REFERENCIA DO CONSELLO DA XUNTA DE GALICIA
QUE TIVO LUGAR NO PAZO DE RAXOI
O DÍA 4 DE XUÑO DE 2009,
BAIXO A PRESIDENCIA DO
SR. D. ALBERTO NÚÑEZ FEIJÓO
DECRETOS
CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA
• Decreto polo que se nomea director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública a José Carlos García Bouzas
• Decreto polo que se designan representantes da Comunidade Autónoma de Galicia na Comisión Galega de Cooperación Local
CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS
• Decreto polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas
• Decreto polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e do Solo
CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA
• Decreto polo que se establece o currículo de educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia
CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO
• Decreto polo que se declara ben de interese cultural, coa categoría de monumento, o pazo de Liñares, no concello de Lalín (provincia de Pontevedra)
CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL
• Decreto polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Fondo Galego de Garantía Agraria
ACORDOS
CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA
• Acordo polo que se autoriza a adquisición de compromisos de gasto de carácter plurianual na Resolución da Secretaría Xeral da Emigración pola que se establecen e regulan os programas de bolsas destinadas aos cidadáns galegos residentes no exterior para a realización de estudos universitarios e de formación profesional durante o curso académico 2009-2010
• Acordo polo que se dispón a achega da Xunta de Galicia á Fundación de Semana Verde de Galicia
CONSELLERÍA DE FACENDA
• Acordo polo que se aproba o Plan de austeridade no gasto público da Comunidade Autónoma
CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS
• Acordo polo que aproba a colaboración técnica e financeira da Xunta de Galicia co Concello de Cambre, para a execución da obra: “Mellora da estación de bombeo do Temple. Cambre (A Coruña)”, clave OH.315.890, por importe de oitocentos noventa e tres mil seiscentos cincuenta e oito euros e setenta e un céntimos (893.658,71 €)
CONSELLERÍA DE SANIDADE
• Acordo polo que se autoriza a subscrición dun convenio de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e a Asociación Viguesa de Alcoholoxía (ASVIDAL), para o desenvolvemento do programa de asistencia e reinserción psicosocial de pacientes con problemas de dependencia relacionada co alcohol, tabaco, xogo e outras dependencias sen substancia
• Acordo polo que se autoriza a subscrición dun convenio de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e a Asociación As Burgas para o tratamento e rehabilitación do enfermo alcohólico, para o desenvolvemento do programa de asistencia e reinserción psicosocial de pacientes con problemas de dependencia relacionada co alcohol, tabaco, xogo e outras dependencias sen substancia
• Acordo polo que se autoriza a subscrición dun convenio de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e a Asociación Ex-alcohólicos Luis Miguel Morás da Coruña, para o desenvolvemento do programa de asistencia e reinserción psicosocial de pacientes con problemas de dependencia relacionada co alcohol, tabaco, xogo e outras dependencias sen substancia
• Acordo polo que se autoriza a subscrición dun convenio de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e a Asociación de Pais de Nenos con Problemas Psicosociais (Aspaneps), para a realización do programa de atención á saúde mental infantoxuvenil na área de Ferrol
CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR
• Acordo polo que se autoriza a adquisición de compromisos de gastos de carácter plurianual ao abeiro do artigo 58.1.b) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Orde pola que se regulan as axudas económicas para a atención da primeira infancia a través do cheque infantil en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos e se procede a súa convocatoria
• Acordo polo que se autoriza a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Traballo e Benestar e a Fundación Monte do Gozo, para o desenvolvemento do programa terapéutico-educativo PROXECTO HOME de atención, rehabilitación e reinserción social de persoas adictas
MOCIÓNS E PROPOSTAS
CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS
• Declaración institucional sobre o Día Mundial do Medio Ambiente
INFORMES
CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA
• Informe sobre as delegacións da Xunta de Galicia no exterior
CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA
DIRECTOR XERAL DA ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA
José Carlos García Bouzas
É licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela; secretario-interventor de Administración local; funcionario do corpo superior de Administración da Xunta de Galicia; e técnico superior en prevención de riscos laborais. Posúe o diploma directivo da Xunta de Galicia e o título de axente e corredor de seguros.
Desde xullo de 1983 ata maio de 1986 foi secretario-interventor do Concello de Porqueira (Ourense).
Entre 1986 e 1987 foi director do gabinete do conselleiro de Sanidade, departamento autonómico ao cal estivo vinculado nos seguintes anos. Así desde agosto de 1986 ata xuño de 1990 foi xefe da Sección de Recursos Xurídicos da Consellería de Sanidade; de xuño a setembro de 1990, xefe da Sección de Ordenación Normativa; de setembro de 1990 ata xuño de 1994, xefe do Servizo de Inspección, Documentación e Ordenación Normativa da Consellería de Sanidade; de xuño de 1994 ata decembro de 1996, xefe do Servizo de Réxime Interior deste departamento autonómico; e de decembro de 1996 ata marzo de 1998, subdirector xeral de Avaliación e Coordinación da Secretaría Xeral do Sergas.
