01 agosto 2009

Vehículos policiales para Cangas y Marín entre otras localidades con apoyo de la Xunta

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, avanzou hoxe que a Xunta premiará por primeira vez aos axentes de Policía Local que teñan participado en actuacións excepcionais e feitos de particular relevancia, tal e como se fai cos membros doutros Corpos e Forzas de Seguridade.

Onte mesmo a Comisión de Coordinación das Policías Locais de Galicia aprobou a orde que establece as distincións para os axentes, que agora será levada ao Consello da Xunta, segundo explicou o titular de Presidencia, que fixo estas declaracións aos xornalistas no acto de entrega de 12 vehículos para os corpos de policías locais de Cangas, O Carballiño, Coristanco, Fene, O Grove, Marín, Noia, A Pobra do Caramiñal, Pontedeume, Sada, Sanxenxo e Xinzo de Limia.

Alfonso Rueda indicou que o Goberno galego leva xa entregados 350 vehículos aos corpos de Policía Local de Galicia e salientou que o acto de hoxe se produce no momento oportuno, xa que nove dos doce concellos beneficiarios son municipios costeiros, que no verán ven incrementada notablemente a súa poboación e, consecuentemente, as súas necesidades de medios policiais.

O conselleiro destacou o importante labor que levan a cabo os axentes dos concellos e incidiu en que esta contribución da Xunta para equipar ás Policías Locais de Galicia, que se vén facendo cada ano, ten como fin aumentar a eficacia do servizo e potenciar a seguridade cidadá, un dos obxectivos da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Nesa liña, Rueda volveu a insistir na necesidade de que o Ministerio de Interior convoque as prazas para cubrir as vacantes existentes na Unidade de Policía Adscrita á Comunidade Autónoma, que neste momento conta con 390 membros, moi lonxe dos 500 que se establecía para o seu cadro de persoal. “É urxentísimo que se complete a dotación”, advertiu Rueda, que salientou a fundamental labor que levan a cabo os axentes da Policía Autonómica, con competencias en materias tan importantes coma a vixilancia contra os incendios forestais e a loita contra o furtivismo.

Vehículos para as policías locais
En canto aos vehículos que se entregaron hoxe, trátase de 12 monovolumes Renault Scenic 1.9 DCI de 130 CV, que están especialmente preparados para as súas funcións como elementos de traballo das policías locais e nos que a Xunta investiu 250.000 euros.

Para avaliar as solicitudes de cesión de vehículos, ponderáronse os recursos humanos e materiais cos que conta o corpo de policía do concello solicitante; así como a antigüidade da derradeira cesión dun coche policial por parte da Consellería de Presidencia nos últimos tres anos. Os concellos que, cumprindo cos requisitos esixidos, non fosen beneficiarios da cesión de coches policiais por parte da Consellería desde o ano 2005 tiñan prioridade sobre os demais.

O obxectivo da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza é a contribución ao equipamento dos concellos de Galicia co fin de aumentar a eficacia dos servizos da Policía Local no desenvolvemento das funcións que lle son propias e así aumentar e potenciar a seguridade cidadá nos concellos , mellorando, polo tanto, a calidade de vida dos seus veciños.