04 junio 2009

Conflicto del Metal y guerrilla urbana : el teniente de alcalde de Vigo hace un llamamiento a la calma

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O tenente de alcalde, Santi Domínguez, fixo este xoves un “chamamento urxente á calma e á serenidade” das partes implicadas no “conflito do metal”. O nacionalista manifestou o seu apoio ás xustas reivindicacións dos traballadores, pero expreou a súa condena “sen paliativos” os actos de violencia e reclamou á Xunta que tome parte “activa e decidida” na búsqueda de solucións a este conflito.

O tenente de alcalde fixo un chamamento para que traballadores e empresarios “se calmen e eliminen os actos vandálicos que prexudican a todos e todas”. Na súa intervención salientou a importancia do sector do metal na cidade. “Entendemos e recollemos as súas reivindicacións laborais”, afirmou ao respecto, pero expresou a súa condena aos actos vandálicos “porque nunca é boa a violencia para intentar conseguir os dereitos”. Ademais, pediu flexibilidade aos empresarios, para que comprendan que os traballadores “tratan de impedir a precarización laboral”. Santi Domínguez subliñou que dende o Concello de Vigo “debemos pedir vontade real de negociación, que paren o reloxo e que non se levanten ata que solucionen o conflito mediante o diálogo”.

O tenente de alcalde explicou que, por mor da ausencia do alcalde no día de hoxe da cidade, dende primeira hora da mañá mantivo diversos contactos co subdelegado do Goberno e os mandos da Policía Local sobre o que estaba acontecendo. Neste sentido sinalou que dado que a ausencia do alcalde era inferior ás 24 horas “non hai decreto de delegacións, pero estivemos falando para que eu como tenente de alcalde tomara o mando. Non houbo vacío de poder”. Santi Domínguez sinalou que xa a primeira hora se puxo en contacto co subdelegado do Goberno, Delfín Álvarez, “para recabar toda a información do que estaba a acontecer”. Segundo explicou, “compartimos a filosofía de actuar sempre que sexa estritamente necesario e que a actuación policial se faga coa menor dimensión posible”.

Santi Domínguez sinalou que se ben ás 12 horas no Concello estaba “todo controlado”, dende primeira hora os traballadores do metal trataron de entrar nas instalacións municipais, polo que a Policía Local tivo que “montar diversos filtros para impedilo”. Asemade, segundo indicou o tenente de alcalde, tamén trataron de entrar na Xerencia de Urbanismo, e pola parte de atrás do Concello “con violencia e tirando pedras”, o cal provocou a carga da Policía Nacional. Por outra banda, indicou que se produciron disturbios na Estación Marítima e que a Policía Nacional tamén tratou de impedir o peche dos traballadores no estaleiro Barreras.

Respecto á mediación da Xunta na solución do conflito, o tenente de alcalde afirmou que a súa intervención debe ser “activa e decidida”. Neste sentido salientou que as direccións xerais de Industria e Comercio “teñen que poñerse ao frente e buscar solucións” de xeito urxente.