Tamén foi subdirector xeral de Programas na Dirección Xeral de Xuventude, dependente da Consellería de Familia, Promoción do Emprego, Muller e Xuventude desde marzo de 1998 ata xaneiro de 2006.
Posteriormente, entre xaneiro de 2006 e maio de 2008, ocupou o posto base do grupo A na Secretaría Xeral de Igualdade, dependente da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. Desde maio de 2008 ata a actualidade, foi inspector de xogo da Dirección Xeral de Interior da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.
A XUNTA DESIGNA OS REPRESENTANTES DA COMISIÓN GALEGA DE COOPERACIÓN LOCAL
O Consello da Xunta deu o visto e prace ao decreto polo que se designan os representantes da Comunidade Autónoma de Galicia na Comisión Galega de Cooperación Local.
Así, ademais do presidente da Xunta e do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, tamén serán membros da comisión os directores xerais de Administración Local, de Relacións Institucionais e Parlamentarias e de Orzamentos; os secretarios xerais das consellerías de Educación e Ordenación Universitaria, Economía e Industria, Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Traballo e Benestar e Sanidade; e a secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.
A Comisión Galega de Cooperación Local é un órgano permanente de colaboración para a coordinación entre a Administración autonómica e as entidades locais. Esta comisión atópase integrada paritariamente por representantes da Comunidade Autónoma e das entidades locais galegas.
A NOVA ESTRUTURA DA CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE AFORRARÁ CASE 7 MILLÓNS DE EUROS ÁS ARCAS PÚBLICAS AO LONGO DESTA LEXISLATURA
• O departamento que dirixe Agustín Hernández eliminou unha secretaría xeral, unha dirección xeral, catro subdireccións xerais e catro xefaturas de servizo
• A subdirección xeral de Seguridade e Inspección substitúe o anterior Comisionado, que non ten estrutura administrativa, e reforzará as competencias de seguridade viaria
• Outro dos cambios introducidos polo novo Goberno é a incorporación das competencias en materia de vivenda, á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas
O Consello da Xunta informou esta mañá da nova e definitiva estrutura da Consellería de Medio Ambiente; Territorio e Infraestruturas, dirixida por Agustín Hernández. Co deseño do novo organigrama deste departamento, o Goberno galego aforrará preto de 7 millóns de euros ao longo desta nova lexislatura, respecto da anterior estrutura. Con esta decisión, a Consellería de Medio Ambiente custa un 17,84% menos ao ano ás arcas públicas, xa que por cada ano desta lexislatura se aforraran 1.718.176 euros.
Anterior estrutura Nova estrutura Diferenza %
Consellería 6.805.791,62 5.845.653,03 960.138,59 -15,36
IGVS 2.819.911,60 2.061.874,10 758.037,50 -26,88
Totais 9.625.703,22 7.907.527,13 1.718.176,09 -17,84
A clara redución e simplificación dos órganos que se constata é consecuencia da fusión das anteriores consellerías de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.
Nese senso, o departamento dirixido por Agustín Hernández reduciu unha secretaría xeral, unha dirección xeral e catro subdireccións xerais, así como catro xefaturas de servizo.
Outra das modificacións afecta o Comisionado de Seguridade Viaria e, por outro lado, adscríbese a Dirección Xeral de Conservación da Natureza á Consellería de Medio Rural.
Tres secretarías xerais
A Consellería de Medio Ambiente conta con tres secretarías xerais. A Secretaría Xeral supón refundir nun único centro directivo as antigas consellerías de Medio Ambiente e Política Territorial.
Así mesmo, créase unha Subdirección Xeral de Seguridade Viaria e Inspección coa finalidade de mellorar as funcións inspectoras, que asume as funcións de seguridade viaria encomendadas anteriormente ao Comisionado de Seguridade Viaria. Con esta decisión elimínase un cargo inoperante de carácter político que viña funcionando ata o de agora, o Comisionado de Seguridade Viaria. Agora, o Comisionado será dotado de estrutura administrativa para poder desenvolver as súas funcións inspectoras e de coordinación da seguridade viaria dun xeito funcional e eficaz.
Tamén se crea a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e o Servizo de Autorizacións e Informes Sectoriais, que dependerá desta secretaría xeral: Esta decisión obedece á necesidade de diferenciar as funcións de emisión de informes e autorizacións das relativas a estudos e informes de planeamento urbanístico.
Por último, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental asumirá as competencias da anterior Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible, como levar a cabo as iniciativas de investigación en materia ambiental, controlar os sistemas de observación e predición metereolóxica de Galicia e coordinar a rede de observación dos solos de Galicia, así como liderar a estratexia galega fronte ao cambio climático.
Direccións xerais
O departamento de Medio Ambiente contará tamén con tres direccións xerais: de infraestruturas, de mobilidade e de sostibilidade.
Unha das novidades dentro da Dirección Xeral de Infraestruturas é a supresión das subdireccións xerais de Xestión e de Conservación e Explotación e o mantemento da subdireccións xerais de Estradas e de Planificación de Proxectos. Esta última denominarase Subdirección Xeral de Planificación e Programación.
