28 abril 2009

¿Palabrería hueca? : declaración de la Xunta en el día de la seguridad en el trabajo

No día da Seguridade e Saúde no Traballo o Goberno Galego quere manifestar ao conxunto da sociedade o seu compromiso co dereito constitucional de todos os traballadores e traballadoras galegas á seguridade e saúde laboral, e a súa vontade de que todos e todas poidan contar cun traballo digno, seguro e de calidade.

O traballo non é unha mercadoría e os mercados deben estar ó servizo das persoas. Fai case noventa anos a Organización Internacional do Traballo, na súa carta fundacional, definiu como un dos seus principais obxectivos a protección da vida e da saúde dos traballadores. Na actualidade, os rápidos cambios tecnolóxicos e unha economía que se globaliza a grandes pasos plantexan novos retos e xeran presións sen precedentes en todos os ámbitos do mundo do traballo.

A prevención de riscos na prestación laboral non é só acadar o cumprimento formal da normativa aplicable para o efecto, ou a corrección “a posteriori”, das situacións de risco que xa xeraron consecuencias, en moitos casos, irreparables.

A planificación da prevención que debe ser coetánea co momento mesmo do deseño do proxecto empresarial, avaliación continuada do posto de traballo e o establecemento de medidas básicas de protección constitúen os alicerces imprescindibles no enfoque actual da prevención dos riscos laborais.

Neste senso, debemos ter en conta as Directrices Estratéxicas Comunitarias 2007-2013, que recollen a necesidade de Converter Europa nun lugar máis atractivo para investir e traballar, e de crear máis e mellores empregos. E cando falamos de mellores empregos, estamos falando de calidade de vida e de traballo, estamos falando da saúde dos traballadores, estamos falando, en definitiva da seguridade e saúde laboral dos traballadores e traballadoras.

Nestes momentos no que a situación económica está pasando por un momento difícil e está afectando a moitas das empresas do noso país, estamos convencidos dende o goberno da Xunta de Galicia que as políticas de austeridade e de redución de gasto que se poidan implantar non van a afectar, en absoluto, ás políticas de prevención de riscos laborais e, polo tanto, á seguridade e a saúde laboral dos traballadores, xa que as actuacións a desenvolver neste campo considerámolas como unha inversión, como unha mellora da produtividade da empresa e nunca como un gasto.

Neste sentido, o goberno galego vai levar a cabo unha política orientada á defensa da seguridade e saúde laboral e non escatimará recursos en desenvolver accións de promoción da prevención, de información e de formación dos traballadores e traballadoras galegas, de asesoramento técnico aos empresarios e de control das condicións de seguridade e saúde laboral en xeral, e en particular naqueles sectores de actividade nos que concentran unha maior sinistralidade.

A obriga dos poderes públicos de facer efectivo o dereito constitucional á seguridade e saúde laboral so será unha realidade se fundamenta e asenta no compromiso individual e colectivo de todos os axentes implicados no mundo da prevención no traballo: administracións, empresarios, organizacións sindicais e a clase traballadora.

A preocupación social do país polos sinistros no traballo é asumida como propia polos axentes sociais e polo Goberno galego por mor da urxencia da necesidade de implantar unha verdadeira cultura da prevención que mude a crúa realidade e por iso no marco do proceso de diálogo social, en marcha no noso país, terá un tratamento preferente a prevención de riscos laborais.

Este Goberno, quere facer no día da Seguridade e Saúde no Traballo un firme chamamento a todas as empresas e traballadores, para que asuman como elementos do seu facer diario os principios da protección da vida, da saúde e da integridade física dos propios traballadores nun contorno de colaboración e de corresponsabilidade.

A Xunta de Galicia, reitera pois, neste día, o seu compromiso de traballar con todos os colectivos e organizacións vinculadas ao mundo preventivo e, especialmente, cos axentes sociais, de facer que o desenvolvemento do traballo nas empresas radicadas no país sexa máis san e máis seguro.


Santiago de Compostela, 28 de abril de 2009