18 marzo 2009

Nuevos avances en el
Complexo Hospitalario de Vigo

EMPEZA A FUNCIONAR NO COMPLEXO HOSPITALARIO UNIVERSITARIO DE VIGO O PRIMEIRO PET-TC PÚBLICO DE GALICIA QUE PERMITE DETECTAR TUMORES ANTES DE QUE SEXAN APRECIABLES NOUTRAS TÉCNICAS

Este novo equipo está instalado na Unidade de Medicina Nuclear do Hospital do Meixoeiro e cubrirá as necesidades do sur de Galicia no diagnóstico precoz do cancro e de patoloxías como o Alzheimer, o Párkinson ou a demencia senil
A tomocámara PET-TC permite fusionar a información gráfica sobre o comportamento das células que aporta a tecnoloxía de Tomografía por Emisión de Positróns coas imaxes anatómicas obtidas por medio da tomografía computerizada, aproveitando as vantaxes diagnósticas de ámbalas dúas técnicas
As exploracións mediante PET precisan da inxección no paciente dun radiofármaco que xa se produce na Unidade de Radiofármacos PET Galicia, situado a carón do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago
A posta en marcha do equipo PET-TC de Vigo requiriu dun investimento superior aos 2,8 millóns de euros
O equipo será xestionado conxuntamente polo Complexo Hospitalario Universitario de Vigo e Galaria ata o vindeiro 1 de xullo, data na que se integrarán plenamente as unidades de xestión clínica no Servizo Galego de Saúde, deixando a Galaria sen asistencia sanitaria de ningún tipo

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- Vigo conta desde este mes co primeiro PET-TC da Sanidade pública de Galicia. O aparello, que permite a deteción de tumores e outras enfermidades en estadíos aínda moi pequenos e inapreciables por outras técnicas, está emprazado no Hospital do Meixoeiro do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, e foi visitado esta tarde pola conselleira de Sanidade da Xunta en funcións, María José Rubio Vidal, e outros responsables sanitarios. Neste equipamento, a Sanidade pública galega investiu 2,8 millóns de euros.

Ata o vindeiro 1 de xullo o primeiro PET-TC público de Galicia será xestionado conxuntamente polo Complexo Hospitalario Universitario de Vigo e Galaria. Nesa data, Galaria deixará de ofrecer asistencia sanitaria ao integrarse plenamente no Servizo Galego de Saúde todas as unidades de xestión clínica que estaban desenvolvendo dende esta empresa pública de servizos sanitarios. Cúmprese así o compromiso adquirido pola actual conselleira de Sanidade en funcións, María José Rubio Vidal, que en agosto de 2008 anunciou a integración de toda a asistencia sanitaria pública no Servizo Galego de Saúde. Actualmente xa está pechado o proceso de integración voluntaria do cadro de profesionais de Galaria no Servizo Galego de Saúde.

O novo equipo quedou instalado a finais de novembro, despois dunha complexa obra de adaptación dos espazos que ocupa no Hospital do Meixoero, e entrou en funcionamento este mes trala formación do persoal e unha vez obtida a autorización definitiva do Consello de Seguridade Nuclear.

A tecnoloxía PET (Tomografía por Emisión de Positróns) é actualmente un dos sistemas de diagnóstico máis avanzados que existen, pola súa capacidade para visualizar o funcionamento e metabolismo dos tecidos, ata o punto de poder observar, por exemplo, o comportamento anómalo das células antes de que estas conformen un tumor observable polos sistemas convencionais.

En definitiva, a técnica PET permite baixar os límites de detección das patoloxías ao momento en que estas aínda non presentan un signo físico, o que supón una mellora importantísima na detección precoz e prevención do cancro e doutras enfermidades directamente relacionadas coas expectativas de vida da poboación.

A tecnoloxía PET adquiriu nos últimos anos unha enorme relevancia na maioría dos países desenvolvidos, e cada día se incrementa a demanda dese tipo de exploracións por parte dos especialistas, á vista das súas cada vez maiores aplicacións e da súa eficacia diagnóstica nos eidos da oncoloxía, a cardioloxía e as patoloxías neurolóxicas.

Ademais, o PEC-TC que se pon en marcha no Hospital do Meixoeiro, como xa o indica a súa propia denominación, incorpora nun mesmo equipo a tecnoloxía PET, que ofrece información metabólica e funcional dos tecidos, e as prestacións dun TC (Tomografía Computerizada), que facilita imaxes anatómicas de alta resolución, fusionando as vantaxes diagnósticas de ámbalas dúas técnicas.

A técnica PET de diagnóstico baséase na utilización dun radiofármaco, de vida curta, que se inxecta no paciente para observar a través da tomocámara PET a súa distribución nos tecidos. Un dos radiofarmacos máis utilizados nas exploracións con PET é a Fludesoxiglucosa marcada con Fluor 18 (FDG), unha sustancia que xa se produce dende hai uns meses na Unidade de Radiofármacos PET Galicia -ciclotrón-, situado a carón do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago financiado e xestionado pola Sanidade pública galega.

Dende a súa posta en marcha o devandito centro xa produce radiofármacos para as dúas quendas de traballo do PET instalado no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, e a partires de agora subministrará eses produtos tamén ao PET-TC da Unidade de Medicina Nuclear do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo.

Compre lembrar que a Unidade de Radiofármacos PET Galicia, está dimensionada para subministrarlle radiofármacos ás tomocámaras PET do Servizo Galego de Saúde, e a outras instalacións PET de Galicia e provincias limítrofes.

A existencia deste centro garante a eficiencia da tecnoloxía PET en Galicia, dado que para que unha tomocámara como a instalada agora en Vigo poida desenvolver a súa actividade de xeito normal debe existir un centro de produción de radiofármacos emisores de positróns o mais preto posible, dado que se trata de produtos cunha radioactividade curta que se perde as poucas horas da súa fabricación.