Tamén se crea un Servizo de Coordinación Administrativa que depende directamente da directora xeral de Infraestruturas, así como un Servizo de Explotación integrado na Subdirección Xeral de Estradas.
A Dirección Xeral de Sostibilidade asume –como novidade- as funcións inherentes á dirección, planificación e xestión da ordenación do territorio, que antes asumía a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo. Tamén se inclúe dentro desta nova dirección xeral á Subdirección de Paisaxe e Territorio (antes de Ordenación do Territorio e do Litoral)
No relativo á Dirección Xeral de Mobilidade mantén a mesma estrutura que a desaparecida Dirección Xeral de Transportes, pero fíxose unha reorganización interna dos servizos que dela dependen.
O IGVS
Outro dos cambios introducidos polo novo Goberno é a incorporación das competencias en materia de vivenda, que antes asumía a Consellería de Vivenda e Solo, á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Polo tanto, procedeuse a reordenación das unidades orgánicas existentes na Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas co obxectivo de atender as competencias en materia de vivenda, como os plans estatais, a xestión e fomento do réxime de aluguer, o rexistro de demandantes, ou a renda básica de emancipación.
Nese senso, procedeuse ao reforzamento das unidades dedicadas á xestión de axudas para o acceso á vivenda en aluguer e á potenciación da xestión de rexistros públicos e de demandantes de vivenda.
En definitiva, esta nova estrutura recolle unha redución de 14 postos (conselleiro, secretario xeral, dirección xeral, catro subdirectores xerais (delegados provinciais) e sete xefaturas de servizo, onde se inclúen os secretarios provinciais. En termos económicos, o aforro é de 758.037 euros.
O CONSELLO DA XUNTA APROBA O NOVO DECRETO DE EDUCACIÓN INFANTIL QUE GARANTE UN ENSINO COMÚN E NON DISCRIMINATORIO
• O documento regulará contidos, obxectivos e métodos dos 3 aos 6 anos
• Os métodos de traballo baséanse nas experiencias, as actividades e os xogos asegurándose que se apliquen nun ambiente de afecto e confianza
• Ten en conta o principio de flexibilidade para adecuar a educación á diversidade presente na aula
O Consello da Xunta aprobou o novo decreto de educación infantil que regulará o currículo -obxectivos, contidos e métodos- para esta etapa que vai dos 0 aos 6 anos. O documento entrará en vigor o día seguinte ao da publicación no DOG, destacando o esforzo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para aprobar a nova normativa antes do remate do actual curso escolar.
O novo currículo pretende un desenvolvemento integral do neno nos distintos planos físico, motor, emocional, afectivo, social e cognitivo. Por iso préstalle especial atención ás áreas de coñecemento do contorno, autonomía persoal e linguaxe, estando dividido en dous ciclos: un primeiro para os nenos e nenas de 0 a 3 anos e un segundo para o período de 3 a 6 anos.
Os métodos de traballo baséanse nas experiencias, as actividades e o xogo asegurándose que se apliquen nun ambiente de afecto e confianza para potenciar a autoestima e a integración social. O documento fai especial fincapé na necesidade de contemplar a diversidade do alumnado, adaptando a práctica educativa ás súas características persoais, necesidades, intereses e capacidades.
Para iso, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establecerá os procedementos que permitan identificar aquelas características que poidan ter incidencia na evolución escolar dos alumnos para adaptarse e dar a resposta axeitada. Terase en conta o principio de flexibilidade para adecuar a educación á diversidade de aptitudes, intereses e necesidades dos nenos e nenas. Reforzando esta liña, os centros desenvolverán e completarán o currículo adaptándoo á súa realidade concreta.
Corresponsabilidade
O novo currículo entende que a educación nesta etapa é un proceso compartido coas familias, polo que se debe favorecer desde o centro docente coa titoría e con reunións periódicas para intercambiar a información coa familia. Ademais, tamén se habilitarán mecanismos para favorecer a participación dos pais dunha forma máis directa e cunha maior implicación.
O documento recolle tamén que se incluirán as ensinanzas de relixión dentro do segundo ciclo de educación infantil, sempre respectando os dereitos de todo o alumnado e das súas familias para que non supoña ningunha discriminación. Ao inicio de cada curso, os pais ou titores dos alumnos manifestarán a súa vontade de que as súas fillas e fillos reciban ou non estas ensinanzas.
A observación directa e sistemática será a principal técnica dunha avaliación global, continua e formativa que persiga identificar as aprendizaxes adquiridas e o ritmo da evolución. Ademais, os profesionais deberán avaliar a súa propia práctica educativa.
As actuacións que derívanse deste decreto aprobado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria non representan incremento de gasto no marco do orzamento xa consignado para o departamento.
O CONSELLO DA XUNTA APROBA O DECRETO POLO QUE SE DECLARA O PAZO DE LIÑARES BEN DE INTERESE CULTURAL
• O decreto delimita os elementos naturais e accidentes xeográficos do contorno do inmoble que serán obxecto de protección e conservación pola declaración do BIC
O Consello da Xunta aprobou hoxe o decreto polo que o pazo de Liñares, situado no concello de Lalín, pasa a ser declarado ben de interese cultural con categoría de monumento. Coa entrada en vigor deste decreto, o pazo de Liñares será catalogado como un dos bens máis sobranceiros do noso patrimonio de acordo co previsto no artigo 8 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.
