Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-A conselleira do Mar, Rosa Quintana, ofreceu a súa vontade de diálogo e consenso co sector e asegurou que o seu departamento traballará para recuperar o carácter prioritario do mar en Galicia “o lugar que nunca debeu perder”. “Queremos que as nosas xentes recuperen a ilusión do mar, que Galicia se volva a asomar aos balcóns das súas costas para disfrutar do mar e que os profesionais volva a sentir o orgullo de ser quen son e de desenvolver a súa tarefa nun medio con futuro”, matizou.
Rosa Quintana presentou hoxe as liñas xerais da actuación política do seu departamento para os próximos catro anos na comisión oitava, de pesca e marisqueo. Para a conselleira, “o sector debe decidir permanentemente que é o que queren para si mesmos, como acontecerá coa Lei de Pesca” e matizou que o seu departamento estará expectante ante súas demandas e prestará todo o apoio que precisen nese camiño. Quintana confirmou que enviará á Cámara “antes de outubro” o borrador da nova Lei de Pesca  e dixo que espera contar co apoio de todos os grupos parlamentarios para a defensa do sector  ante Bruselas e así “devolver a forza e a voz de Galicia en Europa e no mundo”.  
A prioridade do goberno de Rosa Quintana serán as persoas. Por iso, asegurou, a súa consellería se esforzará en mellorar a capacitación profesional dos mariñeiros “facilitando o acceso a unha formación próxima, de calidade, práctica e aplicable”. Anunciou que o seu equipo buscará “con especial afán” a harmonización e recoñecemento dos procesos formativos a nivel europeo, posibilitando a homologación dos títulos. 
A industria transformadora galega será outro dos obxectivos da Consellería do Mar. “De grandes mariñeiros  debemos pasar a ser tamén grandes comerciantes para acadar un sector mariño punteiro e viable”. A conselleira proclamouse defensora de lanzar e consolidar Galicia como “marca de calidade”dos productos mariños. 
Outro aspecto fundamental para o departamento que dirixe Rosa Quintana é a seguridade no mar. “Apostamos por coordinar e avanzar na dispoñibilidade operativa dos medios técnicos e humanos”. A conselleira lembrou que dende a toma de posesión, o seu departamento está a traballar no reforzo do servicio e dos profesionais que desenvolven esta actividade.
Rosa Quintana desvelou que o bipartito tiña programado despezar 90 buques, fronte aos 37 buques que a Xunta presentará ao Programa de Adaptación da Flota (PAF), dotado con 38 millóns de euros en subvencións, aos que se suman uns 11 millóns mais para medidas socioeconómicas.  “Non queremos despeces, senón flota eficiente e eficaz” respondeu á oposición. 
A titular de Mar destacou que pedirá ó Estado a transferencia das competencias dos portos de interese xeral e as dos entes de investigación, entre eles, o do Instituto Español de Oceanografía, que “pode unirse o INTECMAR” co gallo de mellorar a investigación, un dos eixes do seu departamento. 
Na súa intervención, Rosa Quintana defendeu un modelo ambiental e economicamente sostible e destacou a vontade do seu equipo de explotar “en conxunto cos profesionais” as potencialidades de Galicia “para que sexamos fortes en Europa e en todo o mundo”. 
A mandataria autonómica comprometeuse a solicitar ó Estado  mais controis da calidade e dos parámetros hixiénico-sanitarios e mais estrictos, dos productos importados “como fórmula de seguridade ante a competencia desleal” e fará especial fincapé na conservación dos recursos e na valorización dos productos extraídos “no noso litoral”.    
En materia de acuicultura, Rosa Quintana manifestou á necesidade de seguir contando co liderado da producción en moitas especies pero “non a calquera prézao”, e marcou o compromiso co medio como obxectivo “irrenunciable”.
“O furtivismo ten en mi un inimigo” aseverou, con respecto ao plan de loita contra o furtivismo e lembrou que xa se intensificaron os controis contra os furtivos na Costa da Morte e pouco a pouco implantarse en toda a costa. Outras das materias que a conselleira puxo enriba da mesa foi a necesidade de explotar os recursos mariños con fines turísticos e  anunciou que nos próximos meses elaboraranse os plans estratéxicos do mexillón e a conserva.  Nese senso afirmou que o decreto polo que se convocan as eleccións ao Consello Regulador da Denominación de Orixe Mexillón de Galicia “estará listo para publicarse no Diario Oficial de Galicia a próxima semana”. 
Rosa Quintana aplaudiu a integración de portos de Galicia na súa consellería para coordinar as actividades comerciais, pesqueiras e deportivas e lembrou que despois do verán, se revisarán as taxas portuarias en canto á súa complexidade e intensidade financeira.
 
 
