16 agosto 2009

Xunta anuncia nuevas ayudas para el sector lácteo en próximas semanas

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O Conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez Casado, presentou e especificou as axudas directas postas en marcha polo seu departamento para o sector lácteo. Estas axudas contemplan a contía de ata un céntimo de euro por quilo de cota láctea, e un importe máximo por explotación de 7.500 euros. Trátase dunha axuda que iguala e supera á outorgada por outras Comunidades Autónomas.

Como é unha axuda proporcional, unicamente terán a axuda máxima aquelas explotacións con 750.000 quilos ou máis. Este pago inclúese nas denominadas axudas “de mínimis”, reguladas pola Unión Europea. De feito, a UE impide que estas axudas directas poidan superar, precisamente, os 7.500 euros no prazo de tres anos correlativos.

Galicia é a primeira comunidade de España en produción de leite. Polo tanto, é moito maior o esforzo económico que hai que asumir para aplicar aquí esta medida, tanto polo número de explotacións como polo volume de produción. Dende a Consellería do Medio Rural foi necesario un esforzo especial para dotar economicamente estas axudas.

A orde sairá publicada no DOG mañá martes día 11 de agosto. Nela especifícase que a partida orzamentaria inicial é de 12 millóns de euros, pero a cantidade final achegarase aos 20 millóns de euros, posto que despois do verán transferiranse recursos adicionais.

Pre-solicitude
A orde contempla unha pre-solicitude de axuda sinxela, que esixe unha documentación moi doada. Tan só se esixirá que o gandeiro estea ao corrente dos pagos á Seguridade Social e Axencia Tributaria. O obxectivo é que o gandeiro poida percibir o 60 por cento da contía no prazo aproximado dun mes desde a publicación da orde, e o resto antes de fin de ano.

Funcionamento da Interprofesional
Galicia considera que se trata dun problema que debe contar co apoio de todas as administracións, tanto da Unión Europea como do Goberno Central, posto que é un conflito estrutural e non só conxuntural. Dende a Xunta concédense estas axudas para que os gandeiros galegos estean en igualdade de condicións respecto aos seus homólogos doutras Comunidades.

Galicia agarda agora que os acordos sectoriais para produtores e industrias lácteas, recentemente acadados en Madrid, e con prezos referenciados aos países do noso entorno, se implanten a bo ritmo, e supoñan o alicerce dunha estabilización na produción e prezo. A Xunta brinda toda a súa colaboración para poñelos en marcha no seu ámbito territorial.