20 junio 2009


Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, mantivo esta mañá un encontro cunha delegación da Organización Galega de Montes Veciñais en Man Común encabezada polo seu presidente, Xosé Alfredo Pereira.

A xuntanza enmárcase na rolda de encontros que o portavoz nacional do BNG está a realizar con organizacións representativas da sociedade galega.

A fiscalidade que grava os montes en man común centrou boa parte do encontro. Guillerme Vázquez e Xosé Alfredo Pereira concordaron en que non é nen razonábel nen xusto que a estas alturas os montes en man común continúen sendo suxeitos pasivos do Imposto de Sociedades.

O BNG comprometeuse a continuar demandando nos foros parlamentares a exención do Imposto de Sociedades para os montes en man común, dada que estas entidades, que no Estado só teñen presenza relevante en Galiza, non son mercantís nen perseguen a obtención de lucro e dado que o excedente económico que obteñen se reinviste sistematicamente no coidado do propio monte.