremo, “trátase”, asegurou a secretaria xeral, Esther González, “de executar o contido da sentenza do Supremo que anula o acordo da Xunta de Goberno de xuño de 1999 polo que se creou Cidade Universitaria S.A”.
En concreto o Tribunal Supremo entende que o acordo de 1999 foi ditado “sen motivación, non se incorporaron á resolución informes en dereito previamente realizados, tampouco se fixeron cálculos, nin estimación, nin razoamento, respecto da repercusión que habería de ter o acto no orzamento universitario”. Así, a secretaría xeral explicou que “o reproche que se fai á Universidade é meramente formal porque toda esa documentación existía xa no expediente administrativo aberto para crear a sociedade, non se incorporou na sesión de Consello de Goberno de 1999 para o seu coñecemento polos membros do mesmo”.
Ao tratarse dun defecto subsanable e apoiándose en informes xurídicos, o Consello de Goberno adoptou un novo acordo sobre a creación de Cidade Universidade S.A que ademais de substituír ao acordo anulado, tería efectos retroactivos. “Para ditar ese acordo substitutorio, debe cumprirse estritamente o que detecta a sentenza como defectuoso. Polo tanto debe aportase esa documentación existente no expediente que inclúe a resolución reitoral de inicio de expediente e os informes de viabilidade económica, de asesoría xurídica sobre fórmula xurídica empregada e de control interno sobre abono e participación”, explicou Esther González.
Posturas contrarias
O acordo que segundo avanzou a secretaría xeral “será o xuíz o que diga se se axusta ou non á sentenza”, centrou as intervencións e varios dos integrantes do grupo da oposición Nova Universidade que insistiron en preguntar á secretaria xeral pola existencia de algunha outra alternativa que non pasase pola adopción deste acordo. “Este é un tema o suficientemente importante como para tratalo en profundidade”, afirmou José Luís Legido, mentres que Francisco Javier Rodriguez Berrocal aclarou que “non quero votar en contra da execución da sentenza, dado que sería incorrer en desacato, pero si apoio a súa proposta estou a favor da creación da S.A, contra a que votei en 1999”.
Pola súa banda o presidente da Xunta de persoal, Xan Cebro, manifestou o seu apoio á proposta do equipo de goberno, aínda que avanzou o seu voto negativo en consonancia coa postura que mantivera en 1999.
En resposta á pregunta formulada por José Luís Legido, o reitor, Alberto Gago, aclarou que a proposta do equipo de goberno non é a única “hai distintas maneiras de executar, unha pode ser a disolución da sociedade pagando aos afectados, que sería moi negativa para a Universidade”. Fronte a esta posibilidade Gago defendeu a proposta que finalmente foi aprobada dado que “esta que se propón é unha forma de executar sinxela, cómoda e fácil e que menos lesiona á Universidade”.
Novos plans docentes e límite de prazas
Con motivo da implantación a partir do próximo curso dun importante número de graos e para evitar que a transición do actual sistema ao novo ocasione unha paralización na consolidación de cadros de persoal docentes, o Consello de Goberno acordou establecer un plan especial de consolidación baseado por unha banda, na distribución de carga básica por campus, e pola outra, nos créditos históricos non consolidables e cuantificados pola contratación de asociados nos cursos 2006/2007, 2007/2008 e 2008/2009 para impartir docencia en determinados campus.
Pero non foi este o único acordo relacionado co profesorado adoptado polo Consello de Goberno na sesión de hoxe, na que tamén se deu luz verde ás normas do POD para o curso 2009/2010. Trátase de normas relativas á carga docente e capacidade docente; condicións para a saída a concurso de prazas de profesorado contratado ou contratación de visitantes e lectores; aos requisitos dos candidatos; ás condicións para a cobertura de docencia vacante por circunstancias extraordinarias e ao persoal contratado en programas de investigación, que contaron coa oposición de Nova Universidade que volveu expresar o seu rexeitamento a que o POD non inclúa os mestrados. Finalmente o POD recibiu 21 votos favorables.
Por maioría, de 25 votos neste caso, aprobouse o límite de prazas para o curso 2009/2010 en titulacións que aínda non se transformarán en graos o vindeiro curso e que teñen os límites fixados cadansúa memoria. Así, mentres as titulacións de E.T. Forestal, Mestre de Educación Infantil e Primaria, Física, E.T. Agrícola, o 2º ciclo de Minas e o 2º ciclo de LADE do campus de Ourense, quedan sen límite de prazas, establécense topes en E. Informático (2º ciclo) 85; Psicopedagoxía (2º ciclo) 75; E. Industrial 250 e 2º ciclo 60; E. en Automatización e Electrónica industrial 20; E. de Organización Industrial 20; E. Telecomunicación 110 e 50 para o 2º ciclo; E.T.T: Sistemas de Telecomunicación 75; E.T.T: Son e imaxe 75; E.T.I Electricidade 75; E.T.I Electrónica Industrial 120; E.T.I. Mecánica 125; E.T.I Química Industrial 80 e Minas 40.
Acordos dos PAS
Outro dos asuntos aprobado polo Consello de Goberno foron os relativos ao persoal de administración e servizos, recentemente asinados pola xerente e os representantes sindicais dos traballadores.
O acordo sobre selección temporal, acceso interno e adscrición temporal, determina os criterios xerais que serven de base para as convocatorias de procesos de selección para cobertura temporal de postos de traballo, fixando un baremo xeral e baixo a premisa de superar probas de acceso. Fíxase así unha regulamentación común, que acolla os principios ata agora vixentes na Universidade de Vigo, con prioridade á promoción interna e primacía dos méritos e coñecementos acreditados mediante proba.
Pola súa banda o acordo sobre criterios de incorporación e cesamento de persoal de administracións e servizos, establece con rango regulamentario os prazos de posesión e cesamento, así como os criterios para ordenar os ceses do persoal vinculado con carácter temporal por mor dos concursos de méritos e traslados, así como dos procesos selectivos, no ámbito da Universidade de Vigo.
Pese a contar co rexeitamento dos PAS, Rosa Graña e Horacio Villar, os acordos foron finalmente aprobados por asentimento e tanto a xerente, Ana Fernández Pulpeiro, como o presidente da Xunta de persoal, Xan Cebro, felicitáronse mutuamente pola consecución dos acordos que por primeira vez contan co respaldo do Consello de Goberno.
Adscrición do centro universitario da Escola Naval Militar de Marín
Nas horas previas a que se produza a sinatura entre a ministra de Defensa, Carme Chacón e o reitor, Alberto, o Consello de Goberno, aprobou a adscrición da Escola Naval Militar de Marín á Universidade de Vigo, onde se impartirá a partir do curso 2010/2011 unha enxeñaría industrial con perfil mecánico.
Así mesmo o Consello aprobou a adhesión da Universidade á Rede Española de Universidades Saudables, da que forman parte unha vintena de institucións e que ten a finalidade potenciar a universidade como entorno promotor da saúde da comunidade universitaria e da sociedade no seu conxunto.
Xa na quenda de rogos e preguntas, representantes do estudantado, manifestaron o seu interese en cuestións como a posibilidade de abonar o pago da matrícula en catro prazos, a creación dun Consello de Estudantes ou a ampliación do horario de préstamo na biblioteca do campus de Ourense.