19 agosto 2009

La finalización de zonas verdes en el polígono de Navia (Vigo) tiene problemas

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas lembra que a finalización das obras da zona verde do polígono de San Paio de Navia en Vigo depende da xustificación dos cambios no proxecto inicial e do incremento do custo. A empresa ten presentado unha reclamación que implica un sobrecusto do 80 % sobre o presuposto contractual.

A anterior Consellería de Vivenda aprobou un modificado de 847.701,18 euros no mes de decembro do ano 2008 e, a pesares disto, a construtora reclama un novo modificado por un importe de máis de 3 millóns de euros, que comprendería obras realizadas a maiores das previstas e a modificación de prezos de proxecto, todo isto realizado sen a debida autorización, así como a modificación no deseño da obra decidido polos anteriores responsables do Goberno bipartito.

Cómpre recordar que a execución da zona verde de San Paio de Navia foi adxudicada por Xestur Pontevedra no ano 2007 por un importe de 4.911.139,86 euros, cunha baixa do 21,22%.

Sen xustificantes
A empresa Bruesa Construción S.A., compañía que está a levar a cabo as obras na zona verde do novo polígono residencial de Navia, aínda non presentou a documentación que xustifique o incremento de custe das obras aprobadas polo Goberno bipartito.

Dende o Goberno recórdase que os prezos do proxecto foron aprobados pola empresa adxudicataria que ademais, como se dixo, presentou un oferta cun 21,22% de baixa sobre o presuposto de licitación, polo que, para a Consellería de Medio Ambiente, resulta totalmente incongruente pedir agora unha modificación á alza dos prezos, sobre todo, sen entregar xustificación algunha das obras.

Cómpre subliñar que a empresa reclama actuacións executadas, a maiores do proxecto contractual, e que, asegura, foron autorizadas, aínda que nin en Xestur nin no Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) teñen constancia de tales autorizacións.

Por todo isto, Xestur pediu á empresa e á dirección de obra aclaracións sobre as obras realizadas a maiores e quén as autorizou, se ter recibido documento algún ata o de agora. Ademais, este organismo, no momento de ter recibida esa información, analizará a xustificación das demandas da empresa e, de ser o caso, as posibles responsabilidades dos axentes intervintes no proxecto.

Asemade, a Consellería de Medio Ambiente solicitou á dirección de obra que informe das razóns da modificación, do alcance dos mesmos e da xustificación da reclamación da execución desas obras.

O importe do modificado aprobado en 2008 sumado ao da liquidación que agora reclama supón preto do 80 % do presuposto de adxudicación contractual.

As vivendas
En relación ás vivendas do Polígono residencial, destacar que o Instituto Galego da Vivenda e Solo, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, ten entre as súas prioridades na cidade de Vigo o remate e entrega das vivendas de promoción pública de San Paio de Navia no menor prazo posible, sen esquencer que estas vivendas estarían xa entregadas de ter cumprido Goberno bipartito os prazos previstos.
No canto de cumprir os prazos marcados, a anterior Conselleira de Vivenda autorizou unha prórroga do mesmo e a redacción dun proxecto modificado, que ademais de incrementar os custes da construción das vivendas, retrasará ata finais de 2009 o remate das obras de construción. Dito modificado autorizouse sen ter prevista unha partida orzamentaria para facer fronte ao incremento, polo que o IGVS está a buscar financiamento para afrontar a mesma.
O bipartito recibiu San Paio de Navia coas fases 1, 2, e 3-A practicamente rematadas e as etapas 3-b, 4, 5 e 6 previstas, así como as 384 vivendas de promoción pública programadas. En catro anos non foron capaces de rematar a construción e entrega das vivendas nin desenvolveron un so metro cadrado de solo residencial en San Paio de Navia. Nin sequera remataron a adquisición do solo preciso para o desenvolvemento das últimas fases de Navia, malia que na memoria dos orzamentos de Xestur Pontevedra para 2008 se prevé desenvolver ditos solos nese ano e rematar así a maior actuación de solo residencial de Galicia.