Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas investirá 6 millóns euros na construción de distintas infraestruturas hidráulicas nos concellos coruñeses de Boiro e Porto do Son e no pontevedrés de Gondomar, obras que se inclúen no Plan de choque para a eliminación de verteduras nas rías galegas.
No convenio firmado hoxe en Santiago de Compostela, entre o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, e os alcaldes de Boiro, Xosé Deira Triñanes; Porto do Son, Manuel Tomé Piñeiro; e Gondomar, Martín Vicente Urgal Alonso, ademais de coa presidenta da entidade Augas de Galicia, Ethel Mª Vázquez, fixáronse as bases de colaboración entre estas entidades para a execución de actuacións que teñen como fin principal a erradicación de vertidos nas rías da Comunidade autónoma galega.
Os traballos obxecto deste convenio a realizar son de diferente índole. Así, no concello de Boiro colocarase un novo interceptor na praia de Barraña; en Porto do Son poranse os colectores xerais e a estación depuradora de augas residuais de Tarrío; mentres que no pontevedrés concello de Gondomar realizaranse distintas actuacións de saneamento na desembocadura do río Miñor.
Praia de Barraña en Boiro
As obras na localidade coruñesa de Boiro céntranse nun punto ao sur do núcleo urbano, onde se sitúa a praia de Barraña, na que un colector interceptor recolle todos os secundarios que baixan a través de varias avenidas.
A rede do núcleo de Boiro é unitaria polo que, en canto chove, o interceptor soborda directamente á area da praia. Ademais, a rede non conta con ningún elemento de laminación e, de forma sistemática, cando chove forte, os seus bombeos alivian e algúns pozos vense desbordados.
Coas obras agora anunciadas lograrase o control das augas pluviais e, así, eliminaranse os vertidos á praia de Barraña e, como consecuencia, á ría de Arousa.
O proxecto inclúe a continuación da renovación do interceptor, instalando un colector de poliéster reforzado con fibra de vidro en lugar do actual de fibrocemento, dende o pozo número 9 ata o novo tanque de Chouza. Tamén se construirá un tanque de tormentas para a retención dos importantes caudais xerados na rede en tempo de choivas na zona do peirao. O investimento previsto ascende a 3 millóns de euros.
Porto do Son
Actualmente a zona de Tarrío, no concello de Porto do Son, carece das infraestruturas básicas de recollida e tratamento para das augas residuais, que son conducidas directamente cara ao mar. Por tanto, a actuación consiste en instalar os colectores de saneamento necesarios, e construír unha EDAR que depure as augas residuais urbanas.
A rede nesta localidade coruñesa componse dun total de 11 colectores. En conxunto, constitúen a rede xeral de saneamento das parroquias de Baroña e Queiruga, no centro-costa do termo municipal de Porto do Son. Esta rede compleméntase coas 4 estacións de bombeo previstas, que se corresponden cos catro tramos en impulsión.
A EDAR que contará cunha liña de auga con pretratamento e tratamento biolóxico de aireación prolongada con eliminación de nutrintes; unha liña de lodos con espesamento por gravidade e deshidratación; e unha instalación de desinfección da auga depurada, por raios ultravioleta. O investimento total previsto será de 1,9 millóns de euros.
Desembocadura do río Miñor en Gondomar
A problemática da rede de colectores no concello de Gondomar céntrase no exceso de augas pluviais e de infiltración na rede; e a filtración de alivios por tapas e pozos, debido á entrada en carga, polo exceso de caudal e pola pouca pendente que teñen moitos tramos de colector.
Todo insto provoca que a EDAR, que ten un funcionamento correcto, non poida asumir todo o caudal que lle chega en tempo de chuvia, polo que ten que aliviar parte do mesmo. Por todo isto, as solucións que se están a estudar pasan por afastar os colectores dos leitos fluviais e conseguir máis cota e pendente nas conducións por gravidade, o que require da construción dalgún bombeo, así como outras actuacións puntuais na rede de colectores. O obxectivo e minimizar os alivios, tanto na rede de colectores coma na EDAR, para o que está previsto investir 1,1 millóns de euros.
Tres anualidades
A Administración Hidráulica de Galicia, consciente dos problemas de saneamento e depuración detectados nas rías galegas, e mais en concreto nas zonas sinaladas, cree necesaria a execución dun plan de actuación co fin de minimizar e controlar as verteduras ao dominio público e solucionar os problemas de contaminación microbiolóxica, tanto dende o punto de vista da normativa de moluscos coma da de augas de baño, para así reducir os niveis de contaminación aos parámetros marcados pola normativa vixente.
Estes acordos significan un importante beneficio tanto para os habitantes destas zonas como para o medio natural, polo que a Administración Hidráulica de Galicia pretende executar, a través da Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos, estas actuacións. Para iso, os concellos comprométense á posta a disposición dos terreos e dos permisos necesarios, libres de cargas e gravames, así como a asumir a conservación e o mantemento das obras unha vez executadas e recibidas pola Administración Hidráulica.
Estes convenios son consecuencia do compromiso de que o ambiente ten prioridade absoluta no deseño de todas as políticas, accións e actividades que se leven a cabo dende o departamento que dirixe Agustín Hernández. Por esta razón, estase a pór en marcha, de maneira inmediata, un plan de choque nas rías galegas que dea resposta rápida ás necesidades máis urxentes e sirva, ademais, para reactivación da economía e a creación de emprego.