20 junio 2009

Recreación virtual de la
muralla de la ciudad de Vigo

Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-.- O concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, anunciou este venres que por primeira vez a cidadanía viguesa terá a oportunidade de coñecer as características da muralla da cidade mediante a elaboración dun documental e a súa recreación virtual. O edil do BNG, na visita que hoxe realizou aos restos da muralla que se atopan no Paseo de Alfonso sinalou que neste momento se están analizando os seus parámetros para coñecer a súas dimensións.

Ao pé do baluarte da muralla, que segundo Eudosio Álvarez “está bastante ben conservado”, o concelleiro de Patrimonio Histórico explicou que unha vez que se teñan os datos sobre a altura da muralla “imos documentala gráfica e tecnicamente”. Asemade, indicou que posteriormente se procederá a súa preservación para tapala. Neste sentido aclarou que “non se pode deixar a zona aberta debido á intensidade de tráfico existente e polos problemas de seguridade que plantea manter o espazo aberto”.

“O problema de ter que tapar estes restos da muralla non é só un problema de Vigo, senón de todas as cidades do mundo”, sinalou o edil nacionalista. Segundo precisou, “xusto por riba da muralla construiuse o vial de Elduayen e hoxe en día non temos alternativa para a circulación”. Segundo explicou, Inmediatamente despois de ter documentados os restos, “para o cal temos contratado un equipo de televisión, pecharemos e continuaremos coas obras”. Tras este proceso, remataranse as actuacións para que o Paseo de Alfonso sexa un gran espazo de prioridade peonil no que se dará continuidade á rúa Príncipe “para o goce da cidadanía”. A actuación tamén incluirá a sinalización dos espazos polos que transcurre a muralla para coñecer a súa ubicación exacta.

O concelleiro de Patrimonio Histórico, asemade, indicou que no proceso de análise da muralla os servizos técnicos da Xunta colaboran cos servizos técnicos municipais, basicamente nas tarefas de control, vixilancia e dirección. “A cidadanía viguesa vai ter por primeira vez información sobre a muralla da cidade”, subliñou Eudosio Álvarez.