11 marzo 2009

Las evasivas de la ministra Magdalena hacen proclamar al BNG que el Ave no llega en el 2012 ni por un asomo...

EN RESPOSTA AO BNG, A MINISTRA DE FOMENTO RECOÑECE QUE DOUS TRAMOS DO AVE OURENSE-LUBIÁN AÍNDA SE ATOPAN EN FASE DE REDACCIÓN DO PROXECTO, MÁIS DE DOUS ANOS DESPOIS DE QUE SE LICITASEN
O senador do BNG critica a “parsimonia” de Fomento e considera que “as dificultades da zona non xustifican que os proxectos leven dous anos e tres meses en fase de redacción”

MADRID (MORRAZO-tribuna) .- En resposta a unha pregunta do senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, a ministra de Fomento informou de que os proxectos dos dous subtramos Lubián-Vilavella e Vilavella-Vilariño, pertencentes á liña do AVE Ourense-Lubián, atópanse aínda en fase de redacción por parte da Dirección Xeral de Ferrocarrís.

Magdalena Álvarez respondía esta tarde no Pleno do Senado a unha pregunta do senador do BNG que denunciaba a “parsimonia” do Ministerio de Fomento xa que a redacción destes dous proxectos licitouse en decembro de 2006, hai dous anos e tres meses.

Gran complexidade da zona

A ministra de Fomento xustificou a demora alegando “a complexidade orográfica da zona, o gran valor ambiental da mesma e o feito de que discorre aproveitando gran parte do tramo da vía actual, o que obrigará a compaxinar as obras co funcionamento do servizo”. “Unha vez finalizados os proxectos poderanse licitar as obras”, engadiu

“A resposta non é convincente: o prazo máximo para a redacción era de 18 meses e xa pasaron 27”

Porén, para o senador do BNG a resposta dada pola ministra de Fomento “non resulta convincente, pois a redacción do proxecto xa debería estar concluída o 21 de xuño do ano pasado, e as obras xa terían que estar en marcha”.

En concreto, Pérez Bouza lembra que o tramo Lubián-Vilavella, de 15,6 quilómetros, “licitouse a redacción do proxecto o 21 de decembro de 2006, cun prazo de execución excepcionalmente alto, de 18 meses, polo que debería estar entregado a Fomento e pendente de licitación das obras dende o 21 de xuño de 2008”.

O proxecto do percorrido posterior, entre Vilavella e Vilariño de Conso, de 15,4 quilómetros, tivo que rematarse unhas semanas antes, pois foi adxudicado o 8 de decembro de 2006.

“A este ritmo é imposíbel que o AVE chegue a Galiza en 2012”

Ante esa situación, o senador do BNG considera “totalmente imposíbel que o Goberno cumpra a súa promesa de que o AVE chegue a Galiza en 2012, pois se a redacción do proxecto xa supera con creces os dous anos, cunha importante demora, ¿que podemos agardar da duración das obras, nunha zona de elevada complexidade orográfica e técnica?”.

Neste sentido, Xosé Manuel Pérez Bouza subliña que “o BNG manterá esixente na defensa dos intereses de Galiza para que as infraestruturas do noso país se executen en prazos razoábeis”.