VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O director xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Roberto Castro, afirmou hoxe no Parlamento que a falta de vixilancia e protección na costa norte galega é froito da “deixadez” e da “pasividade” do Goberno de España coa Comunidade Galega. Segundo Castro, esta “falta total de compromiso” do Goberno central favorece “a posibilidade de que a delincuencia organizada o teña máis doado”.
O director fixo estas declaracións en resposta a unha pregunta parlamentaria sobre o coñecemento e as xestións previstas polo Goberno galego respecto da situación do servizo de vixilancia e control na franxa norte da costa galega, así como dos motivos da demora da dotación de efectivos e posta en funcionamento da sede da Garda Civil do Mar en Viveiro (Lugo).
Neste sentido, Roberto Castro lembrou que políticos, sindicatos e cidadáns reclamaron a posta en marcha do servizo da Garda Civil do Mar en Viveiro. Tamén se referiu ao comunicado da propia Garda Civil, denunciando que as instalación do Porto de Viveiro, rematadas hai catro anos, están sen funcionar, así como a “inseguridade da franxa costeira do norte”.
O encargado das relacións institucionais na Xunta asegurou que o Goberno de Alberto Núñez Feijóo está dando pasos encamiñados a coñecer a causa deste “despropósito” do Goberno central e instarao a “corrixilo”. Castro asegurou que o Goberno bipartito tamén coñecía esta situación pero estaba “na procesión dos caladiños” quizais “por non desairar” á ministra de Fomento, Magdalena Álvarez, ou por “non entablar controversias co socio socialista de Madrid”.
Aforro no persoal eventual das delegacións
Doutra banda, a secretaria xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Beatriz Cuiña Barja, en resposta a outra pregunta parlamentaria, anunciou que o persoal eventual das delegacións territoriais da Xunta de Galicia suporá ás arcas públicas un aforro “importante”, en torno ao 25%. Así, explicou que os delegados territoriais contarán cun xefe de prensa e un asesor “como máximo” e que o custe previsto para este persoal no ano 2009 é de 37.917 euros por delegación.
Ao referirse ao parque móbil destes entes, Cuiña Barja tamén comentou que nestas delegacións os únicos que terán dereito a ter un coche oficial, “na súa condición de alto cargo”, serán os cinco delegados territoriais. O resto do parque móbil periférico, dixo, “redimensionarase en función das novas estruturas” tendo en conta que os funcionarios destas delegacións do Goberno galego terán á súa disposición os vehículos “se o precisan para o desenvolvemento das súas funcións”.
Por último, a secretaria xeral da Consellería de Presidencia lembrou aos presentes que a redución en materia de persoal eventual no Goberno da Xunta foi, como xa anunciou o presidente Feijóo, do 30% respecto ao crédito inicial. “Aínda incrementando este persoal eventual o das delegacións territoriais o aforro segue sendo notable”, rematou.