28 abril 2009

Deputación ayudará a la ONCE para beneficiar a ciegos y discapacitados


VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e o vicepresidente provincial, José Manuel Figueroa, reuníronse hoxe có director da ONCE en Vigo, Arturo Parrado, para sentar as bases de novas liñas de colaboración entre as dúas institucións.
Parrado, quen agradeceu “enormemente a visita do presidente e do vicepresidente da Deputación, unha institución vital na provincia coa que tiñamos pendente esta reunión que hai servir de toma de contacto e punto de inicio de futuras colaboracións”, destacou que xa se están a preparar “traballos que van ir sempre en beneficio das persoas cegas e discapacitadas, en materia de accesibilidade, benestar e turismo e de cultura”.
“O presidente da Deputación nos fixo saber do interese da institución provincial de difundir a cultura e o turismo da provincia e, neste senso, quedamos en volver reunirnos para levar a cabo unha comisión de traballo entre profesionais das dúas entidades para ver como podemos facer accesibles esas tarefas”, explicou o director da ONCE.
Obxectivos da colaboración
Louzán, quen aplaudiu “a exemplar labor social e a metodoloxía desta organización que se ocupa magnificamente das persoas que a necesitan, desenvolvendo un papel indispensable na sociedade”, remarcou que “as case que 1.500 persoas con deficiencias visuais adheridas á ONCE na nosa provincia, que representan tamén ás persoas con problemas de discapacidade, colleitarán as vantaxes deste acordo que se traducirá nuns obxectivos moi concretos”.
“En primeiro lugar”, aclarou o presidente provincial, “reflectirase nunha maior integración de cada unha das persoas afiliadas á ONCE, en actividades da Deputación orientadas ás persoas con cegueira, coma a nosa propia páxina web, que é accesible para as persoas con deficiencias visuais, ou ben no eido da Cultura, mediante a aparición da Deputación nos cupóns da ONCE, como xa fixera hai poucos meses o propio Museo Provincial, e, sobre todo, no turismo, onde temos moitísimo que ofrecer, e onde imos marcar novas liñas de colaboración coa ONCE neste sentido”.
“Polo tanto”, concluíu Louzán, “hoxe se sentan as bases dunha nova etapa, dun largo camiño conxunto entre as dúas institucións, a ONCE e a Deputación de Pontevedra, que quere recompensar dalgún xeito á magnífica labor que a organización está a realizar para cos seus afiliados”.
Parrado apuntou por último a próxima publicación dun cupón especial onde lucirá a fachada do Pazo Provincial da Deputación e agradeceu tamén “a colaboración da administración e a sensibilidade que mostra co deporte de discapacitados, a través das súas axudas”.
A visita ás instalacións da ONCE por parte de Figueroa e Louzán concluíu cunha visita ás distintas dependencias do edificio, que tivo especial incidencia nas aulas de Tiflotecnoloxía, onde persoal da organización demostrou cómo a páxina da Deputación cumpre escrupulosamente coa normativa de accesibilidade, “algo do que”, salientou Parrado, “deberían tomar exemplo todas as institucións, públicas e privadas”.