Informou no Claustro da política de persoal desenvolvida durante o pasado ano
- A xerente solicita a achega de todos para que a Universidade de Vigo dispoña dos servizos máis cualificados
Mentres, Luís Espada presentou unha Memoria Anual na que detecta “conflitos innecesarios”
VIGO/PONTEVEDRA (Mª del Carmen Echevarría | Diario da Universidade de Vigo)
Cunha declaración institucional na que a mesa do Claustro amosou o seu rexeitamento pola actitude do PAS Horacio Villar que impediu a celebración da sesión prevista para o pasado 26 de febreiro, comezou a sesión ordinaria do Claustro de hoxe, centrada na presentación das actividades desenvolvidas polo Tribunal de Garantías ao longo do ano 2008 e na comparecencia da xerente, na que Ana Fernández Pulpeiro informou sobre a política de persoal desenvolvida o pasado ano. Atendendo á petición formulada polos representantes dos traballadores, a xerente expuxo o traballo realizado nos últimos meses, así como os seus plans de futuro “cara á construción dunha política integral de persoal baseada no Plan Operativo de Xestión”, dixo. Fernández Pulpeiro incidiu na súa intervención na pretensión da Xerencia de buscar a máxima participación, negociación e diálogo cos representantes do persoal na procura de acordos como os acadados na Relación de Postos de Traballo do PAS funcionario, nos dous concursos de traslados dos PAS ou nas tres convocatorias de promoción interna do persoal funcionario.
Na súa intervención a xerente repasou os eixos que permitirán, segundo dixo, “dispor no ámbito da xestión dun cadro de persoal axeitado e planificado, integrado por profesionais cualificados e comprometidos cos fins da institución”. Así, Fernández Pulpeiro puxo o acento na necesidade de evitar a provisionalidade e fomentar a consolidación; de avanzar na descentralización atendendo á realidade dos campus de Ourense e Pontevedra; nunha política integradora que permita traballar baixo un mesmo réxime e dispor dun persoal cualificado, un camiño comezou coa aprobación por primeira vez dun Plan de Formación que puxo en marcha en 2008 un total de 18 programas e que contempla para 2009 alcanzar os 45. “Os logros acadados”, asegurou Fernández Pulpeiro, “son froito do traballo conxunto, pero aínda queda moito traballo por facer polo que pido a colaboración de todos”.
Melloras nas bibliotecas e nos horarios de formación, intervencións dos representantes sindicais
A exposición da xerente foi obxecto de numerosas intervencións por parte dos representantes dos traballadores e traballadoras que como Federico Fernández, do comité de empresa do campus de Pontevedra, asegurou “non estar contento coa actuación da Xerencia, dado que se adiaron moitos asuntos”, ao tempo que lle recriminou que algúns dos cursos de formación para o PAS se realicen fóra do horario de traballo.
As carencias de persoal que sofren as bibliotecas, foi outra cuestión que os representantes sindicais trasladaron á Xerencia. Foi Ana Martínez, representante dos PAS, quen solicitou que se estude un sistema semicentralizado, “devolvendo ás bibliotecas de centro”, servizos que na actualidade só presta a Biblioteca Central. Mentres, Henrique Macias, membro da Xunta de Persoal, trasladou á xerente unha pregunta sobre o futuro do PAS que actualmente desenvolve funcións nas Escola de Estudos Empresariais e o PAS Horacio Villar lamentou a política de eufemismos que asegurou practica a Xerencia e pediu que cesasen “as mentiras, as incompetencias e as sancións”.
Pola súa banda, o presidente da xunta de persoal, Xan Cebro, lembrou a presentación dunha proposta de funcionarización que “é a mellor vía para avanzar sen interferencias” dixo, e destacou que dentro das diferenzas que mantiñan coa Xerencia foron quen de chegar a acordos, “un camiño que comezamos e que espero que acabemos”.
En representación da UGT, José Andréz Zapiraín e Ángel Torreiro reiteraron as reclamacións xa formuladas por outros representantes do persoal en relación coas necesidades das biblioteca, o horario dos cursos de formación e o modelo de contratación da Universidade.
Un ano de actividade do Tribunal de Garantías
Na presentación do informe da actividades desenvolvidas polo Tribunal de Garantías ao longo do ano 2008, Luís Espada enumerou as actuacións realizadas que foron un total de 42 no caso do sector alumnado, sendo os máis numerosos os procedementos de reclamación dun exame e información sobre titorías e horarios de exame, mentres que no de Persoal Docente e Investigador eleváronse a 11, destacando os tres casos referidos á obrigatoriedade de facilitar o exame ao alumno se o reclama.
Ao longo do pasado ano, segundo revelou o presidente do Tribunal de Garantías, abríronse un total de 24 expedientes, correspondendo o 75% a estudantes, o 16% ao PDI e o 8,3% ao PAS. A revisión de exames con 10 casos e as bolsas con 3 foron as temáticas máis recorrentes dos expedientes que se saldaron con 16 recomendacións negativas, 4 positivas e 4 que se atopan en trámite. Unha relación de conflitos que, si ben Espada asegurou “forman parte das nosas vidas”, tamén afirmou que “determinadas queixas que se expoñen nesta Memoria Anual son conflitos innecesarios; isto é, existen por transgredir os regulamentos que gobernan o tema obxecto da queixa”.
