Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, asegurou hoxe que desenvolverá “unha política lingüística dirixida á ampla maioría de galegos e galegas” que queren vivir nunha sociedade bilingüe que promocione activamente a lingua galega. Anxo Lorenzo fixo estas declaracións nun acto público no que el e mais o presidente da Asociación de Empresarios e Profesionais Compostela Monumental, José Manuel Bello Rey, asinaron un convenio de colaboración entre ambas as entidades para promocionar o uso da lingua galega.
Durante o acto, Anxo Lorenzo tamén fixo fincapé en que “en Galicia non hai nin haberá guerra lingüística, por moito que insistan os radicalismos e extremismos dun e doutro signo”, manifestou.
Compostela Monumental e o galego
Política Lingüística ofrece todo o seu apoio e asesoramento técnico para facilitar o uso do galego tanto na actividade de Compostela Monumental como na dos seus asociados. Esta entidade, promotora do Centro Comercial Aberto na zona vella de Santiago –e que xurdiu da cooperación entre os pequenos comerciantes para fomentar o comercio tradicional e facer fronte á competencia das novas estruturas comerciais–, apostou desde sempre por favorecer o uso do galego nas actividades diarias da entidade e mais nas dos seus asociados.
 
 
