VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-A Conselleira do Mar, Rosa Quintana mantivo un encontro hoxe os representantes dos sindicato do mar para escoitar as súas principais preocupacións. Rosa Quintana mostroulles a súa vontade de diálogo e ofreceulles a súa disposición para “traballar xuntos, como un só” para mellorar o futuro do sector e recoñeceu que “haberá discrepancias no camiño” pero “todos temos a mesma meta”.
Nesta primeira toma de contacto, os líderes sindicais salientaron a necesidade da reforma da política pesqueira común, xa que afecta a toda a flota galega especialmente á baixura. O departamento que dirixe Rosa Quintana contempla a posibilidade de organizar unhas xornadas na que participarían os tres sindicatos para “poder chegar a Europa cunha postura conxunta e única da política pesqueira común”.
Para os sindicatos o furtivismo segue a ser o maior problema no mar. Rafael Mesura, de UXT, pediu mais control da pesca deportiva e submarina para erradica-lo problema e Ramiro Otero de CC.OO, dixo que “os mariscadores teñen que perder o medo e denunciar para atacar dende Administración”.
O secretario nacional do sector marítimo de UGT, Rafael Mesura recalcou a necesidade dun convenio colectivo, “unha reivindicación de hai moito tempo e non hai ningún convenio en vigor” e reclamou unha revisión do plan de formación dos profesionais, en concreto a titulación de mariñeiro-pescador.
A conselleira anuncioulles que neste mes remitiranse as modificacións da Lei de Pesca ó Consello Galego de Pesca, órgano que retomará o funcionamento. Tamén se reactivará un comité científico que permita unha mellora xestión e conservación de recursos mariños.
Tanto Ramiro Otero (CC.OO.) como Rafael Mesura (UXT) mostraron o seu apoio á conselleira e tendéronlle as mans para traballar conxuntamente.
Á reunión estaba convocado o representante de CIG-Mar Xabier Aboy, pero non puido acudir. Rosa Quintana fíxolle chegar o contido da reunión e espera poder reunirse con el noutro momento.
Respecto a preocupación sobre o Servizo de Gardacostas, Rosa Quintana matizou que é máis eficiente que as tripulación estean permanentemente na base ás 24 horas os 365 días do ano que a compra dunha terceira aeronave.
Así, este servizo permitirá dar mellor resposta na Costa da Morte que o novo helicóptero xa que asegurarase un tempo de resposta nesa zona duns 30 minutos, o mesmo tempo que tardaría un helicóptero con base en Cee cunha tripulación con 20 horas de garda localizable.
Rosa Quintana recordou que con esta medida, que se aplicará a partires de xullo en Vigo, para logo estenderse a Celeiro, “buscamos mellorar a eficacia e a eficiencia á hora de salvar vidas e para iso hai que actuar mais rápido en caso de alarma”.
A conselleira recordou que o helicóptero non entraría en funcionamento ata o 2011 e sinalou que o seu departamento “sempre apoiará todas as medidas para garantir a seguridade no mar, de modo que se, co paso do tempo Salvamento Marítimo do Estado, entende que temos que facer un esforzo a maiores para colocar unha nova aeronave, se estudará, pero o primeiro é optimizar os servizos dos que dispoñemos hoxe en día”.
Ramiro Otero (CC.OO.) recoñeceu a necesidade de ter atención 24 horas ó dia e capacidade de resposta inmediata, po-lo que estudarán e analizarán a nova medida da Xunta.