VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- A COMISIÓN ASESORA DO PLAN GALEGO DE PREPARACIÓN E RESPOSTA Á PANDEMIA DE GRIPE COORDINA AS ACTUACIÓNS DE TODA A XUNTA DE GALICIA CON RESPECTO Á NOVA GRIPE
- Entre outras medidas, acordouse a transmisión de información sobre as pautas de actuacións nos centros educativos e nas familias; así como a realización de plans específicos para centros residenciais e de traballo
- Todas as actuacións desenvolvidas ata o de agora atenden aos criterios indicados dende a Organización Mundial da Saúde e o Ministerio de Sanidade e Política Social
A Comisión Asesora do Plan Galego de Preparación e Resposta á Pandemia de Gripe reuniuse esta tarde co obxectivo de reforzar os mecanismos de colaboración e coordinación postos en funcionamento ata o de agora en relación coa nova gripe. A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, foi a encargada de presidir a xuntanza desta comisión, á que tamén acodiron representantes das consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; de Facenda; de Educación e Ordenación Universitaria; de Traballo e Benestar; e do Medio Rural. Tamén asistiron representantes da Delegación do Goberno; e da Federación Galega de Municipios e Provincias.
Todas as actuacións que está a levar a cabo a Xunta de Galicia están a realizarse conforme aos protocolos internacionais e con total coordinación de todos os departamentos implicados. Así, na reunión participou ademais Sagrario Pérez Castellanos, directora xeral de Saúde Pública e Planificación da Consellería de Sanidade, que é o departamento da Xunta de Galicia encargado da coordinación da Comisión Asesora; e o secretario xeral, Roberto Pérez López. Tamén representantes das distintas divisións do Servizo Galego de Saúde e a directora de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
Ata o momento, a Xunta de Galicia adoptou diferentes medidas atendendo aos criterios indicados tanto dende a Organización Mundial da Saúde como dende o Ministerio de Sanidade e Política Social, e as diferentes consellerías da Xunta de Galicia iniciaron diferentes actuacións correspondentes con cadansúa área de goberno.
En relación cos medios asistenciais, os servizos sanitarios de Galicia continúan co seguimento coordinado e pormenorizado da situación centrándose na identificación rápida dos posibles casos e deste xeito, tentar reducir a transmisión do virus. Esta actuación é consecuencia da alta sensibilidade do sistema posto en marcha pola rede de vixilancia e control epidemiolóxico de Saúde Pública.
Con respecto ao medio rural, as actuacións baseáronse en transmitir tranquilidade ás asociacións agrogandeiras e informar ao sector de que non hai ningunha medida de restrición en relación cos alimentos de orixe porcina, posto que a transmisión do virus é de persoa a persoa.
No tocante á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria realizáronse actuacións de seguimento e recopilación de información por se houbera algún grupo de estudantes en viaxe de estudos en México (cousa que, neste momento non sucede). Así como de transmisión de información sobre as pautas de actuacións nos centros educativos e nas familias.
A Consellería de Traballo e Benestar procedeu así mesmo, a plantexar a necesidade de actualizar todos os protocolos transmitidos tanto dende o Ministerio de Sanidade e Política Social como dende a Organización Mundial da Saúde de actuacións nas residencias e nos centros de traballo na situación actual e cara á declaración da situación epidémica. Neste senso, que todos os centros residenciais e de traballo teñan o seu propio plan de actuación constitúe un dos aspectos nos que se comprometeron a traballar conxuntamente os técnicos da Consellería de Sanidade.
Pola súa parte, a Consellería de Facenda está informada e avaliando a situación para o aprovisionamento, no caso de que fose preciso, de calquera tipo de material para distribuír á poboación.
A nivel de coordinación na comunidade autónoma, os departamentos da Xunta de Galicia están en permanente contacto coa Federación Galega de Municipios de Provincias e a Delegación do Goberno para levar a cabo, no caso de que sexa necesario, actuacións concretas (informativas, de prevención ou seguimento) en calquera concello galego. En concreto, xa hai contactos específicos cos alcaldes de Avión, Beariz e A Lama, os tres concellos con máis poboación residente en México para comunicar aos alcaldes as actuacións que se están a levar a cabo.
Na reunión desta tarde acordouse estudar as necesidades de dotación de materiais de illamento (como luvas, mascarillas dos servizos de protección civil, concellos, e policía autonómica e local).
Nesta liña de comunicación permanente, a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, asistirá mañá venres 1 de maio á segunda reunión extraordinaria do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde na que se analizará a situación actual da nova gripe e se reforzará a actuación coordinada de todas as Comunidades Autónomas.