24 junio 2009

Conselleiro de Cultura trata de ponerse de acuerdo con los actores

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, cualificou hoxe de “moi satisfactorio” o resultado da reunión cos representantes da Asociación de Actores e Actrices de Galicia e da Asociación de Empresas de Artes Escénicas. Á saída do encontro na Consellería de Cultura e Turismo, Varela explicou que se examinaron “os expedientes pendentes de pago, que era o que máis preocupaba as asociacións, e avanzouse moito no tema dos pagos”.

Deste xeito, o conselleiro matizou que “quedan só uns flecos por pagar” e que “o motivo de retraso debeuse a causas de tesourería e á falta de conformidade na facturación”. Neste sentido, Roberto Varela anunciou que o problema está en vías de solución xa que “o 90 por cento das axudas xa foron pagadas”. A día de hoxe, segundo os datos da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura, “dun total de 600.000 euros pagouse todo menos 143.000 euros, correspondentes a facturas que non chegaron ou non apareceron, e 93.000 euros de facturas que están sendo conformadas”.

O conselleiro aproveitou a reunión cos actores para amosar “o apoio absoluto e incondicional da Xunta ao seu traballo” e a súa intención de “empezar de novo a nosa colaboración con eles”. “O noso acordo é traballar xuntos para alcanzar un nivel de excelencia no teatro galego e das artes escénicas en xeral”, indicou.

Nesta liña de colaboración, o titular da Consellería de Cultura e Turismo avanzou que o próximo obxectivo será organizar as feiras de teatro e volcarse “nas que están máis próximas no tempo”.

Pola súa banda, o portavoz da Asociación de Empresas de Artes Escénicas, Ernesto Chao, en representación da “práctica totalidade” da profesión subliñou a súa satisfacción por que os pagos das subvencións ás compañías das artes escénicas “están en vías de solución”. Asemade, agradeceu a predisposición da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura para atender ás necesidades dos festivais de teatro e danza e para poñer en marcha as feiras das artes escénicas.

O representante da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Vicente Montoto, destacou que o encontro serviu para “desbloquear a situación con compromisos firmes”. “Saímos mellor que entramos”, resumiu.