01 agosto 2009

Subvenciones para cursos de formación y colocación por parte de la Xunta

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-
A delegación territorial da Xunta en Vigo ven de resolver unha nova fase do Plan de Accións Formativas para Desempregados (AFD) que outorga preto de 2,6 millóns de euros a concellos e entidades de Vigo e a súa área coa finalidade de ofertar cursos que axuden a mellorar a formación dos desempregados de cara a acceder ao mercado laboral.

Esta última concesión de subvencións para cursos formativos vai destinada aos municipios de Nigrán, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Soutomaior, Vigo, Cangas e Moaña. En total, concedéronse axudas para a realización de 63 cursos aos que poden acceder as persoas que actualmente estean no paro. De todos modos, aínda que o programa está dirixido prioritariamente a desempregados, este plan abre a posibilidade de que ata un 25% de persoas traballadoras ocupadas poidan participar como alumnos se así o solicitan.

Así, por municipios, a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia destinou axudas por valor de 1,37 millóns de euros para que máis de 30 centros formativos da cidade de Vigo ofrezan estes cursos de formación; 380.656 euros para o Concello e entidades de Cangas; outra partida de 353.673 euros para o Concello e asociacións de O Porriño; 161.494 euros para o Concello de Moaña; 108.106 para entidades de Redondela; 97.397 euros para o Concello de Soutomaior; 59.259 euros para o Concello de Salceda de Caselas e, por último, unha subvención total de 33.253 euros que vai destinada ao Concello de Nigrán. O montante total ascende a 2.563.885 millóns de euros.

Os desempregados teñen unha ampla oferta de variedades e cursos onde escoller. Así, poden optar polas especialidades de monitor sociocultural, deseñador web e multimedia, creación e xestión de empresas, iniciación a internet, secretariado, telefonista-recepcionista de oficina, soldador, hixienista dental, instalador de sistemas de enerxía solar, deseño e modificación de planos, programas de retoque dixital, técnico en software, panadeiro, informática de usuario, carpinteiro, xestión de riscos, idiomas como inglés ou alemán para o público ademais de especialidades dirixidas a servicios sociais coma coidador de discapacitados físicos e psíquicos, auxiliar de enfermería ou atención sociosanitaria ou especializada, entre outros. A duración dos cursos, en función da especialidade escollida, oscila entre as 85 e as 710 horas mentras que as datas de comezo sitúanse entre finais do mes de agosto e o mes de setembro.

En total, no que levamos de ano, o servizo de formación e colocación da delegación territorial da Xunta en Vigo xestionou subvencións por un valor total de 17,9 millóns de euros para este tipo de cursos de formación ocupacional, dato que supón un 26,47% máis con respecto ao ano pasado, cando se destinaron 14,2 millóns de euros. Ademais, o número total de cursos ofertados tamén se incrementou, ofrecendo xa este ano 47 cursos máis que no ano 2008, cando se xestionaron 232 especialidades polas 289 deste ano 2009.

Estos datos mostran así a disposición da Xunta de Galicia de realizar políticas encamiñadas a fomentar a formación e a colocación dos desempregados con programas que redunden no seu beneficio de cara a lograr o obxectivo final da formación, que non é outro que mellorar de forma sustancial a cualificación dos traballadores en paro de maneira que aumente a súa competencia profesional e, así, a súa empregabilidade.