Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, presentou hoxe os resultados da consulta ás familias sobre a utilización das linguas na educación non universitaria de Galicia que será o punto de partida para a elaboración do novo decreto do galego no ensino. Lorenzo destacou a participación do 58,7%, que foi especialmente elevada nos ciclos en Educación Infantil e Primaria, onde chegou ao 70,1% e ao 75,7% respectivamente. Estes datos son máis elevados que os de Educación Secundaria (38,4%) e Formación Profesional (33,1%).
Para o Secretario Xeral de Política Lingüística, os resultados demostran o interese dos pais e nais nas decisións que atinxen ao sistema educativo para os seus fillos. Ademais, o conxunto das respostas das familias fan evidente que a sociedade galega se reafirma bilingüe, particularmente no ciclo de infantil. Neste ciclo, arredor do 60% dos pais afirman que os seus fillos aprenderon e falan habitualmente en castelán o que non supón inconveniente para que a maioría (53%) prefira unha aprendizaxe bilingüe.
En Primaria, gran parte das familias (un 49,4%) opta por algún tipo de ensino bilingüe, sexa indistintamente nas dúas linguas ou ben sexa con tendencia maioritaria cara a unha delas. Fronte a isto, un 37,4% dos consultados elixiría un ensino completamente castelán e un 12,5% optaría por dar todas as troncais en galego. Unha tendencia moi similar á de como deberían realizarse as probas orais ou escritas.
En Secundaria, un 46% prefire que se cursen as troncais de forma repartida entre as dúas linguas mentres que o resto opta por ensino monolingüe, sexa exclusivamente castelán (33,8%) ou todo en galego (19,8%).
Nos ciclos formativos, a maioría dos consultados (un 52%) opta por un emprego das dúas linguas en todas as materias, unha opción maioritaria que se mantén tamén para os libros de texto e o material escolar.
Onde existe unanimidade é na consideración positiva de que se impartan contidos en inglés. Ao seu favor están o 91,5% das familias de Educación Infantil, o 75,2% dos de Primaria, o 63% de Secundaria e o 63% de Formación Profesional. Sobre a participación substancialmente inferior en Secundaria e Formación Profesional, Lorenzo destacou que numerosos directores de centros informaron de que moitos alumnos non recibiran o cuestionario por estar de vacacións, de viaxe de estudos ou realizando prácticas.
ValoraciónLorenzo reafirmou que á vista dos resultados o marco normativo non se axusta ás preferencias dos pais, polo que a Consellería “terá en conta a opinión expresada libremente polas familias para a redacción do novo decreto”. O responsable de Política Lingüística incidiu en que “resta un importante labor por facer na consolidación da convivencia lingüística” xa que nas etapas de Primaria e Secundaria “o galego aínda non se percibe tan útil como o castelán”. Por este motivo, é necesario “revisar os modelos de normalización lingüística asumidos nos últimos 25 anos”. O obxectivo é que as dúas linguas “estean presentes na sociedade que construímos en igualdade”.
Igualmente, Anxo Lorenzo afirmou que o galego necesita adaptarse aos desafíos e retos do século XXI, nun mundo cada vez máis global e competitivo, pero que esta adaptación non pasa por fórmulas de illamento que xa demostraron a súa escasa utilidade. Por iso, Lorenzo chamou ao consenso dos axentes políticos, sociais e educativos para que o novo decreto “desenvolva un modelo lingüístico plurilingüe de calidade, que asegure o coñecemento do galego e do castelán”.
Proceso de consulta
Durante a rolda de prensa, o secretario de Política Lingüística repasou tamén as diferentes fases do proceso de consulta. Esta dirixiuse aos 330.856 alumnos dos 1.490 centros de ensino non universitario de Galicia, que puideron responder ao cuestionario entre o 15 e o 19 de xuño. Os centros á súa vez remitiron estes formularios ata o venres 26.
A partir de aí, e en todo momento, as consultas permaneceron nas dependencias da Consellería. O luns 29 de xuño comezou a apertura de cuestionarios, de forma manual e sobre a sobre, empezando pola provincia de Pontevedra. Durante a primeira semana de xullo procedeuse á instalación dos equipos informáticos necesarios para o proceso de escaneo e reconto dos datos, a unha velocidade de 10.000 consultas ao día.
O proceso foi supervisado por persoal da Consellería reforzado con técnicos da empresa “Obradoiro de Socioloxía”, de acreditada experiencia, que achegou os medios loxísticos e informáticos necesarios. A fase de reconto durou ata o 24 deste mes, véndose interrompido durante dous días debido a un fallo no escáner. Na semana seguinte consolidouse a base de datos, realizando o preceptivo control de calidade, comprobando manualmente e de forma aleatoria a correspondencia dunha parte dos datos co seu equivalente dixitalizado. Cómpre indicar que durante todo o proceso, un grupo de funcionarios, pertencentes ao corpo de inspectores de Educación, supervisaron e garantiron a transparencia do mesmo.