A BANDA SINFÓNICA DA FEDERACIÓN GALEGA DE BANDAS DE MÚSICA ESTREA AS OBRAS GAÑADORAS DO I CONCURSO DE COMPOSICIÓN
-O concerto será o sábado 21 de marzo ás 21 horas no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela
-Estrearanse as obras “Torres de Oestrimnios” de Andrés Álvarez Hérnandez, “A revolta irmandiña” de Raúl Martín Niñerola, “Irmandiños”de Juan Fernández Guzmán e “O soño de Breogán” de Juan Durán
VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- A Banda Sinfónica da Federación Galega de Bandas de Música estrea o 21 de marzo as obras gañadoras e finalistas do I Concurso Galego de Composición. O Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela acolle este sábado ás 21 horas un concerto no que se presentarán por primeira vez catro pezas que se incorporan ao repertorio galego para bandas de música.
Baixo a dirección de Xosé Carlos Seráns, a Banda Sinfónica da FGBMP interpretará as seguintes obras:
“A revolta irmandiña” de Raúl Martínez Niñerola (Lliria-Valencia, 1983), gañadora do premio de composición para banda de música, e inspirada neste capítulo da historia medieval.
“Terra de Oestrimnios” de Andrés Álvarez Hernández (Goián-Tomiño, 1983), finalista en banda de música cunha composición de tema histórico.
“ O soño de Breogán” de Juan Durán (Vigo, 1960), poema sinfónico que mereceu o premio de composición para banda de música con sección sinfónica.
“Irmandiños” de Juan Fernández Guzmán (Merza-Silleda, 1980), finalista en banda de música con sección sinfónica e inspirada tamén nos sucesos ocorridos en Galiza no Medievo.
As obras que se estrean agora son resultado dos concursos que a Federación Galega de Bandas e a Consellaría de Cultura convocaron o ano pasado por primeira vez para premiar as mellores obras orixinais e inéditas de temática galega. Con estes concursos preténdese poñer en valor os compositores galegos e a temática galega nas obras para bandas de música populares, ao tempo que se incorporan novas composicións galegas no repertorio das bandas do país.
O concurso volveu convocarse este ano por segunda vez. Ata o 30 de setembro está aberto o prazo para presentar partituras nas dúas categorías: composición para banda de música e composición para banda de música con sección sinfónica. En total repártense 11.000 euros en premios. As bases poden consultarse na web da Federación Galega de Bandas de Música Populares (http://fgbmp.net).