Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez Casado, presentou hoxe os detalles do Plan Estratéxico para o sector lácteo 2009-2015, que foi analizado a pasada tarde polo Consello Agrario Galego, órgano de participación, asesoramento, diálogo e consulta da Administración Galega en materia agraria e de desenvolvemento rural, no que están integrados, ademais dos responsables de diversos departamentos da Xunta, as organizacións agrarias máis representativas.
O documento elaborado pola Consellería do Medio Rural está dotado con máis de 759 millóns de euros, para o período 2009-2015. Esta previsión de recursos faise a partir do financiamento comunitario, e o plan da Xunta complementarase tamén co que ten proposto o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño para o conxunto de España.
O documento analizado hoxe polo Consello Agrario Galego parte da constatación de que o sector lácteo en xeral, e o galego en particular, están vivindo unha das situacións máis delicadas das últimas décadas. Para facerlle fronte, deséñase e detállase unha estratexia integral, a curto prazo (medidas de choque) e a medio e longo prazo, definindo e priorizando un paquete de medidas. Esta planificación farase en plena colaboración con tódolos axentes implicados (produtores, fabricantes, distribuidores e consumidores), de forma que se garanta a plena viabilidade do sector de forma corresponsable. De aí que se dera conta dos detalles do plan –onte pola tarde– ao Consello Agrario Galego.
Análise DAFO
En primeiro lugar, o Plan Estratéxico inclúe os resultados da análise DAFO (Debilidades, Ameazas, Fortalezas e Oportunidades) do entorno xeral e específico do sector lácteo, levada a cabo pola Consellería do Medio Rural.
As principais conclusións deste estudo debuxan un sector que presenta unha escasa dimensión das explotacións, dispersión xeográfica e elevados custes de produción; un limitado potencial de xeración de rendas, a causa dos elevados custes de produción e a deficiente revalorización comercial doutros produtos das explotacións (máis aló do leite líquido de longa duración); unha falla de adecuación ás necesidades do sector da estrutura industrial instalada en Galicia; a excesiva rixidez da cadea de valor do sector do leite líquido envasado; a inevitable dependencia de factores e decisións que non dependen do propio sector lácteo galego e a insuficiente vertebración sectorial, cunha situación na que os criterios da distribución prevalecen de xeito case exclusivo.
A partires destas conclusións, o documento elaborado por Medio Rural deseña unhas liñas de actuación, tanto a curto prazo (medidas de choque), como a medio e longo prazo (medidas estratéxicas).
Medidas de choque
En canto ás medidas de choque, establécese unha premisa política básica: en tódolos casos, sempre se garantirá que os fondos aplicados servirán para saír da crise ou para paliar os seus efectos, pero tamén se establecerán as necesarias garantías para que ditos fondos non sexan “soterrados” na propia crise ou absorbidos por esta, sen poder cumprir os seus cometidos. Como actuacións concretas a curto prazo, o Plan define, entre outras, as seguintes:
Axilización dos trámites para os pagos de solicitudes de modernización de explotacións e incorporación de mozos á actividade agraria. A día de hoxe, están pagados 1.125 expedientes novos, cun importe de subvención que supera os 18 millóns de euros. Destes expedientes, un total de 717 corresponden a explotacións leiteiras, cun importe que se achega aos 11 millóns de euros.
Adianto do pago das axudas directas da PAC (Política Agraria Común), para explotacións lácteas por importe de 70 millóns de euros, mediante formalización de préstamos sen custo con entidades financeiras. Tal e como se establecía na Orde da Consellería do Medio Rural do pasado 1 de xuño, estes préstamos son polo importe do 90% das axudas de pago único e pago adicional lácteo do 2009. Os custos financeiros das operacións asúmeos a Consellería do Medio Rural por un prazo máximo de 9 meses.
Programa de apoio ao circulante para explotacións leiteiras mediante convenio co Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), destinado a titulares de explotacións produtoras de leite en proceso de reestructuración e cooperativas.
