Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-“O noso obxectivo de lexislatura para a sanidade galega é mellorar o sistema e conseguir unha atención de calidade”. Así o sinalou esta mañá o titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen se comprometeu, ademais, a traballar na elaboración dunha Lei de garantías de prestación e tempos máximos para consultas e probas de diagnose e para intervención cirúrxicas, consciente –dixo-, de que un dos problemas que máis preocupan aos cidadáns e que incide directamente na percepción da calidade do servizo que reciben son os tempos de espera.
Durante a súa intervención na inauguración do congreso de ASISA, na que tamén participou a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, Alberto Núñez Feijóo incidiu en que o obxectivo do Executivo que preside é facer unha auténtica xestión das listas de espera, que teña en conta “información cualitativa de patoloxías e criterios de priorización”, engadiu.
Traballar con rigor
O presidente galego lembrou, ademais, que o seu compromiso é traballar “con rigor, honestidade e profesionalidade política, tendo moi presente o contexto económico”. “O rigor e a profesionalidade serán as dúas constantes en todas as nosas accións de Goberno”, aseverou, explicando que, no eido sanitario, haberá profesionalidade “no respecto aos criterios técnicos e as solucións nas decisións organizativas e na ordenación asistencial”; e rigor “na xestión económica, nos servizos e na definición das estruturas organizativas”.
“Preocúpanos a sustentabilidade do sistema, por iso queremos que estes principios impregnen as actuacións e decisións de toda a organización, como principios propios dunha lexislatura que asume como prioridade política mellora da asistencia sanitaria nun contexto de serias dificultades económicas”, explicou.
Na mesma liña subliñou que a Xunta debe ser a garantía desta calidade asistencial e da seguridade de todos os pacientes atendidos nos centros galegos. Por iso, avanzou, os eixos “da nosa actuación serán centrar a atención no paciente, conseguir aumentar o nivel de motivación dos nosos profesionais na consecución dos obxectivos, dinamizar o funcionamento do sistema e eliminar actividades que carezan de valor”, concretou.
Garantía de sustentabilidade e viabilidade do sistema
Alberto Núñez Feijóo tamén explicou que a pesar das dificultades económicas actuais e da política de rigor “que queremos que nos caracterice” cumprirá o seu compromiso. Un compromiso, argumentou, “que leva implícita a garantía de sustentabilidade e viabilidade do sistema” e que se sintetiza “en proporcionar a todo cidadán unha atención de calidade aos seus problemas de saúde”.
Na mesma liña, asumiu o reto de integrar os datos que xera o sistema sanitario e convertelos “en información útil, nun instrumento de xestión que sirva para coñecer mellor os noso problemas e necesidades, e como ferramenta de avaliación da nosa actuación”, afirmou.
Engadiu, ademais, que o plan da Xunta de investimentos sanitarios é tamén “ambicioso”, posto que recolle retos “tan importantes”, dixo, como poñer en funcionamento o hospital de Lugo, a construción dun hospital en Vigo, en Pontevedra e grandes obras na cidade da Coruña, no hospital de Ferrol, no de Ourense ou no de Vilagarcía. Tamén se construirán novos centros de saúde e se acometerá a modernización “daqueles que o precisen”. “Creo que somos ambiciosos, pero tamén estou seguro da nosa capacidade, do noso empeño e das nosas prioridades políticas”, asegurou Feijóo.
Manifestou, ademais, a súa vontade de incluír a todos os protagonistas do sistema no desenvolvemento deste proxecto: os sanitarios, as organizacións sindicais e profesionais, as institucións públicas e privadas, os grupos políticos e tamén aos cidadáns, usuarios e pacientes.
O presidente galego non quixo rematar a súa intervención sen remarcar o compromiso de ASISA-Lavinia de ofrecer unha asistencia sanitaria de calidade. “Queredes diferenciarvos pola calidade, a innovación, atención e coidado e conseguilo grazas á vocación dos vosos profesionais e constante modernización das instalacións”, indicou.“Non teño ningunha dúbida de que todos formamos parte dun gran sistema, con grandes responsabilidades e que somos complementarios”, concluíu ao respecto.