Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, afirmou esta fin de semana, no Parlamento de Galicia, no primeiro Pleno que un Presidente celebra en época de verán que, a explicación deste modelo de financiamento resúmese en dous ingredientes “nacionalismo insolidario e socialismo dependente”.
‘Un nacionalismo insolidario –dixo- que ten uns votos no Congreso dos deputados para darlle estabilidade parlamentaria ao Goberno en minoría do Partido Socialista; e un socialismo dependente porque para que o señor Zapatero teña presupostos no ano 2010, poda presidir a UE no ano 2010 e poda seguir sendo presidente en 2010 necesita os 25 votos do Partido Socialista de Cataluña e os de ERC”.
Feijóo comprometeuse, hoxe, na Cámara autonómica, a traballar, ‘mentres teña o acordo da maioría dos galegos, para mudar o modelo de financiamento, para cambialo e para facer un acordo novo’. Afirmou que o Goberno galego non vai estar a favor do acordo porque ‘non é un bo negocio para Galicia’, pediu aos grupos da oposición respecto e sentido institucional neste asunto.
Así, avogou por que as forzas políticas galegas non subscriban este acordo, ‘rexeitalo –afirmou-, por suposto non renunciar aos fondos adicionais que supón e traballar de forma inmediata para que na Comisión mixta podamos mellorar un acordo de financiamento. É digo máis, traballar desde o Parlamento, coa unanimidade da Cámara para modificar, modular, para cambiar e para facer un novo acordo de financiamento. Iso é o que piden os galegos’.
As mentiras dos socialistas
Ante as acusación do Grupo Parlamentario socialista, Feijóo optou por lembrar as catro mentiras económicas do seu voceiro:
1-. Plantexou un crecemento económico do ano 2009 de 1,3% e estamos nun decrecemento do 2,5%;
2-. Plantexou que se ía manter o emprego e estamos con 20.000 afiliados menos á Seguridade Social;
3-. Plantexou que íamos recibir non soamente o que o Estado nos dicía que íamos recibir falso, senón incluso un anticipo de 270 millóns de euros positivos e resulta que recibimos cero; e
4-. Plantexou un incremento dos tributos propios e dos tributos cedidos e ten un burato esa partida de 220 millóns de euros.
Burato de 1.200 millóns de euros
Así se ve o efecto da mala presupostación que fixeron os socialistas, ao poñer unhas cifras de crecemento irreais e unhas previsións de ingresos irreais. A Xunta recibiu no 2008 e está a recibir no 2009 as entregas a conta por riba do que lle vai corresponder na liquidación definitiva (no 2008, máis de 600 millóns e no 2009, máis de 1.200 millóns).
O bipartito a súa vez non so incrementou irrealmente as cifras de recadación dos tributos propios, senón que mesmo foi por riba do optimismo do Estado e incluíu nos orzamentos do 2008 e 2009 anticipos a conta dunha suposta mellora da recadación do propio Estado. Como consecuencia temos un burato de 600 millóns de euros falsos no presuposto de ingresos e os 600 millóns falsos no presuposto de gasto, o que totaliza os 1.200 millóns de burato presupostario da Xunta. Isto non é unha mentira é unha verdade que lastima á economía galega’.
Devolución ao Estado de 1.900 millóns de euros
Así mesmo, acusou ao voceiro socialista de non querer dicir aos galegos a verdade de que Galicia ten que devolver 1.900 millóns de euros das liquidacións do exercicio 2008 e 2009. ‘Aínda por riba –subliñou- temos que devolver parte das entregas a conta duns presupostos mal feitos polo Estado; porque é ese mesmo Estado o que ademais de meternos nunha dinámica presupostaria falsa o que nos pide ás comunidades que lle devolvamos o diñeiro que el inaxeitadamente presupostou’.
Por último, Feijóo referiuse ás posturas contraditorias do BNG e do PSdeG neste tema: ‘de 438 millóns pasamos a 650 millóns. Para algúns lles resulta suficiente e por iso me recriminan que non votara que si (PSdeG) e para outros lles parece insuficiente e me recriminan que non votara que non (BNG). O problema é que os mesmos que me piden que vote que si e que vote que non, están gobernando xuntos cidades e dúas deputacións’.