VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad, confirmou hoxe que todos aqueles centros onde se imparte actualmente a diplomatura de Ciencias Empresariais –A Coruña, Lugo, Vigo e Ourense- adaptarán eses estudos a grados. O conselleiro da resposta así ó debate mantido no pleno universitario do pasado venres no que se decidiu que fose Vázquez Abad quen tomase a decisión final. Así o titular de Educación cumpre co compromiso adquirido de ordear a transformación das actuais diplomaturas en Empresariais dentro do actual procedemento legal de autorización de títulos oficiais para o curso 2009-2010.
O escrito para as Universidades
A Consellería de Educación fixo chegar o reitor das Universidades de Vigo, A Coruña e Santiago un escrito no que a Administración da o visto bo para que “en todos aqueles centros universitarios onde está implantada a diplomatura de Ciencias Empresarias adapten estes estudos a categoría de graos”, que son A Coruña, Vigo, Ourense e Lugo.
De acordo coa decisión tomada dende a consellería de Educación, a Universidade de Vigo manterá o próximo curso a Diplomatura de Ciencias Empresariais na Escola de Estudos Empresariais do campus de Vigo, coa mesma oferta de prazas en primeiro curso que xa fixera para o presente ano universitario 2008-2009.
Do mesmo modo a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria seguirá traballando na transformación das actuais Diplomaturas en Empresariais que se ofertan nas universidades do SUG, segundo as competencias atribuídas pola lei 11/1989 do 20 de xullo. O obxectivo é conseguir unha oferta de titulacións acorde e apropiada ao sistema e á sociedade en xeral, segundo a súa demanda e empregabilidade.
Neste sentido a consellería de Educación insta ás universidades a traballar na transformación dos actuais estudos en Ciencias Empresarias que se imparten nos campus de Vigo, Ourense e Lugo, en Graos especializados vinculados coas ensinanzas empresariais, co obxectivo de mellorar a actual oferta formativa do estudantado galego nestes ámbitos.
Xesús Vázquez salientou que “con esta decisión benefícianse as catro provincias, é e algo bo para a sociedade. A actuación da Consellería –precisou- favorece a Coruña, Lugo, Ourense e Vigo, nun asunto que xa se dera por finiquitado e abandonado polo goberno anterior”. O conselleiro cifrou en entre 1.300 e 1.500 o número de alumnos que cada ano se beneficiarán da nova oferta polo que “os nosos estudantes non terán que saír da Comunidade para facer estudos relacionados co ámbito empresarial, algo que pensamos que se fixo mal na anterior lexislatura cando trataron de unificar a diplomatura de base a un único grao de Administración e Dirección de Empresas (ADE)”.
O mesmo tempo, o conselleiro de Educación sinalou que ante o risco dunha posible duplicidade de contidos tentarase que no grao de Ciencias Empresariais “se abran novos campos en base á especialización e diversificación, para que os estudantes teñan un amplo abano de posibilidades en Galicia”.