24 junio 2009

El Pacto por el Territorio
que ofrece la Xunta

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-“Unha das prioridades ao longo da actual lexislatura será a procura dun pacto polo territorio entre todas as forzas políticas presentes no Parlamento de Galicia”. O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, fixo este ofrecemento esta tarde coa finalidade de consensuar un modelo territorial para Galicia que supere as diverxencias políticas. Hernández resaltou que a través do diálogo e dunha acción política responsable poranse en común as liñas mestras que fortalezan a posición deste país e perpetúen a identidade e o carácter diferencial do territorio e da paisaxe en Galicia. O titular de Medio Ambiente, compareceu esta tarde no Pazo do Hórreo para dar conta dos obxectivos xerais do departamento que dirixe, así como das políticas e medidas de actuación que porá en marcha ao longo da presente lexislatura.

Recordou que a integración nun só departamento do conxunto de competencias que máis inciden na transformación e desenvolvemento da imaxe de Galicia, constitúe unha oportunidade histórica para levar a cabo unha acción conxunta que defenda e poña en valor á Comunidade galega.

Salientou que a reorganización desta Consellería, implicou a realización dun plan de austeridade da estrutura orgánica, que deu como resultado, xunto coa supresión das prazas dos titulares de dúas consellerías, a redución de 4 postos directivos, 9 subdireccións xerais e 25 servizos, así como unha diminución do 65% do persoal de Gabinete (pasa de 35 persoas a 12). Isto supón unha redución dos gastos de persoal dun 17,8% no conxunto da Consellería e máis o Instituto Galego de Vivenda e Solo, polo que o aforro concrétase en 1,7 millóns de euros anuais.

O responsable de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas informou de cales serán os obxectivos principais do departamento que dirixe para a presente lexislatura en cada unha das competencias da Consellería.

Medio Ambiente
Segundo manifestou o conselleiro, os cambios introducidos na normativa europea e a española, así como nos coñecementos sobre os efectos que as actuacións humanas producen no medio, reclaman a elaboración dunha Estratexia de Desenvolvemento Sostible que integre e satisfaga os cambios que operaron no marco lexislativo, na economía e na conciencia social.

Polo tanto, na área de administración ambiental impulsarase a integración e coordinación da política ambiental nas políticas sectoriais, para definir e garantir a necesaria coordinación administrativa; apostarase por unha mellor coordinación entre a Xunta e as administracións locais; axilizaranse e simplificaranse os procedementos administrativos, coa finalidade de evitar a duplicidade; e reduciranse os prazos de tramitación dos procedementos de avaliación ambiental.

Tamén se potenciará a modernización e ampliación das Redes de Observación Ambiental nas áreas de meteoroloxía, oceanografía e calidade do aire e das augas e introduciranse sistemas de contratación pública verde en toda a administración, co obxecto de implicar á contratación pública nas prácticas respectuosas co medio ambiente.

Outras das medidas será a definición dun Plan Galego de Acción contra o Cambio Climático, no que se integre a loita contra o cambio climático en todos os programas sectoriais da Xunta de Galicia; un Plan Integral de Xestión dos Residuos Industriais, que implicará establecer un inventario actualizado dos residuos que se xeran en Galicia, obxectivos e medidas específicos de xestión e incentivos para as accións de redución e reutilización de residuos nas empresas. No tocante aos solos contaminados, ao longo da lexislatura elaborarase o Inventario de Solos Contaminados de Galicia.

Segundo avanzou Hernández, nun prazo de tempo breve e logo de dispoñer da auditoría ambiental sobre Sogama, o Goberno galego aprobará un novo Plan de Residuos Sólidos Urbanos (RSU) que contemplará a definición de accións concretas e obxectivos específicos de redución, reutilización e reciclaxe de residuos urbanos; a construción de novas instalacións para a xestión dos RSU, e o establecemento de centros de tratamento integrado; e a ampliación da rede de puntos limpos.

Política de augas
Agustín Hernández sinalou que o actual Goberno decidiu crear un único organismo para a xestión da auga, resultado da fusión de Augas de Galicia e a Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos. Con esta decisión búscase gañar eficiencia, evitar a duplicidade de competencias e funcións, mellorar a comunicación entre a planificación e execución de obras e racionalizar os recursos económicos. Un dos principais cometidos deste ente será adaptar a xestión da auga á nova filosofía que establece a Directiva Marco da Auga da Unión Europea.

