Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, afirma que “o problema de Núñez Feijóo é que ninguén sabe que é o que realmente propón no debate sobre o financiamento”.
“Só sabemos con certeza unha cousa: que está máis preocupado por limitar a capacidade de financiamento de Catalunya que de mellorar a de Galiza. Pero non sabemos que é o que realmente quere para Galiza. Non foi capaz de formular nengunha proposta concreta na súa reunión con Zapatero. Reunión que cada día que pasa se ve con maior clareza que resultou moi pouco produtiva”, valora o portavoz nacional do BNG.
“Dixen que o presidente da Xunta está a xogar un papel de actor secundario neste debate e reafírmome no dito. Se o Goberno do Estado o ningunea é porque non ten perfil propio e, sobre todo, porque ninguén coñece cal é a súa proposta concreta”, alega Guillerme Vázquez. “Está ben que se ampare no acordo do Parlamento galego, pero ese acordo é un acordo marco. A súa responsabilidade é xestionalo e, apartir del, obter melloras concretas para o noso país. Iso é o que ten que facer como presidente e iso é o que non está facendo”.
O líder do BNG insta a Núñez Feijóo a que “na súa comparecencia parlamentar da vindeira semana” esclareza “con precisión cal é a proposta concreta que o Goberno galego defende no debate do financiamento autonómico”.
“Que modelo propón en concreto? Que porcentaxes sobre os impostos cedidos vai reclamar? Que capacidade normativa? Vai defender que se configure unha Axencia Tributaria Galega? Todas esas perguntas fican a día de hoxe por responder”, indica Guillerme Vázquez.
O portavoz nacional do BNG defende que a cantidade que o Goberno do Estado pon sobre a mesa para incrementar o financiamento das comunidades autónomas –arredor de 9.000 millóns de euros- é “claramente insuficiente”. “Está de acordo o señor Feijóo con esa cantidade? Tampouco o sabemos”, asevera Guillerme Vázquez, para quen a cifra, para ser satisfactoria, debería situarse no entorno dos 15.000 millóns de euros.
Guillerme Vázquez empraza ao presidente da Xunta a que “se poña a traballar nunha proposta concreta” e a que “garanta para Galiza o status de plena suficiencia financeira”.