
Moaña (MORRAZO-TRIBUNA).- A Consellería de Economía e Industria, na súa aposta pola promoción e difusión de comportamentos sostibles e compatibles co medio ambiente e á saúde, achegará 30.000 euros para o financiamento de Alternalia, a Mostra de Bioconstrución, Enerxías Renovables e Ecoloxía que organiza a Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (FECIMO) en colaboración co Concello de Moaña e o Instituto de Ensinanza Secundaria A Paralaia. O acordo foi asinado esta mañá polo director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, Ricardo Capilla Pueyo, e o presidente de FECIMO, Xosé Bangueses García.
A feira Alternalia, nome que desde o ano pasado tomaron as Xornadas Técnicas sobre Bioconstrución e Enerxías Alternativas que viña celebrando o Concello de Moaña no IES A Paralaia, terá lugar os días 26, 27 e 28 de xuño no Paseo Marítimo desta localidade pontevedresa. Participarán máis de 30 expositores de toda Galicia e estará complementada por xornadas e conferencias sobre o medio ambiente e a utilización de enerxías alternativas que se celebrarán no Centro Sociocultural de Caixanova. Como eixos temáticos fundamentais, Alternalia aborda a bioconstrución, a xestión de residuos, a redución de emisións contaminantes, e a eficiencia no consumo enerxético.
A colaboración da Consellería de Economía e Industria contribuirá ao desenvolvemento da feira financiando, entre outros gastos de organización, os custos de aluguer da carpa e dos stands para a exposición e as instalacións para a celebración das conferencias. Esta participación responde ao interese de Economía e Industria por apoiar accións de promoción e difusión de comportamentos sostibles e compatibles co respecto ao medio ambiente e a saúde, especificamente no que se refire á construción.
Así o establece o programa de Tecnoloxía dos Materiais e Construción do Plan Galego de I+D+i 2006 – 2010 (INCITE), no que se consideran prioritarias as iniciativas a prol da minimización do consumo enerxético das construcións e do uso de novos materiais e da optimización da súa calidade. Do mesmo xeito, as medidas de política enerxética da Consellería de Economía e Industria promoven a bioconstrución para acadar un modelo de vivenda saudable, utilizando materiais non contaminantes nin tóxicos, reutilizables e reciclables, aforrando enerxía e aproveitando as enerxías renovables.