Tamén se procederá a actualización do Plan de Saneamento de Galicia. O Goberno galego traballará para levar a cabo as actuacións necesarias en materia de saneamento para garantir o cumprimento da Directiva de Augas Residuais, polo que este reto implica a elaboración dun Plan de Choque para impulsar aquelas actuacións necesarias que impliquen a eliminación de vertidos nas rías galegas.

Indicou que a tarefa prioritaria na actualidade é o saneamento das rías galegas, polo que se potenciará a aceleración da tramitación e construción de depuradoras pendentes. Neste senso, manifestou que é fundamental acadar un acordo coa sociedade AcuaNorte para o financiamento da ampliación e mellora da Estación Depuradora de Augas Residuais (Edar) do río Lagares en Vigo, coa finalidade de licitar esta actuación no presente ano e cuxo investimento necesario é de 238 millóns. Outras da Edares que se priorizará será a de Ribeira, coa finalidade de cumprir a directiva de tratamento de augas residuais. O orzamento para esta actuación ascende aos 12 millóns de euros

Outro dos vectores de actuación nesta materia será o saneamento da ría do Burgo, na Coruña, rematando as obras que na actualidade están en execución por un importe de 9 millóns de euros, así como varias actuacións que incidirán positivamente nesta rías, como son a mellora da estación de bombeo do Temple e renovación do colector xeral do Paseo dos Templarios en Cambre, actuacións para as que se reserva un orzamento de 1,67 millóns de euros. Tamén manifestou a súa disposición para asinar convenios cos diferentes concellos para obras previstas do Plan de actuación integral para a eliminación de vertidos nas rías galegas.

O conselleiro indicou que a longo prazo o Goberno galego porá en marcha un Plan de Actuación 2009-2012, un proxecto coordinado que se levará a cabo ao longo de catro anos, co que se intentará acadar un nivel de calidade das augas óptimo en todas as rías. Esta medida será presentada dentro dos 100 primeiros días de Goberno.

Ordenación territorial e urbanismo
No relativo a ordenación territorial e urbanismo, ao longo desta lexislatura, o Goberno presidido por Alberto Núñez Feijóo fará un esforzo de planificación e ordenación que se realizará en base a elaboración das Directrices de Ordenación do Territorio e do Plan do Litoral, que se aprobarán neste ano. De feito, informou que para a elaboración deste plan xa se iniciou un proceso de comunicación cos organismos implicados, co fin de facelos partícipes á hora de establecer criterios e normas xerais.

Indicou que tanto o Plan do Litoral como as Directrices de Ordenación permitirán sinalar criterios obxectivos de desenvolvemento sostible aos que se deberán suxeitar as entidades municipais á hora de exercer as súas competencias de planeamento urbanístico. Por outra banda, estas ferramentas limitarán a actual discrecionalidade coa que conta a Xunta no outorgamento da probación definitiva dos Plans Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), fonte de continuos conflitos políticos e sociais nos últimos anos.

En liñas xerais, Agustín Hernández explicou que dende o departamento que dirixe daráselles un impulso decidido ao proceso de formulación dos PXOM ou da adaptación á vixente regulación legal dos que aínda non o estivesen.

No tocante ao urbanismo, o conselleiro de Medio Ambiente destacou que o labor da Consellería centrarase na axilización e mellora dos procedementos para a xestión urbanística. Así, promoveranse e facilitarase unha progresiva implantación da tramitación e o outorgamento das licencias urbanísticas por medios electrónicos; elaborarase un prego unificado de condicións-tipo que especifique a documentación necesaria e precisa, e impulsarase a axilización da tramitación, ademais de facilitar o apoio técnico e económico ás entidades locais. O obxectivo é que o 100% dos concellos de Galicia conten cun plan xeral de ordenación urbana adaptado á normativa e a lexislación vixente.

