COMPOSTELA (MORRAZO-tribuna) .- Na súa comparecencia ante os medios de comunicación, o presidente da Xunta afirmou que “a democracia e o galeguismo, a liberdade e a promoción do galego” serán os principios inspiradores da reforma do decreto sobre o galego no ensino, cuxo borrador se prepara xa na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Alberto Núñez Feijóo subliñou ademais que antes da súa aprobación, o decreto será sometido á consideración dos colectivos e das forzas políticas.
O titular do Executivo defendeu o carácter demócrata e galeguista do Goberno galego e considerou que “ningún demócrata se pode opoñer a que os alumnos se podan dirixir aos profesores en calquera das dúas linguas oficiais de Galicia”. Ao tempo, recordou que historicamente todos os galeguistas, “desde Cunqueiro a Pedrayo, de Ramón Piñeiro a Casares, todos eles entenderon o galeguismo aberto, o galeguismo cordial”. Nesa liña, engadiu que “o galeguismo e a tolerancia son as dúas ideas e os dous sinais que este Goberno vai intentar proseguir en todos os seus acordos e en todas as súas decisións”.
Núñez Feijóo reiterou o compromiso de modificar o decreto do galego no ensino, co obxectivo de que poida estar aplicado o vindeiro curso, xa que o actual está rematando. Apuntou que existen cuestións que requiren a modificación do decreto, polo que o Goberno galego se sinte cada vez “máis xustificado” para acometer esa reforma.
“Insisto en que nós imos defender o galego, imos promocionar o uso do galego e imos promocionalo como demócratas dentro da liberdade lingüística que ten que presidir as relacións entre o Goberno e os administrados, e as relacións entre os educadores e os educados” subliñou o presidente da Xunta, quen pediu respecto para os cidadáns que queiran utilizar calquera das dúas linguas.
Alberto Núñez Feijóo explicou que na actualidade existen moitas persoas que demandan poder dirixirse aos profesores en castelán aínda que a clase se imparta en galego, e indicou que para arranxar esta situación, “a prudencia e a seguridade xurídica” aconsellan reformar previamente o decreto. En todo caso, lembrou que o actual curso rematará dentro de entre catro e seis semanas e subliñou que a reforma se aplicará o vindeiro curso.
Xuntanza dos grupos políticos galegos sobre o financiamento autonómico
En relación coa reforma do financiamento autonómico, o presidente da Xunta manifestou que agarda manter a vindeira semana a xuntanza cos portavoces das forzas políticas galegas na que se pretende consensuar unha postura en relación con este asunto. “Espero que as forzas políticas e o Goberno levemos unha proposta conxunta cando me reúna co presidente do Goberno de España. Creo que eses son os intereses de Galicia e eses intereses de Galicia están por riba dos intereses de calquera forza política e dos intereses do Goberno”, resaltou.
Nese sentido, avanzou que unha vez cumprimentado o despacho coa Súa Maxestade o Rei de España, manterá un encontro co presidente do Goberno e, posteriormente, coa vicepresidenta económica, Elena Salgado, e, finalmente, co vicepresidente terceiro, Manuel Chaves, seguindo o procedemento fixado co xefe do Executivo español. Ademais, indicou que para celebrar estas xuntanzas será necesario “axustar axendas”, con motivo da inminente celebración do debate sobre o estado da nación.