Xestión do anticipo de determinadas axudas que inciden de forma directa sobre explotacións lácteas, de acordo coa Orde publicada no DOG o pasado 10 de xuño.
Publicación inmediata no Diario Oficial de Galicia dunha nova convocatoria de axudas para incentivar a redución dos custos de produción nas explotacións, establecendo como prioridades a maximización do uso de recursos propios da explotación; a redución de gastos de enerxía e a substitución das enerxías tradicionais por renovables. Esta liña, que terá unha dotación de 10 millóns de euros, financiará entre o 50 e o 70 por cento dos gastos subvencionables, e integrarase no conxunto do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR), que prevé destinar ao sector lácteo de aquí ao ano 2013 máis de 304 millóns de euros para a mellora das explotacións.
Axuda directa para aquelas explotacións que soportan un maior esforzo financeiro e que polo tanto están atravesando peores momentos. A dotación inicial desta axuda será de 12 millóns de euros, prevéndose a súa posible ampliación en función das necesidades. En todo caso, a aplicación concreta desta medida definirase previamente coas organizacións agrarias.
Medidas a medio e longo prazo
A medio e longo prazo, o Plan Estratéxico contén tres liñas básicas de actuación: mellora da competitividade das explotacións; mellora da competitividade da industria láctea, e regulación dos mercados. En canto á primeira, defínese unha política para aumentar a base territorial das explotacións, así como para a súa diversificación. Neste sentido, revisaranse as ferramentas legais e administrativas en materia de arrendamento rústico, buscando unha normativa máis flexible e áxil, e con accións como a creación dun rexistro de arrendamentos rústicos, medidas fiscais para terreos abandonados en zonas de produción de leite e a divulgación da seguridade xurídica nos arrendamentos.
Con respecto á mellora da competitividade da industria, promoverase o seu redimensionamento, a través de liñas que permitan a redución de custos, a diversificación das producións e o acceso a novos mercados. No eido da diversificación, apostarase de xeito decidido polo investimento en I+D+i cara a novos produtos, cun orzamento global de 40 millóns de euros para o período 2009-2013, e darase apoio, de maneira prioritaria, aos proxectos industriais baseados na diversificación da produción. A través deste plan deseñado por Medio Rural tamén se impulsará a reordenación dos sistemas loxísticos de recollida do leite, con vistas a reducir o número de compradores comercializadores ou a integración destes nunha estrutura loxística superior, de maneira que, sen limitar a competencia no mercado do leite, se racionalice a recollida e se supriman custos de transporte innecesarios.
Regulación dos mercados
No eido da regulación dos mercados, potenciaranse as relacións interprofesionais e a imaxe do leite e dos produtores lácteos de Galicia. Así, vaise apoiar o funcionamento da Interprofesional láctea (INLAC) como ferramenta fundamental para ordenar o sector. Desde Galicia traballarase a prol da consolidación dos seus acordos, e en particular a implantación do contrato homologado. Entre as accións que se consideran prioritarias neste eido están a creación dun Sistema Integral de Información Sectorial Láctea (en base ao actual Observatorio do sector); o establecemento dun sistema de vixilancia de prezos en lineales de venda; a análise comparada de calidades de marcas de produtos lácteos significativos; a elaboración dunha Guía de boas prácticas produción/industria/distribución; a revisión das cadeas de valor dos produtos lácteos; o etiquetado “Letra Q” obrigatorio e o desenvolvemento dun programa de información ao consumidor.
Sobre o pulo que se lle quere dar á imaxe do leite, considérase fundamental identificar as producións galegas e informar ao usuario final de que, cando merca un brik ou un queixo fabricado a partir de leite galego, está adquirindo calidade e seguridade alimentaria garantida. Neste sentido, considérase prioritario establecer, con este fin, un programa de identificación de explotacións galegas con producións de calidade.