O expediente para a declaración do pazo de Liñares como BIC foi incoado mediante a Resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 27 de novembro de 2008 e contou cos informes favorables obrigatorios da Comisión Territorial do Patrimonio Histórico, da Real Academia de Belas Artes de Nosa Señora don Rosario, do Consello da Cultura Galega e da Universidade de Santiago de Compostela.
O decreto delimita ademais o contorno do inmoble que será afectado pola declaración como ben de interese cultural, de cara á protección e conservación dos accidentes xeográficos e elementos naturais desta área territorial.
Historia
O pazo de Liñares está situado na parroquia de San Martiño de Prado, no concello pontevedrés de Lalín. A historia deste inmoble está estreitamente vinculada á familia dos Taboada, que o posuíu durante máis de catro séculos é levouno a ser un dos pazos señoriais con máis relevancia da Terra do Deza. Diferentes etapas e estilos foron constituíndo este maxestoso edificio o longo dos séculos, chegando a ser unha das obras de caracter civil máis significativas do centro de Galicia. Esta declaración é un impulso de cara a potenciación da monumentalidade do noso patrimonio.
EFICACIA, EFICIENCIA E AUSTERIDADE PRIMAN NA NOVA ESTRUTURA ORGÁNICA DA CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL
Os compromisos de eficiencia, eficacia e austeridade na xestión, asumidos pola Xunta de Galicia, plásmanse de xeito concreto na nova estrutura da Consellería do Medio Rural. O Consello do goberno galego deu hoxe o visto e prace ao Decreto que establece as competencias e órganos que integran este departamento, así como as entidades adscritas á consellería.
Trátase, como na Xunta no seu conxunto, de racionalizar o armazón administrativo da consellería que ten competencias para propor e executar as directrices xerais do goberno no ámbito rural.
Neste sentido, o decreto establece que o campo de actuación da Consellería do Medio Rural engloba as competencias en materia de agricultura; gandaría; desenvolvemento rural e ordenación comarcal; estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais; montes; prevención e defensa dos incendios forestais e conservación da natureza.
Ademais do conselleiro, integran a estrutura desta consellería a Secretaría Xeral; cinco direccións xerais (Produción Agropecuaria, Desenvolvemento Rural, Innovación e Industrias Agrarias e Forestais, Montes e Conservación da Natureza); os departamentos territoriais; o organismo autónomo Fondo Galego de Garantía Agraria; e os entes públicos Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e Instituto Galego de Calidade Alimentaria
A XUNTA DESTINA 550.000 EUROS A BOLSAS DE ESTUDOS UNIVERSITARIOS E DE FORMACIÓN PROFESIONAL PARA CIDADÁNS GALEGOS RESIDENTES NO EXTERIOR
• A convocatoria pretende que galegos do exterior se formen no noso eido cultural e educativo para contribuír ao fortalecemento das súas orixes e vínculos con Galicia
• A orde diferencia entre axudas para cursar estudos universitarios convencionais, de terceiro ciclo e máster universitarios e de formación profesional de grao superior
O Consello da Xunta acordou hoxe destinar un total de 550.000 euros aos programas de bolsas destinadas aos cidadáns galegos residentes no exterior para a realización de estudos universitarios e de formación profesional durante o curso académico 2009-2010. Con esta iniciativa, a Secretaría Xeral de Emigración pretende que os cidadáns galegos no exterior teñan a oportunidade de formarse no eido cultural e educativo galego, dentro das súas institucións educativas e académicas, co fin de contribuír ao fortalecemento das súas orixes galegas e vínculos co noso pobo.
A convocatoria autorizada polo Consello da Xunta inclúe tres programas de axudas distintas, distinguindo entre as bolsas para estudos universitarios convencionais, para máster universitarios e para estudos de formación profesional de grao superior. Así, o primeiro dos programas, dotado con 240.000 euros, e conveniado coa Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, pretende que os estudantes residentes no estranxeiro poidan realizar estudos conducentes a obter o título de licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico e arquitecto técnico ou a nova titulación de graduado.
O segundo dos programas está dirixido a sufragar os gastos derivados da realización de estudos de terceiro ciclo, así como da realización de estudos de máster universitarios. Con este programa, a Secretaría Xeral de Emigración pretende fomentar a especialización académica, a profesionalización e a iniciación á investigación dos galegos con titulación universitaria residentes no estranxeiro, tendo en conta a oferta das universidades galegas.
O terceiro programa, de bolsas para a realización de estudos de formación profesional de grao superior, convócase en colaboración coa Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. A finalidade destes estudos é preparar os alumnos para a actividade nun campo profesional e facilitar a súa adaptación ás modificacións laborais que poden producirse ao longo da súa vida, así como contribuír ao seu desenvolvemento persoal, ao exercicio da cidadanía democrática e á aprendizaxe permanente.
