27 abril 2009

La voz que clama en el desierto...

FUNCIONARIOS CON FRONTERAS

Antón Bouzas Álvarez, coordinador dos Programas de Saúde e Convivencia comunitarias de reducción de danos da UAD do Concello de Vigo - Benestar Social: ante a decepcionante "CAMPAÑA ESPECÍFICA DE IDENTIFICACIÓN DE INDIXENTES DESTINADA Á COMPROBACIÓN DA SÚA SITUACIÓN PERSOAL E OFRECEMENTO DE AXUDAS SOCIAIS" levada a cabo pola Sección de Patrullas da Policía Local de Vigo, debo manifestar o seguinte :

1- Varias persoas sen teito veciñas do Casco Vello- Vigo centro, preguntábannos días atrás se estaban obrigados a contestar ás preguntas da Policía Local sobre a súa situación socio-sanitaria.

2- O departamento social de Benestar Social do Concello de Vigo ten coñecemento amplo da situación das persoas sen teito, desenvolvendo importantes programas de intervención de rúa e achegando orzamentos a entidades relixiosas, ONXs e unidades básicas de acción social, a quen lles corresponde o labor de observación, diagnose e acción para atenuar no posible as consecuencias socio-sanitarias das persoas máis empobrecidas da cidade. Estas entidades contan con todos os datos numéricos actualizados. Considero este estudo unha inxerencia e unha irresponsabilidade por parte dos seus responsables.

3- Un importante número de veciñ@s sen teito da zona foron expulsados por distintas policías das choupanas e, posteriormente, tapiadas as portas e ventás, tendo algún dos afectados que responder perante a autoridade xudicial.


4- A Policía Local, o Alcalde da cidade e o Concelleiro de Seguridade non teñen credibilidade para as persoas sen teito por teren amosadas conductas aporofóbicas, pedindo e polemizando publicamente que as instalacións da "Gota de Leite" Centro de Emerxencia Social e Albergue da Xunta de Galicia se lles ceda para as instalacións da Policía Local ante as carencias de espazos e infraestruturas que esta policía padece.


5- A perda de tempo das patrullas da Policía Local amosa unha frivolidade pola que os responsables políticos debían de responder por dexación de funcións. As patrullas deberían adicar o seu tempo a denunciar os gravísimos problemas e incumprimentos das normas locais de salubridade, hixiene e seguridade dos inmuebles e negocios que poñen vidas humanas en risco polos continuos incendios dos que os sen teito non son culpables, senón víctimas.

6- Lembramos que en Vigo NON HAI ALBERGUE MUNICIPAL, só colchóns en réxime urxente e precario, nun andar dunha dependencia municipal, en resposta á pasada ola de frío.


7- O Alcalde, o Comité de Empresa do Concello e a Policía Local se conseguisen parar a execución do proxecto do Centro de Emerxencia Social e Albergue, sería para a nosa cidade unha inxusta e aporofóbica perda de valores democráticos como a igualdade, a libertade e a xustiza.
Este centro está en condicións de poñerse en marcha a finais do mes de xuño, e desexamos honestamente que a Policía Local de Vigo atope ese espazo tan necesario para o desenvolvemento da súa importante labor, sen perxuicio doutras urxentes necesidades que, igualmente, deben atenuarse.

Este martes día 28 de abril, ás 11 da mañá, na Praza de Argüelles, as persoas sen teito e as que con elas convivimos, seguiremos facendo soar as nosas voces coa cantiga que pretende ser o noso himno "Nas choupanas de Vigo morreron varios sen teito", adaptación da cantiga " En el pozo de María Luisa", para evitar que os nomes dos compañeiros mortos se borre da historia.
Pedimos ao Alcalde, comité de empresa e Policía Local sentidiño e acougo.

ANTÓN BOUZAS