Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O Xacobeo 2010 e Blu:Sens acordaron hoxe en San Lázaro o patrocinio da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo para o C.A.B. Obradoiro por un montante global de 1.250.000 euros repartido en dúas anualidades. A presentación oficial dos dous patrocinadores do equipo da Liga ACB tivo lugar esta mañá.
A Secretaria Xeral para o Turismo, Carmen Pardo López, estivo presente no evento xunto co xerente do Xacobeo, Ignacio Santos, e explicou que “para o goberno galego o feito de patrocinar ao equipo de baloncesto de Santiago é unha magnífica oportunidade para promocionar o Xacobeo 2010”. Segundo declaracións de Carmen Pardo, a marca Xacobeo xa é a marca do Camiño de Santiago e “é traballo de todos poñelo en valor e utilizar o potencial de difusión que ten o deporte para achegar a todos aqueles potenciais visitantes de Galicia a imaxe da nosa terra como destino turístico e como lugar no que o vindeiro ano se celebrarán os eventos culturais, congresuais, científicos, deportivos e artísticos máis importantes do Estado”.
Segundo matizou a secretaria xeral para o Turismo, “o deporte é tamén un xeito de complementar a nosa oferta turística, o feito de ter a posibilidade de asistir a eventos deportivos ou de participar activamente neles tamén contribúe a xerar unha imaxe dunha Galicia dinámica, moderna e adaptada ás necesidades dos novos tempos”.
Á presentación oficial dos sponsors que se celebrou hoxe, asistiron tamén o presidente da ACB, Josep Senespleda; o presidente de Blu:Sens., José Ramón García González; o presidente do Obradoiro CAB, Ángel Docobo Durántez; o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín e mais o concelleiro de Deportes de Santiago, Bernardino Rama. Pola súa parte, o presidente da ACB, Josep Senespleda explicou que o apartado organizativo e a estrutura do equipo é fundamental para o éxito do mesmo, asegurando que “é moi importante que a gran masa social apoie este proxecto”. O presidente do Obradoiro, Docobo Durántez, destacou a súa intención de que o proxecto que hoxe comezan de novo se consolide no tempo e se converta nunha “realidade ilusiónante para Galicia”. Asemade, o presidente de Blu:Sens explicou que o patrocinio do equipo de Santiago de Compostela é un xeito para eles de chegar á xente moza e de participar nun proxecto atractivo e ilusionante.
Segundo comunicaron os responsables do equipo, unha vez presentados os patrocinadores, é posible que o luns se anuncien os integrantes do corpo técnico.