Poderán optar a estas bolsas cidadáns galegos e os seus descendentes ata segundo grao que residan no exterior. Nos programas 1 e 2, a orde establece unha axuda máxima de 6.000 euros destinada a sufragar os gastos académicos derivados dos estudos, da estadía e da manutención, en caso do terceiro programa, unha axuda máxima de 5.000 euros. En ambos os casos, ademais, se outorgará unha axuda destinada a financiar as viaxes de ida e volta entre o lugar de residencia no estranxeiro do beneficiario da bolsa e a Comunidade Autónoma.
A XUNTA ACHEGARÁ 850.000 EUROS Á FUNDACIÓN SEMANA VERDE DE GALICIA
O Consello da Xunta aprobou un acordo para efectuar, en calidade de patrón, unha achega á Fundación Semana Verde de Galicia por un total de 850.000 euros para atender os compromisos adquiridos por esta entidade e, ao mesmo tempo, contribuír a súa viabilidade económico-financeira.
Esta achega distribuirase entre os distintos departamentos do Goberno autonómico que forman parte do Padroado: a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas; Economía e Industria e a Consellería do Medio Rural. A repartición realizarase da seguinte maneira: a Consellería de Presidencia achegará 200.000 euros; a de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, 200.000 euros; a de Economía e Industria, 150.000 euros e a do Medio Rural achegará 300.000 euros.
A Fundación Semana Verde de Galicia ten como fins contribuír ao desenvolvemento do sector agrario a través de actividades feirais e mercados agropecuarios; promover a cooperación público-privada no desenvolvemento de actividades feirais e promocionais no eido agrario, alimentario, industrial e comercial para impulsar estes sectores; reforzar a posición estratéxica de Galicia como plataforma feiral para o desenvolvemento de grandes eventos sectoriais de ámbito estatal e internacional; e impulsar e promocionar o Recinto Feiral de Galicia en Silleda como infraestrutura de promoción e exposición comercial e como un enclave estratéxico para o desenvolvemento socioeconómico da Comunidade.
A XUNTA RECORTARÁ O GASTO ESTE ANO EN 144 MILLÓNS DE EUROS CUN PLAN DE AUSTERIDADE
• Os recortes non afectará ao gasto social nin ao sanitario
• Facenda creará sistemas de seguimento e control do gasto burocrático e administrativo e da aplicación da Lei de dependencia
• Esta actuación completarase en próximas datas cun plan de choque para a dinamización e reactivación económica e social
O Consello da Xunta aprobou hoxe, por proposta da conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, un recorte do gasto de 144 millóns de euros para este ano cun plan de austeridade, dos cales 7,7 millóns de euros se aforrarán como consecuencia da redución de consellerías e altos cargos, así como de persoal eventual de gabinete.
Marta Fernández lembrou que a deterioración económica que se vén pronunciando desde a segunda metade de 2007, así como a falta de rigor con que se elaboraron os ingresos nos orzamentos para este ano, provocan que haxa uns orzamentos desequilibrados e que non garanten o cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria para 2009.
A titular de Facenda salientou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asumiu o compromiso de establecer políticas de austeridade, evitando gastos innecesarios e fomentando políticas de aforro, que en ningún caso afecten o sostemento dos gastos sociais nin o correcto funcionamento da sanidade pública.
O plan está baseado en tres pilares: priorizar o gasto social; implantar políticas de austeridade e aforro de gasto corrente e, priorizar tamén o gasto en investimentos produtivos como elemento dinamizador da economía.
No capítulo II, relativo a gastos en bens e servizos correntes, o aforro efectivo é de 13,5 millóns de euros. Os gastos en publicidade, reunión e conferencias, cobertura informativa e publicacións recórtanse nun 40% sobre o crédito dispoñible.
En canto ao capítulo IV formúlase un aforro de 37 millóns de euros, con baixas en partidas concretas nas cales tradicionalmente existen grandes remanentes por inexecución, que amosaba unha deficiente xestión e priorización.
Ademais, requírese un esforzo de aforro ás sociedades públicas autonómicas e dedúcense 156.000 euros na Consellería do Mar, xa que renunciou a crear outro organismo a cambio de tres prazas de funcionarios.
En canto aos investimentos, o aforro efectivo é de 18,4 millóns de euros en asistencias técnicas e campañas, máis 42,4 millóns de euros no resto deste capítulo VI, con tan só dúas actuacións para non minorar o investimento produtivo. Así, no Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) anúlanse 15 millóns de euros que non tiñan garantido o seu financiamento orzamentario, por estaren os ingresos por venda de inmobles inflados nun mínimo de 20 millóns de euros. No resto, trátase de investimentos non produtivos, e o aforro é de 27,4 millóns de euros, que representa o 19,03% do total do plan de austeridade.
No capítulo VII o aforro efectivo é de 24,9 millóns de euros, que se realizará en partidas con escasa execución.
Como complemento das medidas concretas de axuste que integran o plan de austeridade, créase unha comisión para o estudo e aplicación de medidas de aforro de gasto corrente, formada polos secretarios de todas as consellerías. Tamén se elaborará un plan de investimentos produtivos como medida de dinamización económica, que centre a súa atención na execución.
