18 marzo 2009

Jorquera toma
la lección a Zapatero

ZAPATERO ASEGURA A JORQUERA QUE SE COMPENSARÁ ÁS CC.AA “NESTE ANO” POLA DIMINUCIÓN DOS SEUS INGRESOS DEBIDO Á SUPRESIÓN DO IMPOSTO DO PATRIMONIO PERO NON CONCRETA COMO

O deputado BNG sublñou que “coa supresión deste imposto as CC.AA deixarán de percibir uns 1800 millóns de euros sen que aínda se concretaran os mecanismos de compensación e sen que se teñan producido avanzos na reforma do sistema de financiamento”

MADRID (MORRAZO-tribuna) .- O Presidente do Goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, asegurou esta mañá ao portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, que se compensará “neste ano” a diminución de ingresos resultante pola que eliminación do imposto do patrimonio que ”non terá ningún efecto negativo sobre elas” pero en ningún momento concretou como se vai realizar esta compensación.

O deputado do BNG dirixiuse ao Presidente do Goberno no Pleno para formularlle unha pregunta en materia de impostos. Preguntoulle que medidas ten previsto adoptar para compensar a supresión do imposto do patrimonio ante o impacto que supón na recadación e na equidade do sistema tributario e no financiamento autonómico.

A eliminación deste imposto supón 1800 millóns menos para as CC.AA

Jorquera díxolle a Zapatero que coa supresión do imposto do patrimonio as CC.AA deixarán de percibir ao redor de 1800 millóns de euros, “sen que aínda se concretaran os mecanismos de compensación e sen que se teñan producido avanzos na reforma do sistema de financiamento”.

O Presidente do Goberno respostou a Jorquera que “as CC.AA van ver compensada a diminución dos seus ingresos”. Sinalou que este imposto era recibido polas CC.AA “en torno ao mes de xuño e imos cumprir para que tamén no prazo oportuno teñan a compensación”, e expresou simplemente un desexo para a agardada reforma do modelo de financiamento autonómico: “desexamos que no novo modelo de financiamento autonómico podamos chegar a un acordo sobre o mesmo que mellore a capacidade financieira das Comunidades Autónomas, á vez faremos o maior esforzo de contención”. Porén, non entrou a explicar cando estará lista a reforma do sistema de financiamento autónomico.

As medidas fiscais anti-crise do BNG

Jorquera entrou na materia relativa á crise para sinalar que “mentras isto sucede, Señor Presidente, hai voces no seu propio Goberno que advirten que o Executivo esgotou case toda a marxe que tiña para facer fronte á crise”.
Pero desde o punto de vista do BNG, “consideramos que queda marxe para adoptar medidas anti-crise”. Nesta liña, considerou pertinente abrir o debate sobre a reforma da política fiscal e enumerou algunhas das receitas dos nacionalistas galegos.

“É preciso movilizar inxentes recursos públicos para reactivar a economía e asegurar as coberturas sociais, un tema que tamén afecta ás Comunidades Autónomas sobre as que descansan políticas e servizos públicos esenciais”, afirmou Jorquera que considera que para posibilitar “todo isto hai que se atrever a revisar as políticas fiscais” xa que a presión no Estado español, lembrou, é unha das máis baixas entre os paises do seu entorno.

“Ese non é o problema, o problema é que esta mal repartida dado que descansa fundamentalmente nas rendas de traballo”, enfatizou.

Reformas fiscais para beneficiar aos sectores con menos recursos

Nesa liña, Jorquera propuxo unha reforma fiscal que garanta unha maior capacidade recadatoria, que se sustente en criterios de xustiza e progresividade e que contribúa a reactivar o consumo e reducir o esforzo fiscal nos sectores con menos recursos. En concreto, puxo enriba da mesa a necesidade de reformar o IRPF “para impulsar novas deduccións nos tramos mais baixos de renda e se aplique unha maior carga fiscal nas rendas mais altas”.

Tamén apuntou á necesidade de reformar a IVA, “reducindo os tipos en bens e servizos de primeira necesidade e incrementándoos nos productos de luxo”. Outra das medidas que propón o BNG é a creación dun tributo que grave ás grandes fortunas.

Zapatero eludiu pronunciarse sobre política fiscal

O Presidente do Executivo eludiu o debate sobre o modelo de política fiscal e limitouse a defender a supresión do imposto do patrimonio porque, según as súas palabras, “o imposto deixou de cumprir os obxectivos para os que foi creado”.
Alegou que á mesma conclusión chegaron case “todos os países europeos que foron suprimindo ese tributo”.

Afirmou que desta medida se van beneficiar “1 millón de cidadáns este ano”. En canto á compensación económica pola supresión deste imposto, remitiuse á lei aprobada en decembro que “establece o compromiso de lealdade co financiamento das CC.AA”, pero sen entrar a concretar nada.