Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A Xunta Xeral de Accionistas de Xestur Pontevedra aprobou hoxe as contas da sociedade correspondentes a 2008, cunhas perdas de 17.309.000 euros. Hai exactamente un mes a mesma xunta decidira retrasar a aprobación destas contas pola existencia de dúbidas fundadas sobre se a totalidade das obrigas da sociedade estaban incluídas nas mesmas.
Unha vez reformuladas as contas da sociedade comprobouse que as perdas reais en 2008 ascenderon a 17.309.000 euros fronte aos cinco millóns que se reflectían nas contas elaboradas polo anterior Consello de Administración da sociedade.
A situación económica na que o anterior equipo directivo deixou a Xestur Pontevedra obrigará a realizar unha ampliación de capital como mínimo de 4,5 millóns de euros para evitar a disolución da sociedade.
Na última lexislatura a norma de Xestur Pontevedra foi iniciar multitude de proxectos simultaneamente sen rematar ningún, o que repercute negativamente sobre os ingresos da sociedade xa que se pasou de ser unha sociedade de xestión a ser promotor. Esta maneira de proceder é a principal causa da súa situación económica actual.
No momento actual Xestur Pontevedra ten en desenvolvemento 17 proxectos de solo industrial e residencial, cun investimento total previsto que supera os 500 millóns de euros, mentres os ingresos rexistrados no exercicio de 2008 foron de 8,6 millóns de euros. Ademais, unha boa parte dos proxectos en execución acumulan graves problemas que dificultan o seu remate ou incrementan de forma desproporcionada os custes inicialmente presupostados.
Hai que salientar que o caso máis grave é o do parque empresarial de Mos, cuxas obras de urbanización están practicamente rematadas. Xestur Pontevedra prevía ingresar en 2008 preto de 25 millóns de euros por vendas de solo neste parque (sobre unha previsión total de 30 millóns). A previsión quedou en nada xa que o anterior Consello de Administración non deu ningún paso para solucionar a carencia de accesos ao parque, o que impide a venda das parcelas.
Na Plataforma Loxística de Salvaterra As Neves as irregularidades multiplícanse. Malia que no momento actual Xestur aínda non ten os terreos á súa disposición, hai máis dun ano que se adxudicaron obras de urbanización por importe de máis de 35 millóns de euros.
Doutra banda, nin as contas de Xestur Pontevedra nin as do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) recollen obras xa executadas por importe de 4,5 millóns de euros (movemento de terras realizado pola Autoridade Portuaria con cargo aos tres socios na actuación) nin unha provisión de fondos por máis de 1,5 millóns de euros destinada a satisfacer as obrigas derivadas dun maior valor dos terreos.
En San Paio de Navia Xestur executa, por encomenda do IGVS, obras de acondicionamento do espazo verde. A obra foi adxudicada por 4,9 millóns de euros, pero xa se tramitou un modificado que incrementa o custe en 847 mil euros e actualmente a empresa reclama un complementario por importe de 1,5 millóns de euros por obras realizadas a maiores e para as que non existe autorización de gasto no IGVS.
Polo que respecta á urbanización de Valdecorvos, no concello de Pontevedra, xa se adxudicaron parcelas a promotores para a construción de vivenda protexida. As obras de urbanización, que se atopan en execución, foron adxudicadas en 4,4 euros, pero a empresa adxudicataria reclama a tramitación dun proxecto modificado que incrementaría o custe da actuación.