20 junio 2009

F-009 entusiasmado con las banderas azules

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, resaltou hoxe, durante o acto de entrega de bandeiras azuis que tivo lugar na Praia Grande de Miño, que o feito de que Galicia manteña un ano máis este liderado en todo o territorio nacional supón para a comunidade “un triplo logro: medioambiental, económico e social”.

Neste sentido, Núñez Feijóo quixo destacar o esforzo compartido verán a verán. Empeño que permite “abrir as praias galegas ao mundo con mellores servizos, con máis seguridade e vixianza e cunha calidade e beleza intacta”. Feitos todos eles que facultan as praias da nosa comunidade para configurar “unha das costas máis atractivas de España e de Europa”.

Así pois, o mandatario autonómico non dubidou en lembrar que os 124 areais e portos galegos con bandeira azul – 19 máis que o ano pasado – son “o símbolo de que fixemos ben as cousas e a demostración de que somos capaces de manter as nosas praias excelentes nun estado de excepción”. E todo grazas a unha actuación política que “permite recoller os froitos dun bo hábito” ao tempo que sirve para aproveitar unha das principais fontes autóctonas de riqueza” de cara á proxección de Galicia no mundo.

Por último, e ao tempo que felicitaba especialmente ás praias de Bastiagueiro e Grande de Miño por manter o galardón desde 1987 ata o 2009 de xeito ininterrompido, Núñez Feijóo, quixo dar a noraboa a todos aqueles premiados este ano: “Mantendo o liderado conseguides que Galicia dea un paso máis na súa conversión á modernidade e se amose capaz de compaxinar dinamismo, prosperidade, calidade e excelencia”. E engadiu: “Por iso, non parece esaxerado asegurar que o que conseguimos hoxe é un ingrediente de importancia infinita non soamente para xeralizar a responsabilidade ambiental da sociedade, senón tamén para preservar o turismo ante a actual debilidade da demanda”. Ademais, quixo agradecer o traballo dos concellos galardoados, así como da anterior Xunta.