Así mesmo, implántanse, no seo da Consellería de Facenda, dous sistemas de seguimento e control do gasto sanitario referidos, respectivamente, aos gastos de persoal do Sergas e ao gasto corrente e investimentos deste organismo. Igualmente arbitrará un sistema de seguimento dos gastos da aplicación da Lei de dependencia.
Esta iniciativa constitúe a primeira parte da actuación estratéxica do Goberno galego para afrontar a actual situación de crise económica, que será complementada nas próximas datas coa posta en marcha dun plan de choque para a dinamización e reactivación económica e social.
MEDIO AMBIENTE FINANCIA O 100% DAS OBRA DE MELLORA DA ESTACIÓN DE BOMBEO DO TEMPLE NO CONCELLO DE CAMBRE
• O departamento que dirixe Agustín Hernández destina un orzamento de case un millón de euros para a materialización desta actuación hidráulica
• Con esta actuación elimínase un punto de vertedura ocasional na ría do Burgo contribuíndo así á súa recuperación
• A través desta acción, o novo Goberno demostra o seu compromiso coa Ría do Burgo
O Consello da Xunta aprobou esta mañá o acordo polo que se autoriza a colaboración técnico- financeira da Xunta de Galicia co Concello de Cambre, para a execución das obras de mellora de bombeo do Temple. Este proxecto hidráulico será financiado ao 100% pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, que investirá un total de 893.650 euros nesta obra. O pagamento da subvención realizarase en dúas anualidades, polo que en 2009 se concederán 400.000 euros e ao ano seguinte 493.658 euros.
Con esta actuación elimínase un punto de vertedura ocasional na ría do Burgo contribuíndo así a súa recuperación. Esta acción demostra o compromiso do novo Goberno coa Ría do Burgo.
Esta actuación, cuxo prazo de execución será de medio ano, ten por obxectivo corrixir as deficiencias localizadas no bombeo das augas, ampliar a capacidade e facilitar o seu mantemento: un paso máis para solventar a problemática da ría do Burgo.
Nese senso, procederase á demolición dun muro existente para a contención de terras da zona de peche, que será substituído por outro de formigón armado. No relativo á cámara húmida, a plataforma metálica do interior será retirada para colocar unha nova de trámex con corredor perimetral dun metro de largo, para facilitar os labores de mantemento da cámara.
Debido aos problemas de condensación, cambiarase o equipo extractor de aire por outro de maior capacidade e, por outro lado, instalarase unha boca de rego no exterior da cámara para facilitar o seu mantemento e baleirado.
Por último, instalaranse dúas novas bombas que se sumarán ás tres xa existentes. No proxecto de obra tamén se inclúe a reposición dos servizos e dos pavimentos afectados polas obras.
Debido á escasa capacidade financeira dos concellos galegos e ao importante orzamento deste tipo de obras, a Administración hidráulica de Galicia vén financiando a meirande parte delas.
O SERVIZO GALEGO DE SAÚDE SUBVENCIONARÁ CON MÁIS DE 600.000 EUROS ASOCIACIÓNS QUE TRABALLAN NA REINSERCIÓN DE PACIENTES CON DEPENDENCIA
• A Asociación Viguesa de Alcoholoxía (Asvidal) recibe 214.680; tamén se destinan 208.180 euros á Asociación de Ex- alcohólicos Luis Miguel Morás da Coruña; e a das Burgas de Ourense, 181.880 euros
O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura de tres convenios de colaboración por valor de 604.740 euros con asociacións que traballan no desenvolvemento de programas de asistencia e reinserción psicosocial de pacientes con problemas de dependencia relacionada co alcohol, tabaco, xogo ou outras dependencias sen substancia.
En concreto, o Servizo Galego de Saúde destinará neste ano 2009 unha partida de 214.680 euros á Asociación Viguesa de Alcoholoxía (ASVIDAL); outra partida de 208.180 euros para a asociación de Ex-alcohólicos Luis Miguel Morás da Coruña; e unha contía de 181.880 euros á Asociación As Burgas de Ourense.
Estas asociacións contan coa autorización pertinente (Orde do 7 de xullo de 1998) que as acredita como unidades, centros, servizos e establecementos sanitario-asistenciais de tratamento das drogodependencias.
En virtude destes convenios de colaboración, as asociacións en cadansúa área de influencia ofrecerán asistencia directa (primeiras consultas, avaliación diagnóstica, psicoterapias, revisión e seguimento, rehabilitación e reinserción), pero tamén asesoramento sanitario e psicosocial aos pacientes e familiares afectados, información e derivación á rede asistencial naqueles casos que o precisen, e seguimento e apoio continuado aos programas sanitarios.
Así mesmo, teñen un equipo multidisciplinar con experiencia para o desenvolvemento deste tipo de programas. Segundo establece o convenio, a asistencia será prestada polo persoal titulado do equipo técnico de cada asociación, que debe estar formado como mínimo por un psiquiatra ou médico, un psicólogo e un traballador social.
