02 junio 2009

Rexístranse durante a fin de semana actos vandálicos no concello de Mos

MOS (MORRAZO-tribuna) .- Rexístranse durante a fin de semana diversos actos vandálicos no concello de Mos. O parque da Porteliña e o Multiusos das Pozas foron as zonas afectadas
Durante esta fin de semana rexistráronse no Concello de Mos diversos actos vandálicos que coincidiron cunha tirada de ‘panfletos’ nos que se critica de xeito atacante ós membros do equipo de goberno local que recentemente solicitaron a baixa cautelar do Partido Popular.

Os destrozos que se produciron durante estes días consistiron na rotura da porta de cristal da entrada principal do Centro Multiusos das Pozas e desperfectos nas zonas axardinadas do exterior, ademais de graves accións de vandalismo no parque da Porteliña, onde romperon e arrincaron os árbores, as prantas e as flores da zona verde.

Precisamente valorando os danos causados neste parque da Porteliña e no Centro Multiusos, estiveron esta mañá os edís de Parques e Xardíns e de Limpeza, Luis Alonso Seijo e Alberto Méndez Lago respectivamente. Os concelleiros mosenses informaron durante a súa visita de que “últimamente son constantes os destrozos realizados por vándalos en entornos de recente creación ou remozamento por parte do Concello de Mos”. Din que os actos máis frecuentemente cometidos son roturas e pintadas en instalacións municipais. Tanto Alonso Seijo como Méndez Lago manifestáronse seriamente preocupados ante os feitos acontecidos esta fin de semana.