24 junio 2009

Salgado admite que el modelo actual de financiación para Galicia es deficitario

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A Ministra de Economía e Vicepresidenta Segunda do Goberno, Elena Salgado, recoñeceu ao senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza que o actual modelo de financiamento autonómico “non dá resposta ás necesidades de Galiza” pero non se comprometeu a asumir o acordo que nesta materia adoptou o Parlamento galego por unanimidade.

O senador do BNG dirixíase á Ministra no Pleno da Cámara Alta para preguntarlle se as variábeis de envellecemento, dispersión poboacional, a orografía e incluso o feito de contar con lingua propia e unha elevada porcentaxe de poboación emigrante, van ter un peso maior no novo modelo.

A Ministra relegou todo acordo á negociación entre o Estado e as CC.AA no Consello de Política Fiscal. Mais avanzou ao BNG a posición do Goberno. Dixo que o propósito é o de reforzar as prestacións do Estado de Benestar, para o que se habilitarán recursos adicionais, mais insistiu na variábel de poboación e o aumento da mesma, ou “criterios derivados da poboación dependente ou lingüísticos”. Acto seguido reprochou o actual modelo decidido polo PP, que admitiu a Pérez Bouza “non dá resposta ás necesidades de Galiza”. Rematou sinalando que o actual modelo ten moitas carencias que “pretendemos subsanar”.

O senador do BNG referiuse ao actual debate sobre cais deben ser as variábeis a ponderar e que peso deben ter cada unha delas no resultado do novo modelo de financiamento autonómico. “E parece evidente que a poboación total de cada Comunidade Autónoma debe ser a variábel principal a ter en conta”.

A variábel de poboación debe ter en conta outras variábeis

Mais, sinalou, “e tratando de ser xustos, hai que dicer que a variábel de poboación total non se pode ter en conta como se fose algo aséptico, senón que se lle deben aplicar índices correctores que midan outros factores como o envellecemento poboacional ou a maneira de asentamento da poboación no territorio”, en clara referencia á dispersión xeográfica de Galiza.

Os servizos públicos son máis custosos na Galiza

O senador do BNG aludiu á condición de galega da Ministra Elena Salgado para lembrarlle que “non costa o mesmo prestar un servizo público, caso do transporte escolar ou o saneamento de augas residuais, na Galiza que ten unha poboación dispersa, que noutras partes do Estado con poboacións concentrada sen grandes núcleos poboacionais”.

De igual xeito, que non é igual, puntualizou, “manter un servizo de saúde de calidade cunha poboación envellecida con múltiples patoloxías crónicas, como sucede no territorio galego, que ofrecer o mesmo servizo en territorios que contan cunha poboación moza, que sabe demanda menos os servizos sanitarios”.

Respaldo unánime do Parlamento Galego

Para Xosé Manuel Bouza se trata de “factores absolutamente obxectivos e que non precisan de moitas discusións”. Esa é a razón, afirmou, pola que o Parlamento de Galiza acordou, co apoio de todos os grupos parlamentares, un documento no que se defende que os criterios de envellecemento, dispersión poboacional, a orografía e incluso o feito de contar con lingua propia e unha elevada porcentaxe de poboación emigrante, deben ser empregados como índices correctores do criterio de poboación total”.

“Sen dúbida, subliñou, aludimos a uns índices correctores que deben ter un peso maior no sistema de financiamento autonómico se non queremos que aumente a brecha existente entre CC.AA máis desenvolvidas e as demáis”.

Lembrou á Ministra de Economía que “estamos a tan só 25 días de que remate o último prazo anunciado polo Presidente do Goberno para pechar coas CC.AA o novo modelo de financiamento”. Por iso, é preciso que aclare se o Goberno coincide coa necesidade de que as variábeis de envellecemento, dispersión poboacional e a orografía, así como o feito de ter lingua propia e unha alta porcentaxe de emigrantes, teñan máis peso no novo modelo de financiamento autonómico.