29 abril 2009

"Economía e Xénero", sesions en maio na cidade de Vigo

VIGO (MORRAZO-tribuna) .- A concelleira de Igualdade, lolanda Veloso presentou este mércores as sesións que se celebrarán no mes de maio do módulo “Economía e Xénero”, do Programa de Posgrado de Estudos de Xénero da Universidade de Vigo. A edil do BNG subliñou a importancia de abrir os módulos universitarios a todas as mulleres, polo que convidounas a participar nas sesións formativas, que teñen carácter gratuíto, “para que poidan achegar as súas visións”.

“Esta época de crise é un momento especialmente importante para desenvolver un módulo sobre economía e xénero”, salientou Iolanda Veloso na presentación, na que tamén participou a profesora da Universidade de Vigo e directora do curso, Purificación Mayobre. “É fundamental a colaboración conxunta entre a Universidade e o Concello, tanto no eido financieiro como no institucional”, salientou Purificación Mayobre.

As persoas interesadas en participar nas sesión deberán realizar unha inscrición previa antes do 13 de maio mediante o correo electrónico ofi.muller@vigo.org ou o fax 986 430 082. Na inscrición é preciso indicar o nome completo, enderezo, teléfono e correo electrónico, así como o interese de participar no módulo completo ou nalgún dos tres apartados nos que se divide. O primeiro deles terá lugar os días 14 e 15 de maio de 16 a 21 horas e o 16 de maio de 10 a 14 horas. Baixo o título “Traballo e xénero”, o curso será impartido pola profesora titular do departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo Coral del Río.

O segundo módulo versará sobre “Política fiscal e xénero”, será impartido pola xefa de estudos de investigación no Instituto de Estudos Fiscais do Ministerio de Economía e Hacienda, María Pazos Morán, e terá lugar os días 23 e 22 de maio en horario de 16 a 21 horas e o 23 de maio de 10 a 14 horas. En terceiro lugar terá lugar o apartado “Xénero, familia, traballo: construción das subxectividades femininas e masculinas” os días 28 e 29 de maio de 16 a 21 horas e o 30 de maio de 10 a 14 horas. Neste caso será impartido polla directora do programa de Estudos de Xénero e Subxectividade na Universidade de Ciencias Empresariais e Sociais de Bos Aires.