O SERVIZO GALEGO DE SAÚDE DESTINA 187.200 EUROS AO DESENVOLVEMENTO DO PROGRAMA DE SAÚDE MENTAL INFANTOXUVENIL NA ÁREA DE FERROL
• Con este obxectivo asinarase un convenio coa Asociación de Pais de Nenos con Problemas Psicosociais (Aspaneps)
O Servizo Galego de Saúde investirá un total de 187.200 euros para a realización do Programa de saúde mental infantoxuvenil na área de Ferrol, durante o ano 2009. Para o seu desenvolvemento, a sanidade pública galega asinará un convenio de colaboración coa Asociación de Pais de Nenos con Problemas Psicosociais (Aspaneps), segundo aprobou o Consello da Xunta na súa xuntanza semanal.
Unha das liñas de traballo na procura da mellora da atención en saúde mental prevé que o desenvolvemento dos dispositivos de saúde mental se complemente en áreas específicas para dar unha resposta máis completa ás necesidades asistenciais.
Na área de saúde de Ferrol, a Asociación de Pais de Nenos con Problemas Psicosociais está a desenvolver desde 1990 un programa integrado de atención á saúde mental que representa un importante labor de atención a esta problemática na poboación infantil. Ademais, conta co equipo técnico necesario para dar resposta á demanda asistencial que se produza neste sector específicos, que é o que prestará a asistencia.
A través deste convenio, Aspaneps atenderá toda a demanda que se xere respectando os principios de universalidade e gratuidade. A asistencia directa inclúe primeiras consultas, avaliación diagnóstica, psicoterapias, revisión e seguimento, rehabilitación e reinserción. Xunto con isto, realizaranse apoio e asesoramento a institucións relacionadas co menor e institucións escolares; e información e derivación á rede asistencial no caso que se precise.
Polo tanto, a Asociación asumirá compromisos como atender a demanda á saúde mental infantoxuvenil solicitada na área de saúde de Ferrol; seguir as instrucións que en materia de saúde mental infantoxuvenil estableza o Servizo Galego de Saúde; e colaborar nos traballos de elaboración, avaliación e seguimento dos programas de atención á saúde mental infantoxuvenil que este poña en marcha, entre outros.
AS LISTAS DE ESPERA PARA ESCOLAS DE 0 A 3 ANOS REDUCIRANSE NUN 45% A TRAVÉS DO CHEQUE INFANTIL
• O goberno galego financiará con 1,7 millóns de euros as axudas para a cobertura de prazas en centros privados
• Os beneficiarios poderán percibir ata 215 euros mensuais a través do chamado cheque infantil
A Consellería de Traballo e Benestar destinará o próximo curso 1.704.870 euros para financiar o cheque infantil. Con este investimento a Xunta pagará a cobertura total ou parcial do custo de 1.400 prazas en escolas infantís de 0 a 3 anos non sostidas con fondos públicos o que se suporá unha redución do 45% das solicitudes non atendidas.
O número de prazas adxudicadas o pasado curso por provincias foi de 552 en Pontevedra, 378 na Coruña, 306 en Ourense e 196 en Lugo, polo que a previsión para o vindeiro curso é similar, xa que o número de cheques outorgados depende en gran medida das prazas públicas que existan en cada unha das provincias.
As contías económicas dos cheques infantís irán en función do horario e servizos solicitados polos pais e nais así como dos prezos e tramos de renda que figuran no réxime de escolas infantís dependentes da Xunta de Galicia. Así establécese un máximo de 130 euros ao mes para prazas que soliciten un horario de 8 horas, 215 para as que ademais precisen comedor, e de 90 euros para as prazas en horario de tarde.
Os requisitos para optar ao cheque infantil son que o neno ou nena solicitante nacese despois do 31 de decembro de 2006 e teña cumpridos os tres meses na data de ingreso, que a renda per cápita mensual da unidade familiar non supere os 1.000 euros e estar en lista de espera nunha escola pública. Ademais será preciso que existan prazas correspondentes ao grupo de idade do neno ou nena nos centros partícipes no programa e non dispoñer doutras axudas para esta finalidade.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde a publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Os beneficiarios recibirán cheques infantís mensuais co importe subvencionado que deberán entregar no centro escolar.
Ademais do sistema de cheque infantil, a oferta irase ampliando a medida que se rematen os 28 centros en construción que crearán en dous anos 1.839 novas prazas de 0-3 anos.
TRABALLO E BENESTAR FINANCIA PROXECTO HOME CON 244.000 EUROS
• Esta axuda servirá para manter ata final de ano 34 prazas nos centros que Proxecto Home ten nas principais cidades galegas
A Consellería de Traballo e Benestar contribuirá ao financiamento do programa Proxecto Home con 244.000 euros, para a atención, rehabilitación e reinserción de persoas adictas. Esta axuda enmárcase nun convenio de colaboración coa Fundación Monte do Gozo, encargada de desenvolver o citado programa na Comunidade Autónoma de Galicia.
Esta subvención servirá principalmente para manter os servizos e accións que Proxecto Home leva a cabo coas persoas adictas na fase de reinserción social. Deste xeito, e ata final de ano quedarán financiadas 34 prazas, en calquera dos programas que desenvolve Proxecto Home, e que poderán incluír alternativas residenciais ou talleres ocupacionais encamiñados á consecución dun emprego normalizado.
