VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O Igape apoiará novos investimentos por importe de máis de 42 millóns de euros, e promovidos por cinco grupos empresariais, mediante a concesión de préstamos directos por importe conxunto de 22,8 millóns de euros e financiados con fondos achegados Banco Europeo de Investimentos (BEI), no marco do acordo asinado por esta entidade e o Instituto dependente da Consellería de Economía e Industria. As cinco operacións de investimento empresarial que decidiu apoiar o consello de dirección do Igape corresponden a proxectos investidores en sectores como a fabricación de papel, industria química, hostelería e transformación de produtos pesqueiros.
Un dos proxectos de investimento que apoiará o Igape é o de Extracel, Industria de Papel, que consiste na creación dunha planta de produción de transformados de papel tisú no parque empresarial de A Reigosa, en Ponte Caldelas, na provincia de Pontevedra. Este proxecto, cun investimento promovido polo grupo portugués Suavecel e cifrado en 11,7 millóns de euros, contempla a creación dun mínimo de 35 novos postos de traballo.
Outro dos proxectos novos que contará co apoio do Igape a través da liña fornecida con fondos BEI é o de ABCR Laboratorios, que investirá case 10 millóns de euros na posta en marcha, en Forcarei (Pontevedra), dunha industria química destinada á fabricación de produtos compostos de silicio, siliconas e outros materiais innovadores.
Liña do Igape con fondos BEI
O programa de préstamos do Igape para financiar proxectos de investimento con fondos facilitados polo BEI pode financiar investimentos comprendidos entre os 240.000€ e os 25 millóns de euros; os préstamos, a un prazo máximo de ata 12 anos, teñen xuros referenciados ao Euríbor+0,5 puntos porcentuais. O programa está destinado a empresas de menos de 250 traballadores.
Con carácter xeral, os proxectos deben contemplar novos investimentos e/ou intervencións de ampliación e mellora de instalacións existentes a realizar na Comunidade Autónoma de Galicia. Poden acollerse a práctica totalidade dos sectores de actividade, salvo excepcións reguladas polo BEI e referidas a actividades como fabricación de armas, xogos de azar, produción de tabaco ou actividades dificilmente respectuosas co medio ambiente, entre outras.