Aplicacións da tecnoloxía PET-TC
O equipo PET-TC instalado no Hospital do Meixoeiro ofrece amplas posibilidades diagnósticas nos ámbitos da oncoloxía, a neuroloxía e as enfermidades cardíacas. No eido do cancro, preséntase como un instrumento moi eficaz na detección e localización de tumores incluso antes de que cheguen a ser visibles anatomicamente; tamén permite coñecer o estado, características e grao de influencia das formacións tumorais, así como predicir a resposta a tratamentos con quimioterapia e monitorizar eses tratamentos.

Na ampla relación de tumores que se poden detectar e estudar mediante PET-TC, figuran os de pulmón, cabeza, fígado e osos, o cancro de mama, esófago, páncreas, colorrectal e ovario, así como o cancro linfático, entre outros tumores.

En neuroloxía, a tomocámara PET-TC posibilita a análise de trastornos neurolóxicos e a detección e estudo de enfermidades neurodexenerativas como o alzheimer, o párkinson e a epilepsia.

No ámbito das cardioloxía, este equipo permite analizar a viabilidade miocárdica e estudar a enfermidade isquémica.

Ademais, o PET-TC abre amplas posibilidades no eido da investigación biomédica e no futuro deseño de radiofármacos.

Una obra complexa
Para a instalación do PET-TC no Hospital do Meixoeiro foi necesario realizar unha obra de gran complexidade, que esixiu dun minucioso exame das estruturas do edificio e da zona concreta de colocación do equipo, así como actuacións de reforzo dos cimentos.

Precisamente ese alto grao de complexidade, máis ala do estimado inicialmente foi un dos factores que incidiu na ampliación do tempo de realización do proxecto, xunto coa promulgación do novo Código Técnico de Edificación, que supuxo unha demora respecto do prazo inicialmente previsto, ao ter que realizar modificacións no proxecto e adaptalo a esa nova normativa.

A posta en marcha deste equipamento supuxo un investimento de arredor de 2.8 millóns de euros, 1,4 millóns na obra necesaria para a súa instalación, e una contía similar na adquisición do equipo.

Polo que se refire ás súas características técnicas, trátase dun PET-CT de ultima xeración un sistema integrado que combina tecnoloxía PET cun tomógrafo computerizado (CT) de 16 cortes, con posibilidade de traballar en dúas e tres dimensións e provisto dos últimos avances tecnolóxicos neste eido do diagnóstico.

Equipo profesional
A Área de Servizo Compartido de Medicina Nuclear do Complexo Hospitalario de Vigo conta cun cadro de persoal formado por sete médicos especialistas en Medicina Nuclear, catro diplomados en enfermería, cinco técnicos en diagnóstico por imaxe, un auxiliar de enfermería, dous auxiliares sanitarios e tres auxiliares administrativos, trala recente incorporación de dous médicos especialistas en Medicina Nuclear, un diplomado en enfermería e un técnico en diagnóstico por imaxe.

O máximo rendemento deste equipo irase acadando a medida que se vaia incrementando a demanda deste tipo de probas. Inicialmente, o PET-CT traballará en horario de maná para posteriormente ampliar a súa actividade ao horario de tarde, o que suporá tamén a ampliación do seu cadro de persoal.

As exploracións mediante PET-CT teñen unha duración media de 30 minutos, se ben hai que ter en conta que o paciente ten que permanecer en repouso arredor dunha hora antes de iniciar a proba. En función destes datos se prevé que se poidan realizar entre sete e dez exploracións por quenda.

A valoración e validación das solicitudes de exploracións mediante PET-CT será realizada por parte dunha Comisión PET, configurada por especialistas en Medicina Nuclear, en Oncoloxía Médica e en Radioloxía.

Vantaxes da tecnoloxía PET-CT
O PET-TC e un instrumento de enorme eficacia no diagnóstico e seguimento do cancro e das enfermidades neurolóxicas e cardiolóxicas, pola súa capacidade para visualizar e cuantificar o comportamento metabólico dos tecidos e polo tanto para prever a formación dun tumor de xeito precoz, antes de que sexa visible por outros métodos.

En definitiva, trátase dunha tecnoloxía in vivo, non invasiva, que aporta información metabólica e funcional, que permita estudar, visualizar e cuantificar procesos fisiolóxicos e fisiopatolóxicos e que polo tanto proporciona unha meirande precocidade e sensibilidade diagnóstica fronte a outras técnicas de imaxe.

No caso concreto do PET-CT instalado no Hospital do Meixoeiro, ás vantaxes diagnósticas que supón obter una visión metabólica e funcional, hai que engadir as posibilidade de fundir esas imaxes coas de tipo anatómico que proporciona a tecnoloxía TC (Tomografía Computerizada).

Diversos estudos realizados sobre a eficacia desta tecnoloxía diagnóstica demostran que na maioría dos casos, concretamente nun 92 por cento, a exploración mediante PET aportou información complementaria a outros sistemas de diagnóstico.

De acordo con eses estudios, nun 39 por cento dos casos a PET detectou novas lesións que nin sequera se sospeitaron coas técnicas convencionais e modificou o diagnóstico e estadio tumoral nun 57 por cento.

Así mesmo, a exploración con PET fixo cambiar o tratamento proposto nun 79 por cento dos casos; evitou a realización de probas invasivas, e polo tanto con risco, nun 75 por cento dos pacientes e evitou tamén a aplicación de terapias innecesarias nun 76 por cento dos casos.

E polo que se refire á consideración que teñen os profesionais desta ferramenta, os médicos consideran que a PET resultou útil nun 88 por cento dos casos.