Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mantivo o seu primeiro encontro institucional coa presidenta do Tribunal Constitucional (TC), María Emilia Casas, nunha xuntanza na que fixeron un repaso dos asuntos que Galicia ten abertos ante este órgano xudicial.
Durante o encontro, o xefe do Goberno galego recapitulou coa presidenta do Constitucional os principais asuntos vixentes de conflitividade ante este Tribunal entre o Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia. En concreto, a Xunta agarda pola resolución da súa reclamación sobre a xestión desde Galicia dos fondos ou axudas estatais para a formación continua dos traballadores e outras subvencións. Así mesmo, Galicia mantén aberto un conflito co Estado en materia enerxética, en relación cun artigo da Lei do sector eléctrico que establece como competencia estatal as instalacións eléctricas con efectos supraautonómicas, así como en defensa da competencia autonómica sobre os parques eólicos no mar.
No Constitucional está tamén pendente de resolución do recurso de inconstitucionalidade que o Estado presentou contra determinados artigos da Lei de dereito civil de Galicia, concretamente os referidos á adopción e a autotutela. Ademais está pendente o recurso do Estado contra unha disposición adicional da Lei de Vivenda de Galicia, en relación coa redución da servidume de protección da Lei de costas