19 agosto 2009

Bachillerato de Artes Escénicas en el Conservatorio de Pontevedra

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria continúa impulsando a formación especializada nos distintos conservatorios profesionais de música que se distribúen por toda Galicia, cunha inversión aproximada de 2,5 millóns de euros. Así no vindeiro curso implantarase o Bacharelato de Artes Escénicas, Música e Danza no Conservatorio profesional de Pontevedra, xa existente nos de A Coruña e Vigo.

Os conservatorios profesionais de música de Galicia contan cun total de 3.462 matriculados. Deste total, 618 estudantes están en A Coruña, 379 en Ferrol, 450 en Santiago de Compostela, 502 en Lugo, 446 en Ourense, 504 en Pontevedra, e 563 en Vigo.

En canto a profesores, o Conservatorio Profesional de A Coruña ten 73 docentes, Ferrol 47, en Santiago de Compostela hai 55, en Lugo 59, Ourense ten 52, Pontevedra 66 e Vigo conta con 69.

Bacharelato de Artes Escénicas, Música e Danza
No pasado curso 2008-2009 implantouse nos centros de A Coruña e Vigo o Bacharelato de Artes Escénicas, Música e Danza. O primeiro, asociado co IES Salvador de Madariaga, contaba con 30 matriculados, e o de Vigo, con 38 alumnos, asociado co IES Alexandre Bóveda contaba con 38. Isto supón un 59,6% dos matriculados nos centros nos que imparten esta modalidade.

Esta vía do ensino implantouse de modo experimental no resto dos centros o curso pasado. Ao rematar realizouse un informe no que os resultados salientan que sería un gran avance para o desenvolvemento formativo do alumnado dos conservatorios a ampliación deste bacharelato ao resto dos conservatorios profesionais.

Neste informe os alumnos de A Coruña e Vigo mostran a súa satisfacción con esta vía do bacharelato. Mediante unha enquisa de dez preguntas, os alumnos de A Coruña puntúan sobre 4, un 3,27, e os de Vigo, un 3,17.

Debido á boa acollida nos conservatorios de A Coruña e Vigo e ao informe favorable, para o vindeiro curso 2009-2010, o goberno da Xunta e a Consellería de Educación decidiu implantar no conservatorio profesional de música Manuel Quiroga de Pontevedra, asociado co IES Frei Martín Sarmiento, o bacharelato de Artes Escénicas, Música e Danza. Esta ampliación fíxose pública no DOG do 16 de xullo deste ano.

Así, os alumnos da comunidade galega terán maiores posibilidades de acceder a este bacharelato dentro dun conservatorio profesional, contando coa vantaxe das validacións das materias de educación secundaria obrigatoria e bacharelato por materias optativas desta vía. Ademais, nesta modalidade, os alumnos matriculados reciben as clases das materias comúns por parte de profesores dos IES, mentres que as aulas das asignaturas específicas de música son impartidas por profesores dos conservatorios profesionais.

Prezos e axudas
Para poder cursar este bacharelato, o custe da matrícula nos conservatorios profesionais para os alumnos é de 150 euros. Mentres, nos grados elementais é de 90 euros, e nos conservatorios superiores serían 5 euros por crédito, matriculándose de media nuns 60 créditos.
Así mesmo, a Consellería de Educación ofrece axudas para subvencionar o funcionamento e o desenvolvemento das actividades docentes dos conservatorios de música non dependentes da propia Consellería, e de titularidade pública. O importe total destas axudas será de 475.000 euros, non podendo superar os 45.000 de axuda por beneficiario.