19 agosto 2009

La Xunta a vueltas con la firma electrónica

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e a Fábrica Nacional de Moneda y Timbre ampliarán nas próximas datas o número de entidades e organismos dependentes da administración pública capacitados para expedir o certificado de firma electrónica. Así, fronte o convenio anterior, que englobaba só á propia Xunta, incluídos o Servizo Galego de Saúde (receita electrónica) e o Centro Informático para a Xestión Tributaria (CIXTEC), o novo marco permitirá xestionar este contido tamén aos concellos da comunidade, as deputacións provinciais, as universidades públicas galegas, o Parlamento e mailo o Defensor do Pobo. Deste xeito, todos aqueles cidadáns que desexen obter o seu certificado de firma electrónica poderán solicitalo automaticamente no seu propio concello.

Neste novo ámbito, e respectando o establecido pola Lei 59/2003, de firma electrónica, o presente acordo servirá para garantir a validez e eficacia da emisión e recepción de comunicacións e documentos producidos a través de técnicas electrónicas, informáticas e telemáticas no ámbito de actuación das administracións públicas.

Para tal fin, a Fábrica Nacional de Moneda y Timbre comprométese a aportar a infraestrutura técnica necesaria así como a prestar a correspondente asistencia técnica tanto no momento presente como nas actualizacións futuras. Ademais, recóllese a posibilidade de usar a nova plataforma de xeración de certificados conforme aos requisitos da Lei 11/2007. Estes novos tipos de certificados son os de firma electrónica do persoal ao servizo das administracións públicas, os selos electrónicos das administracións públicas e os certificados de Sedes Electrónicas das administracións electrónicas.

Así, e como prestador de servizos de certificación, a Fábrica Nacional de Moneda y Timbre emitirá para os usuarios que o soliciten un conxunto de certificados, denominado “certificado básico”, que permitirá a comunicación entre usuarios de forma segura. Así mesmo, poderá revocar os certificados e proceder ao arquivo dos mesmos. Grazas a estas actuacións, aqueles terceiros que o desexen poderán verificar as firmas electrónicas feitas polo titular do certificado.

Por outra banda, o convenio introducirá tamén un servizo de datado dixital que servirá para probar que un conxunto de datos existe antes dun momento dado e, ademais, que ningún bit destes datos foi modificado dende entón. Este servizo proporciona un valor engadido á utilización de firma dixital, xa que esta por si soa non proporciona ningunha información acerca do momento de creación da mesma.

Pola súa banda, a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, emitirá, cando proceda, os recibos de prestacións e conservará os documentos tratados. Neste sentido, o convenio permitirá á administración galega equipararse coas administracións públicas mais punteiras en materia tecnolóxica, acadando a máxima protección posible dos datos de carácter persoal.

Garante dos dereitos dos cidadáns
Este convenio, que proximamente asinarán a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, e o director xeral da Fábrica Nacional de Moneda y Timbre, Ángel Esteban Paúl, serve, así mesmo, para garantir o dereito dos cidadáns a relacionarse telemática e electronicamente coas administracións públicas, recollido na mencionada Lei 11/2007. Para iso, a Fábrica Nacional de Moneda y Timbre, en colaboración coas administracións públicas, presta servizos técnicos e administrativos necesarios para a identificación dos intervintes nas comunicacións electrónicas das administracións públicas a través do uso de certificados de firma electrónica. E neste sentido, e de cara a garantir este dereito, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica traballa para introducir a administración electrónica nas relacións da Xunta de Galicia e demais entidades públicas coa cidadanía.