PESCA E O CONCELLO DA ILLA DE AROUSA ANIMAN A COMER PEIXE AOS ESCOLARES NO DÍA MUNDIAL DO MAR
▪ Ao redor de 300 alumnos do CEIP “A Torre” da Illa de Arousa participaron esta mañá na campaña Sonche Xan que leva a cabo a Consellería de Pesca
▪ Dende o inicio desta iniciativa en 2007 a mensaxe de que comer peixe axuda a medrar fortes e sans chegou a máis de 25.000 cativos de toda Galicia
VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, en colaboración co Concello da Illa de Arousa, achegou hoxe a campaña “Sonche Xan!”, coincidindo co Día Mundial do Mar que se celebra nesta xornada, ao CEIP “A Torre” desta localidade co fin de animar aos aproximadamente 300 escolares deste centro a comer peixe. Esta mañá o protagonista da campaña, un personaxe de estilo manga chamado Xan, achegouse aos máis cativos para explicarlles as vantaxes e beneficios de comer produtos do mar para a súa saúde e tamén para transmitirlles a mensaxe de que comer peixe axudaraos a medrar fortes e sans coma él.
Ademais da presenza da mascota da campaña, os nenos e nenas realizaron diversas actividades lúdicas e didácticas, especialmente vencelladas co peixe e con Xan, aínda que tamén relacionadas coa efeméride que estamos a celebrar no día de hoxe. Ademais, os alumnos recibiron varios agasallos coa imaxe de Xan que forman parte do material promocional da campaña: mochilas, camisetas, gorras e material didáctico, entre outros obsequios.
A campaña “Sonche Xan!”, posta en marcha pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos no ano 2007, ten como obxectivos xerais potenciar o consumo de peixe dende idades temperás como parte esencial dunha dieta equilibrada; fidelizar a Xan como referente dun consumo divertido; e, así mesmo, axudar aos pais a incluír os produtos do mar na alimentación dos seus fillos como parte dunha dieta saudable e normalizada.
Esta iniciativa persegue tamén dar a coñecer a composición nutricional do peixe e os seus beneficios para a saúde, así como as distintas presentacións, elaboracións e conservación dos produtos do mar; difundir a diversidade de alimentos de orixe mariña e facer que os cativos se familiaricen co traballo no mar e a importancia que ten a actividade pesqueira para Galicia.
Dende o inicio desta campaña, que non só inclúe anuncios nos medios de comunicación, senón tamén actividades didácticas, lúdicas e deportivas, achegouse a máis de 25.000 nenos galegos a idea de que o consumo de peixe é un costume san e divertido.
Día Mundial do Mar
A actividade que se levou a cabo hoxe no Salón de Actos do CEIP “A Torre” da Illa de Arousa coincide co Día Mundial do Mar, unha efeméride que foi establecida polo Consejo de Administración da Organización Marítima Mundial (OMI) na 38 edición do seu período de sesións. O primeiro día marítimo mundial celebrouse o 17 de marzo de 1978, xustamente fai máis de tres décadas, e durante o mesmo entrou en vigor a Convención da Organización Consultiva Marítima Intergubernamentales (OCMI). Este día acostuma a dedicarse especialmente á preservación da seguridade da vida no mar e á prevención da contaminación mariña.