O presidente do Tribunal de Garantías, que tamén deu conta da súa participación o pasado mes de marzo no II Encontro Estatal de Representantes de Universidades Públicas, detallou ante o Claustro unha serie de recomendacións como a elaboración dunha normativa onde se reflicta que os usuarios son completamente responsables de todas as actividades realizadas coas súas contas de acceso ao correo electrónico. Espada tamén recomendou que, no caso de que algún estudante non puidese acudir por causas xustificadas á reunión de cualificacións,o profesorado responsable proceda a acceder á reunión fóra do prazo establecido; así como que o horario das prácticas e a súa duración sexan publicados antes de que o estudantado realice a matrícula nas materias de libre elección. Así mesmo, en relación aos Consellos de Departamento para a elección prioritaria por parte dos seus membros no reparto da docencia, o presidente do Tribunal de Garantías recomenda que se contemple, cando fose necesario, ademais dos criterios de grao e antigüidade, os de garantías de eficacia, eficiencia e calidade da docencia, buscando o máximo consenso entre os docentes, así como alcanzando as garantías sinaladas. “Non debemos esquecer”, dixo Espada, “que a actividade do Tribunal está encamiñada a conseguir un funcionamento harmónico dos distintos elementos que integran a institución universitaria, evitando todo o que se poda as friccións competenciais”.
Normativa de modificación dos estatutos
O Claustro tamén aprobou na sesión celebrada hoxe, por 65 votos a favor, 0 en contra e 7 abstencións, a normativa de modificación e aprobación dos estatutos da Universidade de Vigo. A normativa contempla que a Comisión encargada da elaboración do texto de adaptación dos Estatutos presentará o anteproxecto do texto ante o presidente da mesa do Claustro, remitíndose ese texto a todos os claustrais e abríndose un prazo dun mes para a presentación de enmendas. Enmendas que deberán ser avaladas por un mínimo de dez claustrais. Unha vez debatidas e votadas as enmendas, o anteproxecto elaborado pola Comisión, será aprobado no Claustro, para o que se precisará, en primeira votación, do voto favorable da maioría absoluta do Claustro, ou dos dous terzos dos claustrais presentes en segunda, sempre que o número destes sexa igual ou superior á metade dos membros do Claustro. As modificacións aprobadas serán elevadas á entidade correspondente da Comunidade Autónoma para a súa aprobación e publicación no DOG.
A celebración de San Pepe e o futuro de Ciencias Empresariais na quenda de rogos e preguntas
Antes da quenda de rogos e preguntas, os membros do Claustro procederon mediante os seus votos a elixir a Pedro Arias, Luís Alonso e María López, para cubrir os postos vacantes no Consello de Goberno no sector decanos/directores.
Xa no derradeiro punto da orde do día, a celebración do San Pepe e o futuro da diplomatura en Ciencias Empresariais, centraron as intervencións ás que deu resposta o reitor, Alberto Gago.
Ante a cuestión formulada desde a Delegación de Alumnos da ETS de Enxeñeiros Industriais por Juan Carballo sobre a celebración da festa do seu patrón, San Pepe, Gago lembrou que ao igual que se formulara no seu día no caso do San Teleco, as bases para un acordo entre a Universidade e os representantes do estudantado para a celebración das festas era que “cada festividade se celebraría nos centros, non habería botellón en Miralles e contarían co noso apoio para a celebración sempre que cumprisen con este acordo”. Ante a negativa dos representantes do alumnado da ETS de Enxeñeiros Industriais de asumir estes requerimentos o reitor foi claro á hora de asegurar que “a Universidade non apoia en Miralles unha festa patronal, aínda que eu non lle podo dicir a ninguén onde fai botellón ou come un bocadillo. Iso si, organizado pola Universidade, con música e alterando a vida normal da Universidade, non”, asegurou Gago.
En relación coa exposición da subdirectora da Escola de Estudos Empresariais, Araceli González, sobre o futuro da diplomatura en Ciencias Empresariais, o reitor lembrou que a decisión corresponde ao Consello Galego de Universidades que “é o único que ten competencias neste tema”. Consello Galego no que Gago lembrou que os representantes dos tres partidos políticos presentes no Parlamento de Galicia, votaron no seu día a favor das liñas xerais para a implantación dos estudos de grao e posgrao no Sistema Universitario de Galicia, nas que se recolle que “non poderán autorizarse títulos repetidos ou cunha alta coincidencia en obxectivos e contidos, nunha mesma universidade", unha actitude que cando menos evidencia un claro “desacordo” co expresado por representantes deses mesmos partidos ao longo da pasada campaña electoral.
Preguntado polo futuro da Galescola a construír no campus, o reitor confirmou que se localizará na estrada de subida ao colexio Los Sauces e que aínda que o proxecto xa está listo, o seu concurso depende do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.