Paisaxe
O responsable de Medio Ambiente sinalou que a paisaxe terá unha consideración especial e será un referente no deseño do territorio. Considerou que o enorme valor, calidade e diversidade da paisaxe de Galicia require un estudo e tratamento diferenciado para cada ámbito, polo que se elaborará un Catálogo e Paisaxes de Galicia, no que se establecerán liñas básicas de actuación; porase en marcha un Plan Global para a integración Paisaxística de Elementos, polo que en 2010 se formularán os primeiros proxectos e programas de recuperación; definirase un plan integral para a posta en valor do litoral; e por último, continuarse coa defensa en firme dos núcleos tradicionais do litoral en aras ao seu recoñecemento pola normativa estatal.

Vivenda
Polo que se refire á vivenda, Hernández manifestou que se modificará o funcionamento do actual Rexistro de Demandantes de Vivenda para conseguir unha estrutura mais áxil que dea resposta ás necesidades reais. Tamén se impulsará a cualificación individual das vivendas protexidas, medida pola cal toda persoa que reúna as condicións para adquirir un piso de protección autonómica poderá adquirir calquera vivenda con tal de que non supere os límites de superficie máximo e os custes establecidos pola normativa.

Sinalou que a actual Xunta impulsará a construción de vivendas dirixidas ás familias con rendas mais baixas e aos mozos, priorizando o réxime de aluguer con opción de compra. Ademais, anunciou unha axuda directa de 100 euros para persoas ou colectivos con especiais dificultades, como os mozos, complementaria á renda básica de emancipación. Tamén se fixarán límites máximos de aluguer para evitar a suba dos prezos dos alugueiros.

Outra das novidades adiantadas na comparecencia de hoxe foi a posta en marcha de axudas para a adquisición de vivenda libre nos concellos onde non hai vivenda protexida, así como a creación da figura da Vivenda Libre de Prezo Concertado, pensada para facilitar a saída ao mercado do stock de vivendas existente en Galicia a través de diferentes fórmulas de acceso, e cun compromiso de prezos máximos.

En canto á activación do sector da construción, comprometeuse a axilizar todo o referente á tramitación administrativa en materia urbanística –incidiu en que só un 10% dos concellos galegos teñen adaptado o seu plan urbanístico á lexislación actual- e a reformar as vixentes Normas do Hábitat, mantendo os seus aspectos positivos e eliminando os criterios excesivamente restritivos e intervencionistas que, sen implicar unha mellora da calidade, contribúen ao encarecemento da vivenda.

Tal e como salientou en diferentes ocasións, e seguindo o compromiso electoral do partido actualmente no goberno, reformarase o Plan Sectorial de Solo Residencial buscando o consenso cos concellos e a súa coordinación dos Plans Xerais de Ordenación Municipal.



Infraestruturas
Agustín Hernández amosouse convencido de que a actual coxuntura económica esixe que as administracións públicas fagan un especial esforzo investidor para activar a economía, axudar ás empresas e manter e crear postos de traballo. O obxectivo da Xunta será incrementar o orzamento en infraestruturas de transporte.

Para xestionar os investimentos en obra pública crearase a Axencia Galega de Estradas, suprimindo con esta medida tres organismos (nela integraranse a Dirección Xeral de Infraestruturas e as sociedades SPI e ACEOUSA). A Axencia configurarase como un Organismo Público da Administración Autonómica, que aglutinará os servizos actualmente existentes nos entes que se eliminan. Deste xeito conseguiríase racionalizar, especializar e optimizar os recursos xerando un aforro de gasto corrente.

Insistiu ademais no compromiso de presentar nos cen primeiros días de goberno o Plan de Infraestruturas 2009-2015, e aproveitou a súa comparecencia para adiantar algunha das medidas que se incluirán en dito documento. Así, salientou que no horizonte desta lexislatura se porán en servizo 267 novos quilómetros na rede de autovías, vías de alta capacidade e itinerarios estruturantes de conexión, que se concretan en:

- Terceira Rolda A Coruña (4 km)
- Variante de Noia (Nova ponte) (3,5 km)
- Variante de Outes (6,5 km)
- Autoestrada AG-53 Ramal de Carballiño (5,5 km)
- VAC Tui - A Guarda (24,5 km)
- Variante da Guarda (3 km)
- VAC Sarria – Monforte (28 km
- Autovía Carballo – Fisterra (57,5 km)
- Acceso ao Porto de Brens (3,5 km)
- Variante Leste de Carballo (8,5 km)
- Vía Ártabra: Lorbé / N-VI e variante de Oleiros (12 km)
- Ourense - Celanova (19 km)
- Variante de Marín. Treito I (4,5 km)
- A-52 - PLISAN - Salvaterra (4,5 km)
- VAC do Norte: Variante de Ortigueira e Celeiro-San Cibrao (23 km.)
- Autovía Curro - Baión (Vilagarcía) (9 km)
- Autovía Santiago - A Estrada. Treito A Ramallosa - A Estrada (12,5 km)
- Autovía Santiago - Noia. Treito Brión – Noia (17,5 km)
- Autovía Ferrol - Vilalba. Treito Cabreiros – Vilalba (13,5 km)
- Autovía AG- 41 Treito Sanxenxo - O Grove (7 km)

Xunto a estes tramos en servizo haberá outros 85 kms iniciados ou en execución das seguintes actuacións:

- Vía Ártabra: o tramo entre N-VI e A-6 (10 km.)
- Autovía do Morrazo (18 km.)
- VAC do Norte: Resto dos tramos S. Sadurniño-Ortigueira e Ortigueira-Celeiro (57 km.)
Outro dos obxectivos da lexislatura será xestionar a transferencia da titularidade da autoestrada do Atlántico e do tramo Santiago-Dozón da autoestrada Santiago–Ourense, conforme ao recente acordo adoptado por unanimidade no Parlamento galego. No caso da AP-9, a intención e realizar unha reformulación total da autoestrada, logo de lograr a transferencia dos recursos financeiros para abordar un novo deseño, que contemple novos enlaces e aumento de capacidade.

Ao longo deste ano presentarase tamén unha proposta para reducir as peaxes nas autoestradas galegas atendendo a criterios de coherencia, globalidade, progresión e universalidade.

Seguridade vial
Outro dos obxectivos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas nesta lexislatura consistirá en intentar reducir nun 50% o número de vítimas de accidentes de circulación nas vías de titularidade autonómica. Con ese fin, todos os proxectos que se tramiten deberán incluír un anexo de seguridade viaria. Esta materia de seguridade viaria terá un tratamento especial tamén na Consellería, onde xa se procedeu a crear por primeira vez unha estrutura administrativa específica destinada a xestionar esta importante área.

Transporte
En materia de transporte, marcou a folla de ruta da consellería en tres piares básicos: creación da Unidade de Seguridade no Transporte, que aglutinará a coordinación e impulso das medidas relativas á seguridade viaria; a creación dun Ente Ferroviario Galego que xestione as proximidades e que dirixa a construción e explotación dos metros lixeiros das áreas metropolitanas de Coruña e Vigo; e a creación do Consorcio de Transporte Metropolitano de Galicia, a través do que a Xunta de Galicia vai fomentar a coordinación administrativa, a integración tarifaria e a integración modal.

Neste novo órgano está previsto integrar o novo Ente Ferroviario Galego e nel convidarase a que se incorporen concellos, deputacións e Ministerio de Fomento. O Consorcio planificará, coordinará e organizará o transporte nas áreas metropolitanas de Galicia.

O Ente Ferroviario Galego asumirá ademais o estudio, coordinación e posta en marcha no horizonte desta lexislatura dos sistemas de metro lixeiro nas áreas metropolitanas de Vigo e A Coruña, tendo en conta que os entes locais non teñen capacidade económica suficiente para poder asumir o custo que supón a construción dun metro lixeiro e a implicación dun número elevado de concellos. Estes grandes proxectos deben ser dirixidos, a xuízo do conselleiro, desde un organismo dependente da Xunta de Galicia, xa que os requisitos do material fixo e móbil a establecer nesas áreas metropolitanas deberán ser únicos, co que poden conseguirse aforros na adquisición de vehículos, sinalización e demais materiais. Por outra banda o Ente Ferroviario Galego poderá estudar a viabilidade de implantar o metro lixeiro noutras áreas urbanas de Galicia.