VIGO (MORRAZO-tribuna) .- O concelleiro de Cultura, Xesus López, salientou este martes que o ciclo “Xeración 2000+9”, que se celebrará do 9 ao 14 de xuño no Verbum, xa se ten consolidado como “inmellorable plataforma para os novos valores da música”. Na presentación do programa, na que tamén participou o seu director artístico Roberto Relova, o edil do BNG sinalou que o ciclo comezará o vindeiro 9 de xuño ás 20.30 horas, coa actuación do cuarteto de folk O Chupacabras.
O concelleiro de Cultura destacou que o “Xeración 2000+9”, ademais de posibilitar que os “excepcionais intérpretes que temos aquí sexan coñecidos por todos e todas” tamén presenta unha “faciana internacional”, coa presenza de intérpretes “consagrados no mundo da música”. Xesus López afirmou que o ciclo conta cun programación “de primeira calidade, da man do seu director Roberto Relova”, a quen lle agradeceu a súa dedicación “durante todos estes anos”.
Pola súa banda, Relova agradeceu á Concellería de Cultura “os 9 anos de colaboración, que sería imposible sen o traballo do equipo deste departamento”. Ademais, agradeceu o apoio do concelleiro porque, ao seu xuízo, “esta é a cidade que máis proxecta a novos creadores sen ningún tipo de perxuízo, tanto respecto ao Xeración 2000+9, como o Imaxina Sons ou o Are More”. Nesta edición do festival, o director artístico coincidiu co concelleiro de Cultura ao resaltar “o trampolín que supoñen ciclos como este para os novos creadores”. Asemade, afirmou que neste ciclo unha “mistura de xuventude, inexperiencia e frescura coa mestría” dos intérpretes xa consagrados.
O “Xeración 2000+9” desenvolverase no Verbum do 9 ao 14 de xuño ás 20.30 horas, e respecto ao seu emprazamento, Roberto Relova indicou que aínda que o auditorio da Casa das Palabras “non é o mellor do mundo, é perfecto para a música de cámara”. “Trátase tamén dunha forma de potenciar un espazo artístico tan importante para a cidade como é o Verbum na época estival”, afirmou. Neste sentido lembrou a boa acollida que tiveron o ano pasado os concertos para bebés celebrados neste museo.
O primeiro concerto do ciclo, o martes 9 de xuño, correrá a cargo do cuarteto de folk O Chupacabras, cuxo estilo caracterízase polo emprego de novas harmonías en arranxos de pezas típicas do repertorio tradicional. O día 10 actuará o Cuarteto Aurum, formado por profesionais ligados ao Conservatorio Superior de Música de Vigo co obxectivo de difundir a música de cámara. O 11 de xuño actuará o pianista Jorge Ricardo Genó Alonso, actualmente profesor de piano e pianista acompañante na Escola Municipal de Música de Tui.
O venres 12 de xuño o concerto correrá a cargo de Fabio Salgado, integrante da Nova Orquestra Sinfónica de Galicia e da Nova Orquestra Oviedo Filarmonía, e Lilián de Arredondo Cuéllar, pianista acompañante do Conservatorio Superior de Música de Vigo. O sábado, 13 de xuño, actuarán Jed Barahal, un concertista de máis de 25 anos de carreira, e Luís Filipe Sá, docente da Escola Superior de Música e das Artes do Espectáculo do Instituto Politécnico do Porto. Finalmente, 14 de xuño o cuarteto Contratempus pechará o ciclo coa interpretación de catro cancións sobre poemas de Federico García Lorca.