Proxecto Home está presente nas principais cidades galegas; A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo, con distintos programas de atención e reinserción das persoas con algún tipo de adicción. O interese social deste programa vén dado pola necesidade de minguar, na medida do posible, as consecuencias sociais asociadas ao consumo de substancias adictivas, propiciando un apoio cara á integración social e laboral deste colectivo.
A Xunta de Galicia leva colaborando co programa terapéutico–educativo Proxecto Home desde o ano 1991, para tratar de minorar os factores de exclusión dos drogodependentes e promover a súa inserción sociolaboral.
DECLARACIÓN DA XUNTA DE GALICIA CON MOTIVO DO DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE 2009
Unha comunidade humana, ao igual que todas as agrupacións de seres vivos, só pode desenvolverse e progresar nun marco ambiental favorable, acorde coa súa natureza, e de características esencialmente estables. Así, podemos dicir que, antes de conformarse como unha política pública, a atención ao medio natural é unha cultura da vida.
En Galicia, onde a identificación coa terra é proverbial, a cultura ambiental ten que poñerse de manifesto de xeito permanente no conxunto das actividades públicas e privadas, individuais e colectivas, de produción e de ocio, industriais e agrarias. E por iso, a Xunta de Galicia asume a necesidade de incrementar e respectar a cultura ambiental en dous aspectos importantes:
- Na inspiración e conformación integral das políticas públicas, que en todos os casos e desde cada departamento deben manter os criterios de equilibrio e sustentabilidade.
- Na xeración dunha cultura cidadá, que, tanto a nivel individual como colectivo, asuma a idea de que a Terra é, ademais da nosa única morada, o noso maior patrimonio.
Toda política ambiental realista, ademais de potenciar a mellora dos hábitos individuais, debe estar enmarcada nas grandes liñas de actuación que se están definindo, especialmente nos últimos anos, no marco das Nacións Unidas e doutras organizacións nacionais e internacionais. Por iso, consideramos totalmente adecuado que o Día Mundial do Medio Ambiente de 2009 se celebre baixo o lema “O teu Planeta necesítate – Unidos contra o cambio climático”, xa que neste lema aparece explícita e concentrada a idea de que o problema ambiental ten unha dimensión global, que todos e cada un de nós temos a posibilidade de incidir no problema ou de formar parte da solución.
Pero tamén cómpre dicir, porque diso estamos convencidos, que non hai mellor achega ao medio natural que a firme e razoable convicción de que o progreso social e o benestar económico son perfectamente compatibles. Porque xa temos os suficientes recursos e coñecementos científicos para poder cambiar o sistema de explotación da natureza -ata acadar a plena sustentabilidade- sen renunciar ás vantaxes conquistadas e ás riquezas socializadas nos dous últimos séculos de civilización.
Con esta declaración, a Xunta de Galicia quere contribuír a incrementar a conciencia e os coñecementos ambientais dos cidadáns, colectivos e institucións. O problema ambiental, que pasou de centrarse na cuestión dos recursos naturais a converterse nun compromiso de xestión e organización do medio, esténdese agora a conceptos tan importantes e omnicomprensivos como son a xustiza e a paz. Nun planeta ambientalmente deteriorado non poderían subsistir illas de progreso, benestar e liberdade. Por iso estamos obrigados a elevar a nosa reflexión ambiental deste 5 de xuño de 2009 desde Galicia ata poñela ao nivel da humanidade mesma.
A XUNTA XESTIONARÁ O TRASLADO DAS SÚAS DELEGACIÓNS NO EXTERIOR AOS CENTROS GALEGOS
• O Goberno galego espera reducir os custos en máis do 50% e mellorar a atención directa aos galegos do exterior
O Consello da Xunta aprobou hoxe un informe da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza sobre as liñas mestras da nova política ao respecto das delegacións do Goberno galego no exterior, que o Executivo ten decidido trasladar aos centros galegos para reducir custos e facelas máis accesibles para os emigrantes galegos.
Os obxectivos da nova política de delegacións son reducir os custos en máis dun 50 por cento e mellorar a atención directa aos galegos do exterior, destinando parte dos aforros a proxectos sociais que os beneficien. O Executivo galego está disposto ademais a negociar co Ministerio Español de Asuntos Exteriores e Cooperación que as delegacións da Xunta no exterior gocen de beneficios fiscais e doutra índole para reducir aínda máis os custos.
Trátase, en definitiva, de racionalizar a xestión integral das delegacións da Xunta de Galicia no exterior, reducir os seus custos operativos, incrementar na medida do posible a súa seguridade xurídica e mellorar a eficiencia, sen minguar a prestación de servizos ás colectividades galegas e potenciando outras áreas de promoción comercial, captación de investimentos, cooperación universitaria, fomento do turismo cara a Galicia e difusión da cultura galega, entre outros.
A Delegación da Xunta en Bos Aires creouse por decreto en xullo de 2007 e a de Montevideo en outubro de 2008. As súas funcións son atender a cidadanía galega, fomentar a lingua e a cultura galega, as relacións económicas, a cooperación ao desenvolvemento e a o rexistro público.