02 junio 2009

Otro con la misma cantinela -que luego nunca se hace realidad- : Feijoo dice de relanzar la relación Galicia-Portugal

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, comprometeuse hoxe a “relanzar, modernizar e actualizar” a Eurorrexión Galicia Norte de Portugal, e anunciou a aprobación dun plan estratéxico que recolla as principais liñas de actuación para os vindeiros 4 anos. O mandatario galego explicou que este novo impulso á Eurorrexión se plasmará nunha reunión que se celebrará en Porto dentro dos primeiros 100 días do novo Goberno galego. “Esta reunión xa se está preparando”, adiantou Feijóo á saída da súa primeira xuntanza co embaixador de Portugal, Álvaro José de Mendonça e Moura, esta mañá no Pazo de Raxoi.

“Temos unha vella relación de confianza que hoxe queremos reiterar, consolidar e actualizar”, asegurou o presidente da Xunta. “Somos 6 millóns de persoas que vivimos conxuntamente, sen fronteiras”, engadiu Núñez Feijóo, quen aceptou e agradeceu a invitación feita polo embaixador para visitar Lisboa nos vindeiros meses.

A Eurocidade Chaves- Verín, un proxecto “de especial interese”
O máximo mandatario galego referiuse tamén á Eurocidade Chaves- Verín como un proxecto “de especial interese que imos coidar”. “Imos ver como se poden eliminar fronteiras, para que non existan fronteiras sanitarias, de educación ou de transporte”, asegurou o presidente da Xunta, quen cualificou esta iniciativa de “proxecto piloto” que se poderá estender máis adiante a outros concellos transfronteirizos.

Feijóo destacou a importancia de colaborar en materia de medio ambiente e de turismo e, nesta liña, salientou a recente declaración do parque de Xures- Gerês como Reserva da Biosfera. O máximo mandatario galego asegurou que, este recoñecemento, pode ser un reclamo turístico para atraer visitantes nesta época de dificultades e formulou, ademais, a importancia da posta en valor do Camiño de Santiago ao seu paso por Portugal, especialmente de cara ao próximo Xacobeo.

O presidente da Xunta destacou, por último, a obriga de activar o calendario do AVE entre Vigo e Tui para poder acadar o obxectivo de conectar Galicia e Portugal por Alta Velocidade no ano 2013. “O embaixador acaba de comentarme que o seu país está en condicións de ter a conexión lista nese ano e eu, por suposto, levarei esta información a reunión que vou manter co ministro de Fomento”, concluíu.